Debate: Como botar fóra os trampulleiros sen matar o ciclismo

Lance Armstrong Dominio Público Praza Pública

Fopeiro e Carlos Selas comenzan en Elos e Canelas, o blog de ciclismo de Praza, unha serie de reflexións sobre a dopaxe neste deporte actual e o momento actual despois da anulación das vitorias de Lance Armstrong no Tour de Francia.

As dúbidas sobre Lance Armstrong non son cousa deste verán, nin é unha conspiración inventada por fiscai americanos con ansia de vinganza. Por facer algo de memoria, xa durante o ano 2004, os periodistas Pierre Ballester e David Walsh recollían no seu libro L.A. Confidentiel varias testemuñas de asistentes de Armstrong que denunciaban a utilización de substancias dopantes por parte do americano. Lance díxonos que todo era mentira, unha invención de dous periodistas descoñecidos para vender libros… parecía unha historia un pouco enrevesada, e eu crin nel.

Pouco máis tarde, no ano 2005, o diario L’Equipe publicaba que unha análise das mostras de orina conxeladas procedentes do Tour de 1999 arroxara varios positivos por EPO, entre eles o do gañador do Tour daquel ano. A historia era rara, o chivatazo viña dun anónimo empregado do laboratorio de Chatenay-Malabry e só destapaba o positivo de Armstrong, malia a que el mesmo afirmaba que houbera máis mostras positivas. Lance díxonos que todo era mentira, un intento da prensa francesa por difamalo… pero xa era a segunda vez que se arroxaba unha sombra de dúbida sobre el, e pouco a pouco a nosa confianza empezaba a esfarelarse.

A aparición do informe da USADA non fixo máis que proporcionar unha chea máis de razóns para dubidar de Armstrong

O tempo foi pasando, e cada poucos meses un novo golpe fendía un pouco máis na credibilidade do americano: as ameazas a Greg Lemond no caso de que se atrevese a falar da súa relación con Ferrari, a denuncia de Floyd Landis de dopaxe xeneralizada no equipo, a investigación por dopaxe aberta polo fiscal do caso Balco… indicios, só indicios, pero cada un deles ía escurecendo un pouco a sombra da dúbida sobre o americano.

A aparición do informe da USADA non fixo máis que proporcionar unha chea máis de razóns para dubidar de Armstrong: as declaracións de destacados compañeiros de equipo durante os seus anos na estrutura de Bruyneel (Landis, Hincapie, Vaughters, Zabriskie, Leipheimer, Hamilton…) pero tamén de corredores que pasaron moito menos tempo no equipo (como Bileka) ou outros clientes de Michele Ferrari (como Bertagnolli), os extractos bancarios dos pagos ao doutor italiano, as declaracións da súa ex-masaxista Emma O’Reilly admitindo ter feito viaxes a Girona para suministrar substancias dopantes ao equipo…

Tantas persoas, tantas situacións coincidentes nas declaracións de todos eles, tantos lugares e nomes que se repiten invariablemente en todas as testemuñas que finalmente o caso non resiste o principio da navalla de Occam

Tantas persoas, tantas situacións coincidentes nas declaracións de todos eles, tantos lugares e nomes que se repiten invariablemente en todas as testemuñas que finalmente o caso non resiste o principio da navalla de Occam, segundo o cal “en igualdade de condicións, a explicación máis sinxela adoita ser a correcta”. As dúas posibles explicacións a todo este tema son 1) a existencia dunha rede de dopaxe no equipo de Armstrong ou 2) unha conspiración da USADA, o Tour de Francia, o laboratorio antidopaxe de Chatenay-Malabry, varios dos ex-compañeiros de equipo de Lance, ciclistas doutros equipos que tamén frecuentaban ao doutor Ferrari e varios bancos suízos, para facernos crer que o americano se dopaba co único propósito de desposuelo dos seus sete Tours. A razón ou a fe.

 

Non se pode aceptar que os corredores vivan nunha especie de estado policial

O problema é moito máis complexo. As implicacións de toda esta situación desbordan con creces a mera problemática deportiva e as consecuencias das decisións que se toman, e de como se toman, alcanzan o ámbito moral, o legal e o político

Está moi ben clamar pola limpeza no deporte, manifestar (con sinceridade) que queremos un ciclismo sen dopaxe, que os trampulleiros deben estar fóra do pelotón, que ben se vía que Lance ía de EPO ata arriba, ou que non se explican algúns cambios bruscos no rendemento dalgúns ciclistas. Está moi ben, e é moi fácil, sospeitar dos ciclistas que nos caen mal, e non facer caso de preocupantes indicios que ás veces abrollan sobre os nosos ídolos. E como con este comportamento sempre quedamos contentos e coa conciencia tranquila, basicamente, é a isto ao que nos adicamos.

Pero o problema é moito máis complexo. As implicacións de toda esta situación desbordan con creces a mera problemática deportiva e as consecuencias das decisións que se toman, e de como se toman, alcanzan o ámbito moral, o legal e o político. Creo que temos que pararnos a pensar e a reflexionar con calma que pasa realmente con todo isto.

Nalgún momento as autoridades deportivas decidiron prohibir o uso de certas substancias porque supoñían unha fraude e un perigo para os deportistas

Para empezar: que é a dopaxe? Segundo o dicionario é “Administración dunha substancia estimulante para aumentar circunstancialmente as capacidades físicas”. De tal xeito que calquera cousa pode ser considerada dopaxe (un café, un vaso de viño). Conscientes de tal situación a lexislación deportiva (e a ordinaria) especifica que substancias se consideran dopantes e en que medidas (sexa en porcentaxes ou en picogramos).

E por que hai que prohibila no deporte? Sen entrar a analizar a historia da dopaxe (sabemos por exemplo que xa nas carreiras de principios do XX algúns corredores tomaban estricnina e cocaína), nalgún momento as autoridades deportivas decidiron prohibir o uso de certas substancias porque supoñían unha fraude e un perigo para os deportistas (xa en 1928 a Federación Internacional de Atletismo prohibe algunhas substancias). De permitilo provocarían unha “guerra armamentística” de terribles e predicibles consecuencias.

Defendo que individuo sabe o que fai co seu corpo e é el o que decide ata onde quere chegar para lograr os seus obxectivos. Porén, é evidente que cómpre establecer un regulamento deportivo en relación coa dopaxe que evite a trampa e a fraude, mais desconfío de que os estados condeen estes comportamentos por cuestións de saúde pública.

Coido que unha vez máis os gobernos se propasaron nas súas funcións. O deportista que fai trampa debe ser sancionado dentro do deporte, e, se se quere, e só como consecuencia desa trampa, pode ser acusado pola vía xudicial ordinaria por patrocinadores

Coido que unha vez máis os gobernos se propasaron nas súas funcións. O deportista que fai trampa debe ser sancionado dentro do deporte, e, se se quere, e só como consecuencia desa trampa, pode ser acusado pola vía xudicial ordinaria por patrocinadores, patronos, ou incluso (como no caso de Armstrong) polas casas de seguros, pero non me parece ben que se considere un delicto o suministro de substancias dopantes. A miña opinión é por tanto, resumindo, que a cousa non debe traspasar o ámbito deportivo.

Ao deportista profesional podemos esixirlle, de acordo sempre coa lexislación deportiva da competición na que participe, que non mellore o seu rendemento con substancias previamente prohibidas, pero non que sexa un superhome tamén no moral ata o punto de que teña menos dereitos civís que calquera outra persoa.

A hipocrisía leva a que se castiguen comportamentos alleos ao deporte, relacionados co consumo de substancias, pero non outros actos delictivos. Lembremos o caso de Tom Boonen. Nun control fóra de competición atoparon que consumira cocaína. Boonen puido demostrar que era un consumo con finalidade recreativa e estivo a piques de ser xulgado por vía penal en Bélxica (onde esta práctica é ilegal). No deportivo, a UCI e a AMA declararon o caso como “non sancionable” por non ser dentro dunha carreira. Malia a isto, o Tour de 2008 vetou a súa presenza por ser susceptible de danar a imaxe da rolda. Por que ninguén sanciona nunca a un deportista que non ten carné de conducir ou que ten unha lea nunha discoteca? Pois porque non ten nada que ver. Pois o mesmo co consumo de substancias para o lecer: nada que ver co que faga un deportista no seu traballo.

Como é posible que se remexa no pasado, con aire de Inquisición, para sacar á luz as miserias dun dos máis grandes campións da historia do Tour de France, cando non deu nunca positivo?

Por outra banda asistimos a un aplauso xeralizado do famoso manifesto de varios prestixiosos diarios internacionais no que se pide (entre outras cousas) que se retire calquera dereito de presunción de inocencia aos ciclistas, e, por último, ao caso Armstrong: como é posible que se remexa no pasado, con aire de Inquisición, para sacar á luz as miserias dun dos máis grandes campións da historia do Tour de France, cando non deu nunca positivo? Cara a onde nos levan estas actuacións? Cara a onde nos leva esta voráxine expurgatoria?

Alguén pensa que se soluciona algo entrando como elefante en cacharrería desta maneira? A única saída é mellorar os controis e que, dunha vez, non haxa tratos de favor cara a ningún equipo nin ciclista

Realmente alguén pensa que se soluciona algo entrando como elefante en cacharrería desta maneira? A única saída é mellorar os controis e que, dunha vez, non haxa tratos de favor cara a ningún equipo nin ciclista. Pero nunca se pode aceptar que os corredores acaben vivindo nunha especie de estado policial, sempre baixo sospeita e constantemente vixiados. Por esta vía acabaremos vivindo unha especie de Show de Truman, un reality show máis que un espectáculo deportivo. Andar a fozar así no lixo só pode levar a unha vía sen retorno.

P.S.- Recomendo especialmente este artigo de Ezequiel Mosquera, críptico mais clarificador se se sabe ler entre liñas

Lance Armstrong Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.