Fernando Romay, Xosé Antonio Touriñán, Federico Pérez Rey, o futbolista do Rayo Santi Comesaña ou Carol González, viguesa e mellor xogadora do mundo de fútbol praia en 2019. Son algúns dos persoeiros que durante os últimos días se uniron á campaña #FainoEnGalego, que nas redes sociais solicita que os equipos deportivos de Galicia empreguen a lingua propia.
A iniciativa #FainoEnGalego solicita aos clubs deportivos do país empregar a lingua propia nas súas comunicacións
"Nos tempos que corren, a nosa fala pide a berros que a tentemos fomentar entre a cativada e non se nos ocorreu mellor maneira para facelo, que suxerirlle aos clubs deportivos que a empreguen. Eles están preto da xente miúda e poden ser un espello onde verse e tentar mudar a tendencia da perda de galego-falantes a idades temperás", explicaba o pasado luns @RamonadoCurral un dos perfís en Twitter impulsores da campaña.
A iniciativa baséase en solicitar ás entidades deportivas que adoitan chiar en castelán que o fagan en galego empregando o hashtag #FainoEnGalego. E a resposta non tardou. Clubs como o Ciclista Betanzos, o Intasa San Sadurniño, A Fervenza ou o Ural apoiaron a campaña usando a lingua galega, así como deportistas de diferentes disciplinas.