Falece o home agredido nun partido de balonmán ao intentar frear os insultos ao seu neto árbitro

Público durante un partido de balonmán en Galicia © Federación Galega de Balonmán

Andrés Rico, espectador agredido durante un partido de balonmán de categorías inferiores en Sanxenxo o pasado 15 de decembro, faleceu este luns logo de máis de dous meses hospitalizado na UCI e ao non poder superar as graves lesións sufridas aquel día. 

Todo aconteceu durante o encontro disputado entre os equipos do Sanxenxo e o Rasoeiro, de categoría cadete feminina. Andrés, avó do árbitro que dirixía o partido, intentou intervir de xeito pacífico e calmar a actitude violenta dun espectador cara ao seu neto, de tan só 15 anos, ao que estaba increpando. O implicado empurrou este home de 68 anos, que acabou morrendo máis de dous meses despois pola gravidade das lesións cerebrais provocadas pola caída. 

Rapazas xogando ao balonmán nun pavillón en Galicia © Federación Galega de Balonmán

Tanto o agresor como o agredido son veciños do Grove, localidade na que centos de veciños e veciñas se manifestaran en decembro para condenar a agresión a Andrés, home moi querido e coñecido na localidade, que agora o despide con tristura. O falecido rexentaba un coñecido establecemento comercial. 

O falecido intentou calmar un home que increpaba o seu neto, de 15 anos, árbitro dun partido de categoría cadete feminina

Tras o incidente iniciouse un proceso xudicial que continúa en marcha e a Federación Galega de Balonmán promoveu o peche de pavillóns ao público durante un mes e puxo unha campaña a prol do bo comportamento nas canchas. O home que empurrou o falecido está investigado agora por homicidio imprudente por un xulgado de Cambados. O pasamento elevou o posible delito, que nun principio era de lesións. 

A noticia da tráxica morte chega só uns días despois de que unha nai denunciase na Coruña a situación de "acoso" sufrida pola súa filla, árbitra de tan só trece anos, durante un partido de fútbol de categoría prebenxamín entre o Victoria e o Silva. A Federación Galega de Fútbol sancionou os delegados de ambos conxuntos: un deles por tres meses por "coaccionar" a rapaza e outro con tres partidos por tratala con "menosprezo e desconsideración". 

Hai só uns días, unha nai denunciou o "acoso" sufrido pola súa filla de 13 anos cando arbitraba un partido de prebenxamíns

Precisamente, este pasado domingo, no encontro de Segunda División que o Deportivo e o Huesca disputaron en Riazor, Raquel, a rapaza que sufriu o episodio violento, foi a protagonista dun acto enmarcado na campaña LaLiga vs Odio. Saíu xunto aos seus compañeiros árbitros e encargouse de ler un comunicado. “O respecto e a paixón deben ir da man. Somos moitos mais os que cremos nun fútbol sen insultos nin violencia”, asegurou entre os aplausos da bancada. 

Mentres, no balonmán, a Federación Galega manifesta o "loito" no seu deporte polo pasamento de Andrés Rico e traslada os "agradecementos" da súa familia a todo o persoal do Hospital Álvaro Cunqueiro pola súa "profesionalidade, atención e empatía amosada durante estes máis de dous meses de pesadelo". 

Raquel, árbitra de 13 anos que denunciou "acoso" nun partido, le un manifesto en Riazor contra o odio © LaLiga

O ente federativo publicou ademais unha carta dirixida á vítima na que expresa a súa "impotencia" e "indignación" ante un suceso "inxusto". En varias ocasións, a Federación pide "perdón" ao falecido: "Por non ser capaces de impedir o fatídico suceso", "por chegar tarde", "por non ter sido capaces de transmitir de xeito eficiente que sen respecto nada disto ten sentido"...

"Perdón por non parar antes, por non envorcarnos dende o primeiro conflito na loita contra esta lacra, por non acadar que máis de un entenda que a violencia non só é cousa de golpes, por todas esas persoas que non ven o problema porque non lles tocou de preto, por non ser capaces de impedir a túa viaxe", di a Federación nunha sentida carta na que tamén reclama desculpas "polo despropósito de que quen provocou a túa partida aínda teña máis que dicir e siga a facer vida normal". 

Ademais, a Federación dá as grazas tanto á familia como ao propio falecido pola súa "implicación" e "agarimo". "Sabemos que aínda que non te vexamos nos nosos pavillóns, sempre estarás con nós", remata a carta. 

O falecemento tivo unha enorme repercusión e mesmo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reaccionou á triste noticia. "Hoxe é un día triste para Galicia. As miñas condolencias á familia de Andrés, falecido tras unha agresión nun partido de balonmán", dixo en redes nunha mensaxe onde manifestou que "os valores do deporte, como o esforzo e o traballo en equipo, deben prevalecer sempre". "A violencia nunca é unha opción", rematou. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.