As novas medidas ordenadas pola Xunta no ámbito do deporte fan que se lle reviren as federacións deportivas de España. Tal e como publicou o DOG o pasado mércores, o deporte galego non profesional de nivel estatal terá que pasar tests serolóxicos cada 14 días pero, ademais, os equipos que veñan doutras comunidades terán que facelo tamén entre 72 e 24 horas antes de viaxar para poder competir en Galicia.
A Xunta ordena que os equipos que veñan doutras comunidades a competir a Galicia terán que pasar tests serolóxicos entre 72 e 24 horas antes de viaxar
Esta novas medidas, que modifican por segunda vez as adoptadas polo Consello da Xunta o pasado 12 de xuño para a práctica deportiva federada non profesional, supoñen un gasto extra que moitos clubs galegos teñen difícil asumir, pero provocaron sobre todo unha dura reacción desde outras comunidades e desde as federacións deportivas estatais, que ameazan cunha contundente decisión: obrigar os equipos galegos a xogar fóra de Galicia cando actúen como locais para evitar así realizar os tests serolóxicos aos que obriga o Goberno autonómico.
A ADESP, entidade que agrupa as federacións deportivas españolas, acusa de "deslealdade" á Xunta por unha esixencia a maiores das do protocolo do CSD
Non foi unha arroutada. A ADESP (Asociación del Deporte Español), entidade que agrupa as diferentes federacións deportivas estatais, emitiu un duro comunicado así que coñeceu a publicación do DOG. Acusa a Xunta de "rachar cos compromisos relacionados co Protocolo para a volta de competicións oficiais de ámbito estatal e carácter non profesional", en referencia ao "consensuado" entre o Consello Superior de Deportes (CSD), as entidades deportivas e as comunidades autónomas, cunha medida que, din, "non aparece contida" nese documento.
As diferentes federacións deportivas galegas foron advertidas mediante carta xa a semana pasada desta modificación do protocolo autonómico que foi logo coñecida polas federacións doutras comunidades, que reaccionan agora acusando de "deslealdade" á Xunta.
O protocolo pactado polo CSD non esixe probas de covid-19, aínda que as recomenda, ademais de advertir da posibilidade de medidas a maiores en cada comunidade autónoma. Aí se agarra a Xunta, que aclara que opta así por protexer a saúde dos deportistas galegos ante a falta de actuación dun CSD que non afonda máis. De feito, Galicia é o territorio coas medidas máis estritas na busca da seguridade na práctica deportiva e tamén a que sufriu a polémica co equipo de fútbol de Fuenlabrada, que viaxou á Coruña cun gromo de coronavirus na súa expedición que provocou a polémica suspensión da derradeira xornada de Liga da Segunda División.
A Xunta ratifica a "necesidade de tests para os deportistas e equipos que compitan con contacto como medida provisional para protexer toda a poboación"
De feito, a Xunta insistiu este venres a través dun comunicado na "necesidade de tests serolóxicos para os deportistas e equipos que compitan con contacto como medida provisional para protexer a toda a poboación". E lembra que "o protocolo do CSD constitúe un marco xeral de mínimos e é subsidiario da normativa que poida ditar tanto o Goberno central como as comunidades, polo que non pode impedir o exercicio das competencias autonómicas en materia de sanidade".
Ademais, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, lembra que o protocolo para o regreso das competicións oficiais de ámbito estatal e carácter non profesional, elaborado polo CSD, "non esclarece aspectos como o tipo de proba a realizar, o seu financiamento, a evolución da súa utilidade e se se deben realizar máis dunha vez con posterioridade”, cuestións pendentes de decidir no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde "a pesar de que as competicións xa teñen comezado ou son de inminente comezo".
A polémica chegou a numerosas disciplinas deportivas, afectando mesmo a clubs de elite como o Liceo de hóckey sobre patíns. O seu adestrador, Juan Copa, amosou este venres en Radio Coruña unha postura compartida por moitos equipos galegos, que priorizan a seguridade e avalan a realización de tests que non esixen outros territorios.
"Sabemos o que estamos pasando, vimos duha pandemia... Non se está a pedir nada que non sexa o correcto, mesmo economicamente os tests son máis baratos", di Copa, que asegura que "se para xogar hai que pasar tests, haberá que facelo porque o deporte é igual que o resto da sociedade". "Se queremos xogar, temos que cumprir as normas", engadiu.
Clubs federados doutras disciplinas, en conversa con Praza.gal, pregúntanse se o resto de federacións pensaban en viaxar a Galicia a competir "sen teren realizado antes proba ningunha e poñendo en risco a saúde de tantas persoas". Ademais, advirten de que os tests serolóxicos son moito máis asequibles de prezo que as PCR e instan ás devanditas federacións que busquen a maneira, ben a través do CSD ou das administracións, de sufragar os controis.
Con todo, para a ADESP a decisión da Xunta, "máis aló da súa legalidade en clave competencial ou da súa necesidade en clave de protección da sáude, constitúe unha actuación desleal cara ao marco de actuación conxunta consensuado entre todos os axentes". Para o colectivo que representa as federacións deportivas estatais, "a esixencia dos tests nos termos e condicións formuladas demoniza inxustamente algunhas das nosas actividades".
As federacións deportivas piden á Xunta que non esixa tests aos equipos que se despracen a Galicia para "posibilitar o normal desenvolvemento das competicións"
Por esa razón, pide a "axuda" do CSD para "o normal desenvolvemento das competicións federadas oficiais de ámbito estatal". E á Xunta que, "coa fin de posibilitar que as competicións federadas estatais poidan desenvolverse dentro do marco harmonizado, modifique a esixencia de realización de tests serolóxicos ou probas semellantes en orixe como condición para tomar parte nestes eventos".
No caso de que a Xunta manteña a normativa, o colectivo advirte de que as federacións deportivas españolas, "dentro do marco de autorregulación e organización das súas actividades", poderían verse obrigadas á "adopción de acordos ou regulacións propias que supoñan que os eventos que se deberan disputar en Galicia teñan que celebrarse noutros luares onde, seguindo o convenido no protocolo do CSD, non se contemplan as devanditas esixencias".
En resumo, as federacións ameazan con obrigar os equipos galegos a disputar todas as súas competicións fóra de Galicia para que así os clubs do resto de comunidades poidan esquivar a obrigatoriedade de facer as probas. "Isto provocaría un prexuízo para os clubs deportivos e deportistas de Galicia, que acabarían por resultar damnificados directamente polo desexo do seu goberno autonómico de afastarse dos criterios contemplados polo protocolo unificado para o regreso das competicións federadas oficiais de ámbito estatal".
"A única deslealdade é deixar sen protección a poboación asumindo o risco de que varios grupos de persoas realicen a práctica deportiva sen máscara e sen probas"
Ante esta ameaza da ADESP, a Xunta, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, lembra, como así consta nas alegacións presentadas ao protocolo do CSD, "a súa defensa da necesidade de realizar tests serolóxicos ou probas similares para a reactivación segura da práctica deportiva". Ademais, considera que "a única deslealdade é deixar sen protección a toda a poboación asumindo o risco de que varios grupos de persoas realicen a práctica deportiva con contacto físico, sen máscara e sen a necesidade de realizar probas de detección do virus".