O xulgado investiga se na viaxe do Fuenlabrada á Coruña houbo delito de lesións ou contra os dereitos dos traballadores

Xogadores do Fuenlabrada chegando ao aeroporto de Alvedro na mañá do luns 20 © CF Fuenlabrada

A xuíza do Xulgado de Instrución nº6 da Coruña, no que recaeron as denuncias presentadas contra a Liga, o seu presidente e o Club de Fútbol Fuenlabrada, abriu xa dilixencias previas para analizar se a viaxe do equipo madrileño á cidade herculina despois de coñecer que tiña casos de coronavirus no grupo puidesen ser constitutivos “dun ou varios delitos de lesións ou mesmo contra os dereitos dos traballadores”. Con todo, a maxistrada entende que non existen indicios da comisión dun delito contra a saúde pública nin de desobediencia con encaixe no Código penal. 

A titular do xulgado acordou solicitar á Policía Xudicial a elaboración dun informe sobre as circunstancias que seguiron á detección dun positivo por COVID-19 no persoal do Fuenlabrada desde a perspectiva dos protocolos existentes, estudo que debe detallar tamén datos sobre as condicións en que se produciu o traslado á Coruña, precisión do número de positivos e indicios sobre a forma de contaxio.

Un dos xogadores do Fuenlabrada, no avión que os levou a Coruña © C.F. Fuenlabrada

Este xoves a Xunta de Galicia anunciou a apertura dun proceso sancionador contra a Liga e o Fuenlabrada por incumprimentos graves do protocolo sanitario. Este procedemento veu precedido dunha investigación que concluíu que houbo "incumprimento sistemático dos protocolos deportivos e sanitarios xerais existentes na normativa sanitaria".

A maxistrada entende que non existen indicios da comisión dun delito contra a saúde pública nin de desobediencia con encaixe no Código penal

De igual xeito, tamén o Concello da Coruña solicitou á Fiscalía que investigase a viaxe do Fuenlabrada á cidade herculina por se fose constitutiva de delito. O pasado venres a Fiscalía Provincial da Coruña anunciou a apertura de dilixencias de investigación penal.

Este venres 33 dos 46 integrantes da expedición do Fuenlabrada que se atopaban confinados nun hotel coruñés foron autorizados a regresar a Madrid, despois de ter superado a corentena e recibir a alta epidemiolóxica. Os 13 restantes deberán permanecer confinados no devandito hotel.

30 novos casos en Galicia

No mes de xullo Galicia sumou 615 novos casos

A Consellería de Sanidade notificou este venres a detección de 30 novos positivos de coronavirus, a cifra máis elevada dende o pasado domingo. Estes novos casos provocan o aumento do indicador de 'casos activos' que habitualmente manexa o Sergas, e que se sitúa en 280. Boa parte do incremento débese á aparición de novos brotes, especialmente na comarca da Coruña, con 25 positivos ligados a un ximnasio situado en Meicende (Arteixo). 

Hai 13 persoas hospitalizadas

Deses 280 casos activos, a meirande parte (267) atópanse nos seus domicilios con síntomas leves ou sen síntomas. Os 13 restantes están hospitalizados, aínda que só 1 na UCI.

Este novo incremento confirma a tendencia amosada ao longo de todo o mes de xullo, con 615 novos casos de coronavirus, fronte aos 250 rexistrados no mes de xuño.

O brote da Mariña baixa a 42 casos activos

O brote da Mariña segue reducindo de forma paseniña as súas cifras de persoas afectadas, situándose este venres en 42 casos activos, cun positivo novo e tres altas, despois de ter realizado 58 probas PCR. Dúas persoas permanecen no hospital da Mariña e os restantes pacientes atópanse nos seus domicilios. Outras 309 persoas, contactos directos dos positivos, atópanse tamén en seguimento domiciliario malia ter resultado negativas en coronavirus as súas probas.

Dos 280 casos activos, 87 son da área sanitaria da Coruña (11 máis que onte), 80 da de Lugo (=), 15 da de Ourense (+8), 25 da de Pontevedra (+2), 48 da área de Vigo (-1), 23 da de Santiago (=), e 2 da de Ferrol (=). A Coruña convértese así na área sanitaria con máis casos, superadon despois de máis dun mes a Lugo.

O brote da Coruña, iniciado nun ximnasio de Meicende (Arteixo), chega xa a 25 positivos

O brote da Coruña, iniciado nun ximnasio de Meicende (Arteixo), chega xa a 25 positivos, unha cifra que segue medrando a medida que se rastrexan os contactos dos primeiros afectados e que xa se converteu no segundo brote máis importante en Galicia despois da finalización do estado de alarma. De momento, o Sergas levou a cabo 425 probas PCR para tentar detectar os posibles contaxios derivados dos primeiros casos, que abranguen espazos diversos, coma o matadoiro municipal ou o Centro Cívico de Monte Alto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.