Galicia busca facer historia na Copa das Rexións mentres negocia o regreso da selección profesional sete anos despois

A selección galega afeccionada celebra un gol CC-BY-SA FGF

A selección galega afeccionada de fútbol debuta este venres na Fase Final da Copa das Rexións UEFA ante Irlanda no campo de Burgáns, en Cambados. O equipo tentará continuar facendo historia neste prestixioso torneo oficial que se celebra por primeira vez en Galicia, que foi sede tamén o ano pasado da fase intermedia na que o equipo branquiazul -actual campión estatal- venceu para conseguir o pase.

O combinado adestrado por Iván Cancela busca o título desde este venres e ata o 17 de xuño nunha competición na que, no seu grupo, enfrontarase a Baviera (Alemaña) e Zenica-Doboj (Bosnia), ademais de á selección irlandesa. No grupo B loitarán polo pase Lisboa, Belgrado, Zilin (República Checa) e Dolnośląski (Polonia), o actual campión. 

A selección galega celebra o seu pase á fase final da Copa das Rexións da UEFA CC-BY-SA FGF

Cambados, Portonovo, Ribadumia e Vilagarcía serán os escenarios dun torneo onde os primeiros de cada grupo disputarán o final o sábado 17 de xuño no estadio da Lomba, na capital arousá. Loitarán polo trofeo da Copa das Rexións, prestixiosa competición destinada a futbolistas que nunca xogaran a nivel profesional e que dura dúas tempadas, enfrontando a representantes de 27 estados europeos que primeiro superan unha fase previa nos seus países.  

Galicia busca a súa primeira Copa das Rexións UEFA, prestixioso torneo que enfronta equipos de 27 estados que antes deben pasar varias fases previas

Entre os vinte convocados, futbolistas do Arosa, da UD Ourense, do Paiosaco, do Estradense, do Choco, do Somozas, do Rápido de Bouzas, do Alondras, do Sigüeiro e do Atlético Arteixo. Unha representación do mellor do fútbol afeccionado galego, que leva tempo destacando nas competicións que disputa e que loitará por gañar por primeira vez o torneo. 

"Levamos catro anos sen perder un partido e só cedemos un empate, pero aquí están os equipos que gañaron as súas fases intermedias e todos veñen gañar", destaca o seleccionador galego, Iván Cancela, que di estar convencido das opcións de Galicia no torneo. 

Iago Aspas, coa selección galega en Riazor en 2016 © FGF

A Federación Galega negocia con dúas seleccións suramericanas para o regreso da selección galega profesional sete anos despois

A Copa das Rexións chega a Galicia xusto cando a Federación Galega de Fútbol (FGF) negocia con dúas seleccións suramericanas para a disputa dun partido amigable da selección este ano, xa con xogadores profesionais. O presidente da FGF, Rafael Louzán, recoñece que "non é fácil" ante o "saturado" do calendario, tanto na Liga como nas competicións europeas. 

"Hai que facerlles seguro a todos os xogadores, hai que ter un rival... Non é fácil", explica quen confía aínda na volta dun combinado que non xoga desde hai sete anos, cando se enfrontara en Riazor ante 18.000 persoas a Venezuela. 

Iago Aspas, Borja Iglesias, Brais Méndez, Joselu, Santi Comesaña ou Lucas Pérez agardan por un partido que pretende ser "a festa do fútbol galego" pero que hai xa ben anos que non se celebra. 

Aquel encontro ante Venezuela en 2016 fora unha excepción no veto que sofre a selección galega de fútbol desde a volta do PP ao goberno da Xunta en 2009. Desde 2008, no que Galicia disputara o seu anterior partido ante Irán, pasaron oito anos ata que o equipo regresou aos campos.

O argumento económico e da "austeridade" foi o elixido durante anos por Núñez Feijóo para non apoiar a organización dos amigables, aínda que estes eran sufragados con patrocinios privados. Todo entre fortes críticas do seu Executivo e do seu partido ante uns encontros que cualificaban de "circo identitario" ou de "nulo valor deportivo". 

Trofeo da Copa das Rexións da UEFA, que se disputa en Galicia CC-BY-SA FGF

Un partido en quince anos da selección galega, que xa agardara 66 ata que en 2005 o goberno bipartito da Xunta recuperara os partidos no Nadal, eses que en Catalunya e Euskadi levábanse anos realizando. Faranse18 anos no vindeiro 29 de decembro daquela reestrea con cheo en San Lázaro e emoción nos futbolistas e na bancada. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.