O amesán Borja Golán gañou no ano 2002 o seu primeiro campionato de España de squash. Dende entón pasaron vinte anos e o deportista galego fíxose con 17 campionatos estatais, o último hai uns días xogando na casa, nas instalacións do Squash Club Santiago do Milladoiro, onde Golán venceu na final por tres sets a cero ao catalán Iker Pajares, que se atopa nestes momentos entre os 25 mellores xogadores do mundo.
Golán venceu na final por tres sets a cero ao catalán Iker Pajares, que se atopa nestes momentos entre os 25 mellores xogadores do mundo
Nas últimas tres edicións Golán perdera a final do campionato ante Edmon López e Iker Pajares en dúas ocasións, pero Golán regresou nesta ocasión ao máis alto do podio con 39 anos de idade. O xogador amesán destaca que “saín moi concentrado, sabendo que non podía cometer erros. Ese era o camiño para poder ter opcións de ganar a final e a verdade é que saíron ben as cousas. Ese día movinme moi ben na pista, xoguei con moita confianza nos meus golpes e cando todo funciona é máis fácil”.
O apoio do público foi importante e finalmente Golán superou ao xogador de Sabadell en 54 minutos de partido cuns parciais de 11-5, 11-8 e 11-7 cun squash de máximo nivel e marcando en todo momento o ritmo do partido.
Xogando na casa, en Milladoiro, o deportista galego de 39 anos regresou ao máis alto do podio, despois de tres anos sen sumar o título
“Nun torneo deste tipo sempre é importante que os primeiros partidos non sexan demasiado esixentes e eu este ano creo que tiven sorte co cadro que me tocou. Tocáronme xogadores difíciles pero pola outra parte do cadro ían os mellores, entón eu cheguei máis fresco que Iker á final e iso sempre se nota. Aínda así tiven que xogar o meu mellor squash para poder ganarlle”, explica Golán.
Ademais, o galego destaca que “este ano cheguei relaxado e iso sempre axuda porque xogas con menos tensión. Atopeime ben toda a semana e puiden desfrutar ao máximo de cada partido”.
Golán destaca que hai "unha gran xeración de novos xogadores de squash"
Golán destaca que hai "unha gran xeración de novos xogadores de squash". “Nos últimos anos fixen bos partidos e xoguei tres finais do campionato de España, pero a nova xeración de xogadores está apertando moi forte e non puiden sumar novos títulos. Eu seguín sempre con ilusión, adestrando ao máximo, e o deporte ao final sempre che dá novas alegrías e esta foi unha delas”, di.
De cara aos vindeiros meses Borja Golán vai participar en varios campionatos internacionais e tamén xogará coa selección española o campionato do mundo en Exipto no mes de maio. O seu próximo torneo será en Chicago o vindeiro 23 de febreiro.
"Dámoslle os parabéns por este novo campionato de España, pero tamén por seguir sendo un referente para moitos nenos e nenas do concello que comezan a practicar este deporte"
Pola súa banda, a concelleira de Deportes de Ames, Susana Señorís, fixo fincapé na importancia da figura de Borja Golán, que “é unha referencia tanto a nivel nacional como internacional no mundo do squash". "Dende o Concello de Ames dámoslle os parabéns por este novo campionato de España, pero tamén por seguir sendo un referente para moitos nenos e nenas do concello que comezan a practicar este deporte", engadiu.
Hai cinco anos, nesta entrevista, Golán reivindicaba que "os medios públicos deben esforzarse en difundir deportes menos coñecidos". "Non me importa que haxa moito fútbol nos medios, o que me preocupa é que haxa tan pouco doutros deportes", dicía.