O Breogán entrégase á euforia do ascenso tras doce anos de corazóns encollidos

O plantel breoganista celebra o ascenso ao remate do encontro © FEB

Nos últimos segundos e dende a liña de tiros libres. Case como un remake involuntario daquel 23 de maio de 1999 no que o Pazo contivo a respiración mentres un novísimo David Gil certificaba fronte ao Melilla o ascenso do Breogán á liga ACB de baloncesto. Pasaran xa case 19 anos dende aquela histórica data que elevou a afección breoganista aos ceos pero, sobre todo, transcorreran xa practicamente 12 anos doutro maio, o de 2006, cando o equipo lucense caeu abatido cara á liga LEB nun dramático partido en Valladolid que resumira unha campaña para esquecer. Todas esas lembranzas, tamén as dos últimos anos nos que os celestes afogaron cando xa vogaran ata albiscar unha vitoria nos playoff de ascenso, concentráronse este venres en torno á cancha de Lugo, empapada nunha mestura de euforia e medo á 'breoganada'.

Os de Natxo Lezkano botáronse á travesía definitiva con, a priori, o vento a favor. O equipo visitante no Pazo era o Iraurgi Sammic Hostelería, implicado nunha loita ben diferente, a de fuxir do descenso. As cifras acumuladas do conxunto vasco amosaban unha notable inferioridade respecto das do Breo, pero os de Azpeitia deixaron claro dende o inicio que non recibiran convite á festa celeste. A tensión das 6.000 almas que encheran o Pazo dende case unha hora antes do salto inicial semellou trasladarse ao quinteto breoganista e o inusitado acerto do Sammic dende a liña de triplas meteu o medo no corpo aos de Lugo.

A afección, nas bancadas durante o encontro © CB Breogán

O Breo non daba despegado e aínda que comezou a escorrentar os nervios no segundo cuarto chegou ao descanso só dous puntos por riba (46-44). "En pé, todos xuntos, ata o final" repetía o speaker. "Defendemos todos, Lugo, atacamos todos". A segunda metade comezou con outra cor pero con non menos tensión e o traballo de xogadores como Sulejmanovic, Arco ou Stainbrook permitiu acadar marxes de entre 10 e 12 puntos. O partido podía rachar a prol do líder, pero isto é o Pazo e aquí vénse sufrir. E así se encargou de lembralo o Sammic dende a liña de 6,75 cando ao encontro lle restaban pouco máis de tres minutos.

O acerto inicial do Sammic no tiro exterior meteu o medo no corpo ao equipo e á afección breoganista; sobre o Pazo pairou a angustia e as lembranzas destes doce anos

Xurdiron os medos. A angustia. A eliminatoria perdida contra o Ourense, a terrible final a catro de Cáceres, a peregrinaxe, en fin, pola segunda categoría. Todo pairou sobre un Pazo no que só as bancadas nas que abondaba a rapazada se botou a celebrar cando aínda estaba todo por decidir. O conxunto vasco estivo a piques de empatar a 91 puntos a menos de 10 segundos para o remate e os corazóns celestes volveron encoller. Pero Sule recibiu unha falta e chegou o remake dos tiros libres de Gil no ano 99. Non quedaba tempo, o electrónico reflectía 93-89 e ao Sammic non lle entrou un tiro dende non se sabe onde. Agora si. "Somos ACB, somos ACB" clamou a bancada tras uns segundos investidos en crer que agora si, este ano si.

Os tiros libres de Sule tiveron un aquel de remake dos de David Gil no mítico ascenso do 99; a serea final fixo estourar a afección en apertas, cancións e bágoas

A serea final fixo estourar o Pazo. Xogadores e corpo técnico puxeron as camisolas do ascenso coa lenda Volvemos á nosa casa e volveron ser presentados un por un. Confetti, apertas, cancións, bágoas e ata o presidente Suso Lázare a bailar a muiñeira a pé de pista. Quedaban atrás de vez os anos nos que o histórico Breogán de Lugo estivo ao bordo da desaparición, nos que -como lembrou boa parte da afección nas últimas semanas- o barco foi deixado á deriva por quen dicía comandalo en pleno temporal. Bufandas ao vento e "seguiremos en pé, seguiremos unidos", coreou a afección ao son do himno do club, que continuou a festa na Fonte do Rei e, xa no mediodía deste sábado, na recepción oficial na Casa do Concello, dende cuxo balcón os "parabéns" en galego soaron con acentos ben diversos.

"Aquí tedes o voso ascenso", ofreceu Lezkano á afección congregada na Praza Maior. Restan aínda dúas xornadas -fronte ao Básquet Coruña, que xogará outra volta o play off de ascenso, e contra Oviedo-, pero os deberes están máis que feitos no deportivo e, asegura a directiva, o ascenso logrado na cancha poderá concretarse nos despachos dunha ACB que recibiu a través das redes o seu novo membro cun ton case burocrático. Os corazóns celestes xa non están encollidos e celebran sen complexos a volta á casa. As lembranzas da travesía no deserto pasan agora a segundo plano. Toca actualizar episodios épicos como aquel 90-66 ao Barça ou as noites de festa no vello pavillón das costas do Parque Rosalía.

FICHA TÉCNICA

Cafés Candelas Breogán | 93 | Emir Sulejmanovic (20) Ricardo Úriz (15) Matt Stainbrook (12) Christian Díaz (10) Johan Löfberg (9) Salva Arco (9) Sandi Cebular (8) Leo Demetrio (8) Sergi Quintela (2)

Sammic Hostelería | 89 | Mirza Bulic (21) Víctor Serrano (19) Joseph de Ciman (16) Scott Evans (12) Aitor Zubizarreta (7) Gaizka Maiza (6) Alberto Ruiz (5) Ibon Guridi (3)

Celebración do ascenso na Casa do Concello de Lugo, este sábado © CB Breogán

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.