As elevadas exixencias da FIFA para acoller partidos do Mundial poñen en dúbida cada vez máis sedes. Se hai só dous meses foi A Coruña a última que renunciou, xusto antes da visita dunha delegación do organismo do fútbol mundial á cidade, agora son as dúas sedes vascas (Donostia e Bilbao) as que deitan dúbidas e non confirman se acollerán partidos da Copa do Mundo. Antes, outras urbes decidiran baixarse dun barco ao que Vigo confía en subir a última hora.
A primeira cidade en renunciar foi Xixón, antes mesmo de elixirse sedes; Málaga fíxoo un ano despois de ser confirmada e A Coruña, hai dous meses
A primeira en dicir non foi Xixón. A cidade asturiana, que presentara inicialmente a súa candidatura, renunciou xa hai case dous anos a optar a ser sede do Mundial de fútbol de 2030. Fíxoo pouco antes de que expirase o prazo dado pola Federación Española (RFEF) para postularse e asumir así os compromisos impostos pola FIFA.
Só uns meses despois, no verán, a RFEF fixo públicas as once sedes e nove cidades elixidas para acoller partidos do Mundial que organizarán España, Portugal e Marrocos, unha listaxe que deixaba fóra Valencia e Vigo e da que xa caera antes Murcia, ao non asinar Concello, goberno rexional e club principal dentro do prazo os compromisos financeiros vinculantes que requiría a FIFA.
En xullo de 2025, menos dun ano despois de ser designada sede, Málaga tamén saíu da lista que semellaba definitiva. O Concello, de acordo co Málaga CF, renunciou polo "risco" que o proxecto supoñía para o club e a súa afección. "O prudente, o sensato, o intelixente, o que demostra de verdade paixón pola cidade é renunciar ao Mundial", dixera o alcalde, Francisco de la Torre. Ademais, a reforma do estadio non entraba en prazo, obrigaba a un traslado da entidade a outro estadio que deixaba fóra a metade dos seus abonados e supoñía un custo total de 270 millóns de euros.
"Non a calquera prezo"
Hai tan só dous meses, e a dous días de que a FIFA visitase a cidade para ratificar ou non a súa condición de mundialista, foi A Coruña quen baixou do barco. "A cidade quería ser sede do Mundial, pero non a calquera prezo", dixo aquel día a alcaldesa, Inés Rey, que advertiu que as "elevadas exixencias" da FIFA facían "inviable" continuar co proxecto.
"A Coruña acabaría hipotecada". "Con investidor e sen investidor", aclarara a alcaldesa sobre un custo "non só económico" e no que tiña que ver coa reforma do estadio de Riazor (duns 100 millóns), principal atranco tamén pola falta de acordo co Deportivo. Érao tamén "en mobilidade e trastorno" polas "infraestruturas que pedían", razón pola que o Concello decidiu "non hipotecar o club e a cidade por tres ou sete días nun investimento que non ía ter retorno ningún".
Inés Rey xustificou a renuncia nas "elevadas exixencias" da FIFA que fixeron "inviable" o proxecto: "A Coruña acabaría hipotecada"
Agora, a poucos meses de que a FIFA ratifique as sedes definitivas, outras dúas cidades amosan serias dúbidas sobre se continuar na carreira: Donostia e Bilbao. Das once elixidas inicialmente, só hai sete confirmadas, con Valencia e Vigo á expectativa e decididas, polo momento, a substituír algunhas das que renunciaron.
Que ocorre no País Vasco? A pasada semana foi o alcalde de Donostia, Jon Insausti (PNV) quen abriu o debate sobre se a cidade seguiría aspirando a ser sede. Deitou dúbidas sobre se pagaba a pena o esforzo económico e loxístico que exixe a FIFA polas súas. "Hai exixencias, tensións e riscos que debemos analizar con rigor", dixo, emprazando ao outono a decisión final e logo de avogar por unha decisión de país e traballar "da man de Bilbao". Este martes deu a entender que a organización eleva as condicións con cada petición de información.
Esta mesma semana, foi Bilbao quen se uniu ás reticencias. A deputada xeral de Bizkaia, Elixabete Etxanobe, admitiu as dúbidas do goberno foral e ampliounas ao resto das "institucións implicadas". "Aínda non hai unha decisión tomada", dixo en Euskadi Irratia, nun debate que se trasladou ao Concello bilbaíno e ás forzas con representación no pleno municipal.
Bilbao e Donostia amosan dúbidas sobre o Mundial; o lehendakari advirte de "exixencias novas" e as administracións debaten se paga a pena
Mesmo o lehendakari, Imanol Pradales, sementa tamén dúbidas e lembra que as administracións (deputacións, Goberno vasco e concellos implicados) están a facer unha "análise profunda de todas estas cuestións de carácter técnico, operativo, loxístico, económico, financeiro e de seguridade" antes de tomar unha decisión definitiva sobre as dúas candidaturas vascas. Ademais, lembrou que na visita en marzo para coñecer as infraestruturas, a FIFA trasladou "exixencias, algunhas delas novas", aínda que non quixo aclarar cales. Todo en dúas cidades onde os estadios xa cumpren coas condicións demandadas.
As diferentes reflexións e declaracións políticas, sobre todo agora desde o País Vasco pero tamén antes noutras cidades, están a deitar luz sobre esas "elevadas exixencias" das que falara tamén Inés Rey por parte da FIFA. Ademais das elevadas condicións en canto a infraestruturas, espazos públicos, mobilidade e conectividade, o organismo reitor do fútbol exixe unha exención fiscal practicamente total para ela, as súas filiais e os seus provedores e patrocinadores oficiais. En definitiva, que non paguen impostos locais polas actividades relacionadas co evento.
A FIFA exixe exención fiscal, un seguro por 100 millóns, a entrega en exclusiva do estadio durante máis dun mes e a posibilidade de vetar eventos na cidade
Ademais, tamén exixe aos concellos que contraten un seguro por un valor de arredor de 100 millóns de dólares para protexer a FIFA ante calquera reclamación, malia que este organismo ten a posibilidade exclusiva de rachar co acordo asinado.
Por outra banda, e tamén como un dos atrancos máis importantes, a FIFA obriga a entregar os estadios e a súa contorna en exclusiva e limpos de compromisos comerciais e actividades alleas ao torneo desde 30 días antes do inicio do Mundial e ata sete días despois do último encontro na sede. Tamén ten capacidade de vetar eventos culturais ou deportivos en datas próximas á celebración dos partidos.
Na Coruña e nas datas do Mundial, só como exemplo, no estadio de Riazor e na súa contorna adoita haber concertos e outras actividades culturais, ademais da tradicional celebración do San Xoán. No País Vasco estarían en risco o BBK Live ou o Jazzaldia.
Veto a publicidade allea á da FIFA
Por outra banda, a FIFA tamén impón que as administracións locais asuman o custo total de reforzar os servizos públicos (limpeza, seguridade ou atención médica) sen repercutir no organismo do fútbol
Ademais, a celebración do Mundial supón, segundo a FIFA, que o Concello que acolla partidos garanta que o espazo aéreo e terrestre do estadio e as fan zone estean completamente limpos de publicidade allea á que eles contraten e organicen.
Malia todo, Vigo continúa na carreira e a RFEF xa enviou hai semanas á FIFA unha petición formal para que inclúa a cidade olívica entre as sedes oficiais, unha decisión que se prevé que chegue antes de final de ano. Alén de todas as exixencias que marque a FIFA, o maior reto para a urbe será a remodelación de Balaídos para sumar a capacidade mínima que exixe o Mundial.
A nova tribuna que prevé Caballero custará 60 millóns de euros e elevará o custo total da reforma de Balaídos a máis de 120, catro veces o orzamentado en 2015
O alcalde, Abel Caballero, asegura que se chegará aos 43.000 espectadores haxa ou non Mundial. Pero iso implica demoler unha bancada inaugurada hai menos dunha década para facer outra nova.
A nova bancada de Tribuna, a primeira que se reformou dentro da obra integral de Balaídos, inaugurouse na primavera de 2017 e tivo un custo inicial, que logo se incrementou, de máis de 5 millóns de euros, coa achega do Concello e da Deputación de Pontevedra, como o resto das actuacións no estadio municipal. En total, a reforma integral de Balaídos que finalizará o vindeiro ano tras máis dunha década de obras, terá un custo duns 62 millóns de euros (dos que a Deputación achegou a metade), máis do dobre dos 29,5 de orzamento que se anunciaron en xaneiro de 2015, cando a idea era rematar o recinto en menos de dous anos e medio.
Esta segunda reforma da bancada de Tribuna —a primeira acabou na primavera de 2017— suporía derrubar a actual e construír unha nova máis alta con 16.000 asentos, o que permitiría alcanzar os 43.000 que pide a FIFA. Pero o orzamento estimado é case o equivalente ao que se investiu na reforma global que está a piques de concluír: arredor de 60 millóns de euros que Caballero prevé que sufraguen a partes iguais Xunta, Deputación e Concello.
En total, o custo acumulado da transformación de Balaídos desde que se anunciaron as primeiras obras en 2015 superaría os 120 millóns de euros para unhas obras que rematarían en 2029, catro veces máis do orzamento inicial e 14 anos despois.