O Mundial afástase da Coruña, que medita renunciar a ser sede

Estadio municipal de Riazor, na Coruña CC-BY-SA Concello da Coruña

A unha semana de que a FIFA visite A Coruña para avaliar os traballos para que Riazor acolla varios partidos do Mundial 2030, e máis dun ano despois de que a cidade fose designada oficialmente como sede, o Concello medita renunciar ao proxecto

A Coruña media renunciar ao Mundial a unha semana de que a FIFA visite a cidade para avaliar o proxecto

Esa foi unha das conclusións da xuntanza que este pasado luns mantiveron a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o presidente do Deportivo e accionista maioritario de Abanca, Juan Carlos Escotet, que retomaron unha vía de diálogo que se mantiña rota desde hai moitos meses. Os mesmos que pasaron —e seguen pasando— sen que haxa novidades sobre o financiamento necesario para a anunciada reforma de Riazor, nin moito moito menos sobre a licitación dun proxecto do que nada se sabe. 

"Mantiven un encontro de traballo, no marco normal da relación institucional que teñen que ter o Concello e o Deportivo; as reunións privadas non as comento, nin se convocan nin se dan máis datos", limitouse a comentar Rey sobre a reunión na que, lembrou, só estaban ela e Escotet. "Non vou comentar especulacións sobre o contido", engadiu. 

Presentación do proxecto da Coruña como sede do Mundial 2030, en xullo de 2024 CC-BY-SA Concello da Coruña

Mentres o Concello, que aludiu ao interese de investidores privados, non acaba de atopar os apoios necesarios, outra das patas fundamentais, o Deportivo, mostrouse sempre moi afastado do proceder da administración local co Mundial. O inquilino habitual do estadio denunciou a falta de información detallada sobre a futura reforma de Riazor, advertiu dunha excesiva capacidade no futuro e máis dunhas obras que afectarían o seu principal equipo e a unha masa social que supera os 25.000 socios. 

Inés Rey e Escotet reuníronse para tratar o proxecto do Mundial na Coruña, do que hai meses que non hai información

Nun recinto que tería que encherse de guindastres en poucos meses e no que a entidade acaba de estrear o seu museo e uns novos palcos vip e no que está a renovar a tenda oficial. Un estadio cuxo proxecto de reforma mudou varias veces, pasando da opción orixinaria que supuña unha obra integral —e a remodelación de toda a contorna— coa construción dun anel superior a maiores, a formular a posibilidade de bancadas retráctiles ou dun gran fondo que asumise a maior parte do aumento de capacidade. Mesmo pairou a idea de construír un estadio temporal nos terreos que van ser liberados no porto. Pero nada se concretou. Moito menos a explotación posterior dun novo Riazor, a clave e o atranco que nunca se arranxou. 

O Concello entende que a falta de colaboración do Deportivo fai a sede mundialista inviable e que só a implicación plena do club —propiedade de Abanca— no proxecto podería salvar un plan que leva meses estancado e agochado. Unha falta de transparencia que foi criticada polo PP e máis polo BNG locais. Este mesmo martes, Francisco Jorquera, voceiro nacionalista, dixo que a candidatura "pinta moi mal". Pero tamén pola Xunta, outro dos actores que amosou o seu apoio económico futuro para un proxecto mundialista do que di non saber nada. 

"O que é noticia é que non teñamos noticia sobre o Mundial desde hai un lote de tempo", advertiu Diego Calvo

Así o manifestou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, hai poucos días na Cadena COPE. "Seguimos sen ter noticias, pero o que é noticia é que non teñamos noticia desde hai un lote de tempo", dixo quen reafirmou a intención do Goberno autonómico de "colaborar" con ese suposto "fondo privado" no que se apoiaría a reforma do estadio e co resto de administracións: Concello, Deputación e Estado. 

Juan Carlos Escotet, presidente do Deportivo e máximo accionista de Abanca CC-BY-SA RC Deportivo

Calvo xa advertía tamén que o proxecto mundialista da Coruña ía "co tempo xusto" e que "habería que poñerse inmediatamente mans á obra". No propio Concello asumen desde hai meses que a conta atrás está a piques de chegar ao seu fin. E agora, tal e como adiantou DxT Campeón, xa medita unha renuncia a ser sede que podería anunciarse antes da visita dunha delegación da FIFA o vindeiro 18 de marzo. Se non é así, e os prazos seguen ampliándose, o risco do impacto que o final da aventura do Mundial teña nas eleccións municipais —previstas na primavera de 2027— é cada vez maior

"A Coruña tiña uns deberes e non se fixeron; a situación non está fácil", di Louzán

"A Coruña tiña uns deberes como algunha outra [cidade e eses deberes non se fixeron. A situación, polo que vexo, non está fácil", asegurou o presidente da Federación Española de Fútbol (FEF) e ex-presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, este pasado luns na Cadena SER. 

Non sería a primeira cidade que renuncia. O pasado verán, Málaga —outra das seleccionadas xunto á Coruña— tamén desbotou a idea inicial logo dunha xuntanza cos responsables do Málaga CF e polo "risco" que o proxecto supoñía para o club e a súa afección. "O prudente, o sensato, o intelixente, o que demostra de verdade paixón pola cidade é renunciar ao Mundial", dixera o alcalde, Francisco de la Torre. 

Vigo e Caballero, á espera

Así, a administración local busca agora un acordo co Deportivo para unha futura reforma do estadio máis asumible, menos custosa e con menos présas, mesmo coa opción de ampliar o acordo de concesión de Riazor ao club dos 25 anos actuais aos 50. Sexa como for, Escotet xa deixa claro que non aceptará que se sinale a entidade branquiazul ou a el mesmo como culpables da caída dun proxecto mundialista que leva demasiados meses abaneando. 

Mentres en Vigo, a 150 quilómetros, o seu alcalde, Abel Caballero, insiste en que a cidade sexa unha das sedes malia que non entrou na lista oficial que a FIFA facilitou en decembro de 2024. Nunha liorta política na que leva metido tempo, o rexedor sinala a Xunta e a Louzán, como supostos culpables da exclusión da urbe viguesa da cita mundialista. 

Abel Caballero intervén en rolda de prensa criticando a exclusión de Vigo do Mundial, nunha imaxe tirada da TVG © CRTVG

Louzán cre que Caballero só quere "sacar algún rédito político" coa súa batalla sobre o Mundial: "Se llo dan créanlle un problema; se non llo dan, dirá que son outros os que non llo dan"

Nunha entrevista este pasado luns na Cadena SER, Louzán non desbotou que Vigo (e Valencia) poida unirse a última hora á listaxe de sedes do Mundial 2030, aínda que as opcións para a cidade galega son escasas. "Quen decide é a FIFA e á FIFA a liorta non lle vai gustar moito", dixo o presidente da FEF, que cre que as continuas demandas de Abel Caballero neste tema débense máis a unha estratexia política e partidaria. 

"É máis unha invitación á confusión, ao totum revolutum... Se mo dan, créanme un problema, e se non mo dan, eu reivindiqueino e son eles os que non mo dan. É un tema de política e el quere sacar algún rédito político", insistiu Louzán, que lembrou que cando acabe a reforma da última bancada pendente, Balaídos terá unha capacidade de 30.000 espectadores. "E aquí exíxense 43.000, polo que se precisarían 13.000 máis nese estadio", asegurou. 

Caballero non tardou en responder. O alcalde de Vigo asegurou este martes que Balaídos vai ter unha capacidade de 43.000 espectadores sexa ou non sede do Mundial de 2030. Díxoo nunhas declaracións nas que volveu criticar a Louzán. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.