A exclusión de Balaídos das sedes do Mundial 2030 engade unha polémica máis logo de que el diario El Mundo publicase unha información na que acusa a Federación Española de Fútbol (RFEF) de "manipular" as puntuacións aos diferentes estadios "para deixar Vigo fóra e metera a Anoeta".
A Federación seleccionou Balaídos nunha primeira lista que logo foi corrixida; o cambio nas puntuacións deixou fóra o recinto vigués
O xornal publicou nas últimas horas unha táboa de excel que avaliaba os estadios candidatos e determinaba os once escollidos, unha lista na que entraban Riazor e Balaídos, como último clasificado no ránking, cun total de 10,2004 puntos e por riba da opción de Anoeta, en Donosti, con 10,1226.
Segundo relata El Mundo, o equipo encargado das avaliacións por parte da Federación modificou 48 horas despois o documento, outorgando á sede vasca maior puntuación que Balaídos: 10,6026 fronte ao 10,2004 do recinto vigués, que pasaba a ocupar o posto 12º e a ser excluída do Mundial.
A versión final da avaliación modificou as puntuacións de Cornellà-El Prat e de Anoeta; o incremento na nota do estadio vasco prexudicou a Balaídos
A información relata que o cambio debeuse a que se incrementou o valor dun dos criterios tidos en conta para as puntuacións do proxecto técnico, que pasou de 15 a 20 puntos. Era o que tiña en conta o "nivel de intervención que debe levarse a cabo" e que representaba o 30% da valoración dese apartado.
El Mundo explica ademais na súa información que fontes oficiais da Federación aclaran que houbo unha primeira clasificación das sedes que incluía Balaídos entre as elixidas pero que houbo logo modificacións tras "afinar algúns criterios obxectivos de acordo ao establecido pola FIFA". A razón que deron para explicar a mellora na puntuación de Anoeta foi de tipo "técnica" e debíase a que non necesitaba ningunha obra adicional, como si o requiría Balaídos, e que se primaron "criterios de sostibilidade".
A Federación xustifica o cambio na "afinación dalgúns criterios técnicos" e en que Anoeta non precisaba ningunha obra adicional, como si require Balaídos
Antes, segundo a mesma noticia, o Goberno central interviu para que se incluísen "criterios estratéxicos" que debían contar cun peso dun 35%, premiando a "veciñanza", é dicir, "aquelas sedes que estean preto da fronteiro dos outros dous países", o que "unicamente afecta a Vigo", cidade á que acabaría beneficiando esta mudanza.
Na imaxe das dúas táboas de puntuacións publicadas por El Mundo, a previa e a definitiva, obsérvanse tamén modificacións na valoración doutros estadios, o que afecta tamén á clasificación final, cuestión que non se cita no texto da información. O estadio Cornellà-El Prat, do Espanyol, aumenta a súa puntuación de 11,2626 a 11,7426, escalando ao sétimo posto e superando á Rosaleda de Málaga. Riazor mantén a mesma posición (10º) e puntuación (10,8226) en ambos ránkings.
A exclusión de Vigo como sede mundialista leva meses sendo polémica, sobre todo polas críticas que desde o primeiro momento levou a cabo o alcalde da cidade, Abel Caballero, que culpou duramente a Xunta de falta de apoio, pedíndolle por carta ao Goberno galego que solicitara á Federación a publicación das notas das sedes. Ademais, acusou a Rafael Louzán, actual presidente do ente federativo, de mentir e intentar prexudicar a opción viguesa. Acusou o primeiro de "odiar Vigo" e cualificou ao segundo de "antiVigo". "Que a RFEF nos diga que estadio está agora mellor que Balaídos", dixo.
Caballero tamén tirou da bala localista, con continuas alusións á elección do estadio de Riazor e á lentitude na confirmación do financiamento e dos prazos das obras necesarias no recinto coruñés. "Balaídos é o mellor campo de fútbol de toda Galicia, de longo", insistiu o alcalde vigués, que encirrou coa idea de que o estadio vigués fora excluído a favor de Riazor. Segundo El Mundo, o beneficiado tería sido Anoeta.
Caballero pide a Louzán "explicacións inmediatas"
Coñecida a información, Caballero non tardou en comparecer ante os medios de comunicación para denunciar o que considera un feito "gravísimo". O alcalde vigués pregúntase "quen fixo a segunda lista" e se se reuniu "o comité técnico" para unha nova valoración. "Quen tomou a decisión de mudar os criterios? Por que o fixo? Cales foron os motivos? Que avalaba cambialos? Que se pretendía ao mudalos?", inquiriu o rexedor, que denunciou tamén que "non se fixesen públicas" estas mudanzas".
"É opacidade e escurantismo, o que veño denunciando desde hai case un ano", engadiu quen cre que "alguén considerou que debe haber outros criterios e Vigo ten que quedar fóra". "Non sei se se pretendía deixar Vigo fóra adrede pero podo supoñelo", insistiu.
Ademais, exixiu a Louzán "que saia inmediatamente e explique todo isto". "Quen tomou as decisións, por que se tomaron, se reuniron os comités técnicos, quen se reuniu... Todo, substanciado con actas asinadas porque non me fío nada", rematou.
Agora, a Federación responde á polémica defendendo o proceso de valoración e di que está apoiada polo Goberno de España e que traballa para que Vigo e Valencia entren finalmente entre as sedes elixidas.