O Tribunal Supremo acordou anular a condena por prevaricación imposta a Rafael Louzán a raíz dunha concesión para a reforma dun campo de fútbol en Moraña cando era presidente da Deputación de Pontevedra.
Os maxistrados do alto tribunal adoptaron esta decisión logo de que o pasado mércores se celebrase unha vista para estudar o recurso de casación do actual presidente da Federación Española de Fútbol (RFEF), que poderá seguir no seu posto, xa sen cargo ningún, e malia que a Fiscalía amosara o seu rexeitamento á exoneración por parte do Supremo.
A absolución de Louzán anula así unha condena de inhabilitación por un caso de corrupción da súa etapa como presidente provincial. A sentenza ditada no ano 2021 e confirmada en maio de 2022 pola Audiencia de Pontevedra, nunha revisión do ditame que liberou a Louzán da inicial pena de dous anos de prisión por fraude, condenouno a sete anos de inhabilitación para cargo público.
Louzán poderá seguir á fronte da Federación Española de Fútbol logo de que o Goberno central advertira da necesidade de retiralo do cargo se o Supremo confirmaba a sentenza
Os cinco xuíces do Supremo consideran que o modus operandi para a concesión dunha subvención de 86.000 euros para a construción dun campo de fútbol en Moraña non constitúen un delito de prevaricación. A audiencia pontevedresa xustificaba a condena ao daquela presidente do PP pontevedrés que prevaricara por "votar a favor do acordo" para outorgar a subvención "a sabendas de que era ilegal e arbitrario porque respondía a un artificio para, burlando as barreiras da normativa, satisfacer as reclamacións da contratista, infrinxindo o deber de transparencia e non protexendo os dereitos da Administración".
O mércores, a Fiscalía pedía ao Supremo validar a condena ao entender que todo o expediente era "prevaricador". Agora o Supremo estima o recurso de casación e entende que os feitos probados non son delito de prevaricación ao adxudicarse un contrato para pagar ao contratista unhas obras xa realizadas porque non se abordaron con conivencia entre os involucrados. Cren os maxistrados que a Administración estaba obrigada a abonar os traballos.
O Supremo di que non hai prevaricación porque non houbo conivencia entre os involucrados pero aclara que si puido haber "responsabilidades administrativas ou contables"
Con todo, fai unha consideración e aclara que o feito de que non haxa delito "non equivale" a "proclamar a irrelevancia dos feitos, eventualmente suxeitos ás oportunas responsabilidades administrativas ou contables, se a isto houbese lugar e se tivese por conveniente". En definitiva, que pode haber unha irregularidade que, no entanto, non se anuncia por parte do Supremo que vaia ser denunciada ante o Tribunal de Cuentas.
O ditame, que absolve tamén o ex-director de Infraestruturas da Deputación, o administrador e un representante da construtora, deixa en nada a sentenza anterior, despexando tamén o camiño que vén de encetar Louzán á fronte do máximo organismo do fútbol español. O Goberno central entendía que a inhabilitación, de confirmarse, abranguía tamén o cargo da presidencia da Federación Española de Fútbol, polo que se vería obrigado a deixar o cargo.
En 2021 o Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra condenou a Louzán por prevaricación e fraude na adxudicación das obras de construción dun campo de herba artificial en Moraña
O ex-presidente provincial en Pontevedra e os seus apoios na institución argumentaban que a inhabilitación para ocupar cargo público non tiña aplicación na RFEF, pois esta é unha entidade de carácter privado, aínda que estea financiada publicamente. Porén, os propios estatutos da Federación eran claros neste punto. Pouco importa xa tras o ditame do Supremo.
A sentenza agora revogada e o caso xulgado parte de febreiro de 2021, cando o Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra condenou a Rafael Louzán e a Luisa Piñeiro (ex-alcaldesa de Moraña e posteriormente delegada territorial da Xunta) a dous anos de prisión e oito de inhabilitación por prevaricación e fraude. O caso partiu da operación Patos, unha investigación de suposta corrupción que tiña na súa cerna á empresa construtora Eiriña.
Esta empresa foi a adxudicataria das obras de construción dun campo de fútbol de herba artificial en Moraña. A construtora "realizou obras non contempladas no proxecto" e presentou na Deputación unha certificación "por importe de 86.816,47 euros" para cobralas. Posteriormente -segundo recolle a sentenza- "ideouse un sistema artificioso, en fraude de lei, tendente a abonar á empresa Eiriña o importe que reclamaba". O ditame considerou "un verdadeiro fraude" a creación da nova subvención e a adxudicación dos supostos novos traballos á mesma construtora tentando "dar aparencia de legalidade á contratación".
Un ano máis tarde a Audiencia de Pontevedra absolveu a ex-alcaldesa de Moraña e ratificou a inhabilitación de Louzán por un delito de prevaricación, aínda que o absolveu do de fraude ao entender que “non existiu prexuízo nin risco de prexuízo para a Administración, sinalando que “non consta que se cobrara máis do efectivamente realizado, como tampouco a prezos superiores aos do mercado”.
Na súa etapa como presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán distinguiuse pola construción de campos de herba artificial coma o de Moraña en toda a provincia. En total, leváronse a cabo uns 70, cun custo total aproximado duns 40 millóns de euros. Entre críticas de "clientelismo" e "amiguismo" e tamén centradas no elevado custo destas instalacións, a súa construción e financiamento respondeu a unha estratexia exposta abertamente pola Deputación: "dispoñer de, cando menos, un campo na práctica totalidade dos concellos".