Rafael Louzán é dende este 16 de decembro presidente da Federación Española de Fútbol. Impúxose ao seu rival, Salvador Gomar, cun resultado propio dun deses pequenos concellos onde o Partido Popular esmaga en cada convocatoria municipal deixando un único partido na oposición con presenza testemuñal: 90 votos fronte a 43, con 4 brancos e un nulo. Maioría absolutísima.
Louzán chega á convulsa Federación Española unha década despois de acceder á presidencia da galega. Gañáraa nos comicios do organismo federativo galego a finais de 2014 nunha pugna que foi alén do futbolístico ao enfrontalo ao daquel alcalde socialista de Cerceda, José García Liñares, quen acusara ao naquela altura presidente do PP e da Deputación de Pontevedra de utilizar a institución provincial no seu proveito para lograr o cargo.
A Deputación pontevedresa, que presidía dende 2003, foi tamén clave noutro proceso electoral interno no que Louzán se moveu con intensidade para que o resultado fose acorde aos seus intereses. Sucedeu a finais de 2005, cando o PPdeG tivo que abordar a adiada sucesión de Manuel Fraga despois de perder a Xunta. A carreira comezara con catro candidatos: Enrique López Veiga, Xosé Cuíña, José Manuel Barreiro e Alberto Núñez Feijóo.
A influencia de Louzán sobre os alcaldes do PP de Pontevedra foi clave para que o ex-presidente da Xunta e actual líder do PP se impuxese a Cuíña na sucesión de Fraga
Eran catro, pero o foco estaba fundamentalmente en dous. Cuíña, o eterno aspirante a remudar a don Manuel, defenestrado do Goberno durante a crise do Prestige, e mais Feijóo, o substituto do lalinense no goberno Fraga, apadriñado pola cúpula da madrileña rúa de Génova e, sobre todo, José Manuel Romay Beccaría.
Un dos catro candidatos, o antigo conselleiro Enrique López Veiga, retirouse tras o primeiro filtro, a elección de delegadas e delegados para o congreso sucesorio: non lle daban "as contas", admitira. Superada a primeira meta volante, Cuíña subía a aposta: o seu propósito non era só suceder a Fraga, tamén "refundar" o PPdeG "en clave galega sen paliativos e radicalmente democrática" co primeiro obxectivo de frear a "paulatina perda de autonomía" a respecto da dirección estatal de Mariano Rajoy.
Nese punto virou clave a posición que tomasen os poderosos dirixentes provinciais da época, nomeadamente José Luis Baltar en Ourense e Louzán en Pontevedra, e os alcaldes e alcaldesas de cadansúas órbitas. Fontes coñecedoras daquel proceso lembran que non foron poucos os rexedores que acudiran consultar con Romay para saberen cal era aposta de Rajoy para o liderado e que a resposta foi o nome do seu patrocinado, Feijóo. O mesmo sucedeu con Louzán nun contexto no que, evocan as mesmas fontes, tamén estaban sobre a mesa os fondos que fluían da Deputación aos concellos.
O antigo protexido de 'Nené' Barral deixou de ser presidente da Deputación cando o PP a perdeu en 2015. Xa daquela apuntaba a un futuro na presidencia da RFEF na que agora estará catro anos se non o impide o Tribunal Supremo, que ten que resolver sobre a súa condena por prevaricación
Con todo este pano de fondo, aproveitando a celebración do Día da Constitución en Ourense, Baltar reuniu os xornalistas e anunciou o que ía pasar. Os alcaldes controlados por Louzán apostaban por Feijóo e iso implicaba que Cuíña xa non tería números para suceder a Fraga. Por ese motivo, os delegados afíns ao ex-conselleiro pasaban a ter "liberdade" de voto e os alcaldes baltaristas, o mesmo. Os votos fluían cara a Feijóo, na liña do desexado por Madrid, e a retirada de Barreiro era só cuestión de tempo. Pouco antes do Nadal, o lucense anunciou que se integraba na lista do afillado político de Romay, proclamado novo líder do PPdeG sen rivais en xaneiro de 2006.
Foi así como Louzán desequilibrou de vez o gran partido de Feijóo polo ascenso político, o proceso sen o cal se complicaría moito a posibilidade de chegar algunha vez á presidencia a Xunta e ao liderado estatal do PP. O que noutrora fora protexido en Ribadumia por Nené Barral -histórico alcalde falecido en 2023 sen chegar a ser condenado polas múltiplas causas ligadas ao contrabando que o salpicaron- tivo que deixar a presidencia da Deputación tras as eleccións municipais de 2015. Naqueles comicios o PP perdeu a institución provincial fronte a PSdeG e BNG por primeira vez, se ben Louzán xa deixara caer que prevía deixala en todo caso.
Cando deixou a política institucional dende a que inzou a provincia de campos de herba artificial, no mundo do fútbol galego non eran poucas as voces que sinalaban que o albo final de Louzán era a presidencia da Federación Española. E nese cargo estará catro anos se non o impide o Tribunal Supremo, que ten pendente ditaminar definitivamente sobre a condena de inhabilitación que confirmou a Audiencia de Pontevedra en 2022 ao ver probado que prevaricou para poder pagar 86.000 euros á construtora dun campo de fútbol subvencionado pola Deputación en Moraña por obras fóra do proxecto, facendo pasar traballos xa feitos como se fosen novos.