O presidente da Xunta di que hai "poucas dúbidas" de que o presidente da federación galega, o popular Rafael Louzán, tamén pide agora a dimisión do presidente da federación estatal tras minimizar inicialmente o seu comportamento
Tras a asemblea do pasado venres na que o presidente da federación española de fútbol, Luis Rubiales, rexeitou dimitir polos seus comportamentos machistas e os incrementou, o principal pronunciamento da Xunta ao respecto foi un chío da conselleira de Emprego e Igualdade, Elena Rivo, rexeitando actitudes "machistas" e "prepotentes" e pedindo a súa dimisión. Non foi ata este xoves, seis días máis tarde, que se pronunciou tamén o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, que tamén pediu a dimisión de Rubiales e considerou "impresentable" o seu comportamento.
Porén, Rueda pediu expresamente "facer moi pouca política" co asunto e evitou criticar o comportamento cambiante ao respecto do presidente da federación galega, Rafael Louzán, ex-presidente da Deputación e do PP de Pontevedra.
Antes da asemblea do pasado venres Louzán limitouse a considerar o comportamento de Rubiales como "erros" polos que xa pedira desculpas, e evitara pedir a súa dimisión. Pero tras a condena xeral ao sucedido na asemblea Louzán acabou presentándose como un dos impulsores das peticións de dimisión a Rubiales.
Segundo Rueda, Louzán "fala claramente" e "deixa poucas dúbidas da súa opinión", que sería a "necesidade de dimisión do señor Rubiales, niso coincido absolutamente con el". "Isto é claro", engadiu Rueda, para criticar a continuación "estes intentos de aproveitar o que tería que ser un tema no que deberiamos facer moi pouca política, que é que é impresentable a actitude do señor Rubiales". "Niso coincidimos todos, incluído o señor Louzán, alá os que queiran aproveitar todo isto para facer política, poñer o foco aí, tentar un desgaste localizado xa nun sitio concreto, para todo iso que non conten comigo", concluíu o presidente.