Louzán, favorito para presidir a RFEF malia a súa sentenza de inhabilitación, que o podería apartar do cargo

Rafael Louzán, á dereita, visitando un campo de fútbol nos seus tempos de presidente da Deputación de Pontevedra © www.pontecesures.net

Louzán ten o apoio da maioría dos dirixentes das federacións autonómias para ocupara presidencia da RFEF nas eleccións do 16 de decembro

Este xoves os dirixentes das federacións autonómicas de fútbol acadaron un compromiso para apoiar a Rafael Louzán, presidente da Federación Galega, como candidato a presidir a Real Federación Española de Fútbol (RFEF). A decisión precipitouse despois de confirmarse que Pedro Rocha -ex-presidente da RFEF- non se podería presentar ás eleccións do órgano, ao estar sancionado con dous anos de inhabilitación para ocupar cargos directivos en federacións deportivas e despois de que a Audiencia Nacional desestimase a súa petición para suspender cautelarmente a sanción.

O problema para Louzán -e para a propia Federación se o ribadumiense é elixido- é que o ex-presidente da Deputación de Pontevedra tamén ten unha condena de inhabilitación por un caso de corrupción da súa etapa como presidente provincial. A sentenza ditada no ano 2021 e confirmada en maio de 2022 pola Audiencia de Pontevedra, nunha revisión do ditame que liberou a Louzán da inicial pena de dous anos de prisión por fraude, pero que o condeou a sete anos de inhabilitación para cargo público.

Rafael Louzán, nun acto da Federación Galega de Fútbol © FGF

O problema para Louzán -e para a propia Federación se é elixido- é que o ex-presidente da Deputación de Pontevedra tamén ten unha condena de inhabilitación por un caso de corrupción da súa etapa como presidente provincial

Louzán aférrase a que a sentenza non é aínda firme, xa que presentou un recurso de casación ante o Tribunal Supremo, que debe tomar a decisión definitiva sobre a súa pena, pero descoñécese cando o fará.

Este venres abriuse o prazo para a presentación de candidaturas á Presidencia da RFEF, que permanecerá aberto ata o martes 3 de decembro. A semana que vén, entre o mércores 4 e o venres, poderanse recorrer as candidaturas proclamasas. E o luns 16 de decembro celebrarase a asemblea xeral da Federación, que escollerá a nova Presidencia da entidade.

Os estatutos da RFEF recollen no punto cuarto do seu artigo 19 que un dos requisitos para ocupar un posto de resposabilidade na Federación é “non estar inhabilitado para desempeñar cargos públicos”, sempre que a sentenza sexa firme. Louzán recorreuna ante o Supremo

Rafael Louzán pode presidir a Federación Galega de Fútbol, pois nos estatutos desta entidade non se recolle que unha inhabilitación para exercer cargo público -en sentenza firme ou non- sexa impedimento para ocupar un cargo federativo. Porén, os estatutos da RFEF si son claros neste punto e recollen no punto cuarto do seu artigo 19 que un dos requisitos para ocupar un posto de resposabilidade na Federación é “non estar inhabilitado para desempeñar cargos públicos”. Aínda que a Orde Ministerial que regula as eleccións das federaciónes deportivas do Estado engade que a inhabilitación debe proceder dunha "sentenza xudicial firme".

Así, semella que Louzán ten o dereito de presentarse ás eleccións e mesmo de ocupar a Presidencia se é elixido, como semella previsible, pois conta co apoio de 15 das 19 federacións autonómicas e da Liga. Porén, se o Tribunal Supremo confirmase posteriormente a inhabilitación, a Presidencia de Louzán estaría no aire e todo indica que debería abandonala, afondando na crise de reputación que sofre o organismo, despois das presidencias de Luis Rubiales e Pedro Rocha.

Artigo 19 dos estatutos da RFEF © RFEF

Louzán ten o dereito de presentarse ás eleccións e mesmo de ocupar a Presidencia se é elixido. Porén, se o Supremo confirmase posteriormente a inhabilitación, a Presidencia de Louzán estaría no aire e todo indica que debería abandonala, afondando na crise de reputación que sofre o organismo

Os apoios de Louzán argumentan que a inhabilitación para ocupar cargo público non ten aplicación na RFEF, pois esta é unha entidade de carácter privado, aínda que estea financiada con cartos públicos. Porén, os propios estatutos da Federación son claros neste punto.

 

Condenado por prevaricación na adxudicación das obras dun campo de fútbol de herba artificial

En febreiro de 2021 o Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra condenou a Rafael Louzán e a Luisa Piñeiro (ex-alcaldesa de Moraña e posteriormente delegada territorial da Xunta) a dous anos de prisión e oito de inhabilitación por prevaricación e fraude. O caso partiu da operación Patos, unha investigación de suposta corrupción que tiña na súa cerna á empresa construtora Eiriña.

En 2021 o Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra condenou a Louzán por prevaricación e fraude na adxudicación das obras de construción dun campo de herba artificial en Moraña

Esta empresa foi a adxudicataria das obras de construción dun campo de fútbol de herba artificial en Moraña. A construtora "realizou obras non contempladas no proxecto" e presentou na Deputación unha certificación "por importe de 86.816,47 euros" para cobralas. Posteriormente -segundo recolle a sentenza- "ideouse un sistema artificioso, en fraude de lei, tendente a abonar á empresa Eiriña o importe que reclamaba". O ditame considerou "un verdadeiro fraude" a creación da nova subvención e a adxudicación dos supostos novos traballos á mesma construtora tentando "dar apariencia de legalidade á contratación".

Rafael Louzán, nun acto da Federación Galega de Fútbol © FGF

 En 2022 a Audiencia de Pontevedra ratificou a condena de inhabilitación por prevaricación, pero absolveuno polo delito de fraude

Un ano máis tarde a Audiencia de Pontevedra absolveu a ex-alcaldesa de Moraña e ratificou a inhabilitación de Louzán por un delito de prevaricación, aínda que o absolveu do de fraude ao entender que “non existiu prexuízo nin risco de prexuízo para a Administración, sinalando que “non consta que se cobrara máis do efectivamente realizado, como tampouco a prezos superiores aos do mercado”.

Na súa etapa como presidente da Deputación, Louzán distinguiuse pola construción de campos de herba artificial. En total, leváronse a cabo uns 70, cun custo total aproximado duns 40 millóns

Na súa etapa como presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán distinguiuse pola construción de campos de herba artificial coma o de Moraña en toda a provincia. En total, leváronse a cabo uns 70, cun custo total aproximado duns 40 millóns de euros. Entre críticas de "clientelismo" e "amiguismo" e tamén centradas no elevado custo destas instalacións, a súa construción e financiamento respondeu a unha estratexia exposta abertamente pola Deputación: "dispoñer de, cando menos, un campo na práctica totalidade dos concellos".

Luisa Piñeiro e Rafael Louzán, en Moraña, nunha imaxe de arquivo en cadansúas etapas como alcaldesa e presidente da Deputación © Deputación de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.