Unha década despois de que a maioría absolutísima de Caballero en Vigo fose clave para desbancar a Louzán na Deputación de Pontevedra, ambos disputan un agre tirapuxa a conta da exclusión do estadio vigués como sede do Mundial 2030
O 24 de maio de 2015 foi unha mala noite electoral para o PP galego. A peor, posiblemente, dos anos de Alberto Núñez Feijóo á fronte do partido en Galicia. O ascenso das coñecidas como mareas municipais provocou que os populares perdesen dun golpe as alcaldías das tres principais cidades da provincia da Coruña, que gañaran catro anos antes. Ademais, PSdeG e BNG non só revalidaran boa parte do poder local que xa xestionaban en solitario ou en coalicións, senón que ademais conseguiran desbancar os populares dun dos seus feudos: a Deputación de Pontevedra.
Aqueles resultados provocaran que o daquela barón do PP pontevedrés, Rafael Louzán, perdese o seu cargo na institución provincial e por extensión, no partido. Para que isto sucedese foi clave a maioría absolutísima do PSdeG de Abel Caballero na cidade de Vigo e a vaga expansiva dos socialistas vigueses noutros municipios.

Foi así como Louzán virou definitivamente a súa traxectoria cara ao fútbol. Meses antes chegara á presidencia da Federación Galega deste deporte, co que implicara á Deputación con proxectos coma os seus 70 campos de herba artificial. Pero non eran poucas as voces que apuntaban a que a súa verdadeira aspiración era chegar a imperar na Federación Española, o cal acabou sucedendo a finais do pasado 2024.
O alcalde esixe "luz e taquígrafos" ao agora presidente da Federación Española de Fútbol, que "odia Vigo" porque "dende Vigo o botamos da Deputación".
Con Louzán á fronte do fútbol español e con Caballero na mesma alcaldía dende a que contribuíu á súa caída na Deputación, a conxuntura vén de propiciar unha caste de partido de volta político e mediático entre ambos. Está a suceder a conta da exclusión do estadio de Balaídos a última hora como sede de partidos do Mundial 2030, un controvertido movemento revelado por El Mundo en clave de "manipulación" e polo que o alcalde vigués leva días a esixir explicacións ao de Ribadumia, de quen mantén que "odia Vigo": "Non soporta que dende Vigo o botamos da Deputación e, polo tanto, é antiVigo".
Coida Caballero que debe ser o propio Louzán quen compareza publicamente para, "con luz e taquígrafos", explicar "o cambio do listado das sedes" e ofrecer "en detalle a valoración de cada unha das candidaturas". "Esixo transparencia" ante un "escándalo" no que o agora presidente da Federación Española, acusa, "dixo mentira tras mentira" como titular da Galega para, considera, pular pola exclusión do estadio onde xoga o Celta.

As acusacións de Caballero foron retrucadas por Louzán este venres. O ex-líder do PP de Pontevedra reduce o contencioso pola exclusión de Balaídos a unha "polémica interesada" do "alcalde populista de Vigo". "Este señor leva 15 anos para facer unha reforma do estadio, dende a etapa na que estiven na Deputación", agregou en ante a prensa en Madrid despois de que, nos últimos días, Caballero subliñase que o Concello ten "recursos para afrontar" a culminación da remodelación "e dos campos auxiliares".
O antigo 'barón' do PP de Pontevedra acusa o "alcalde populista" de alentar unha "polémica interesada"
"Fifa esixe 43.000 espectadores para que ese estadio poida ser sede mundialista" , xustifica Louzán, para a continuación acusar a Caballero de trasladar a cuestión "á confrontación política". Pero "isto non vai de partidos", mantén nun contexto no que asegura que "este camiño é moi longo" e por iso "na medida que poida, tentaremos que dúas cidades que quedaron fóra -en referencia a Vigo e València- poidan ter a oportunidade de estar como sedes mundialistas".
Para Caballero, a intervención de Louzán ratifica que segue a enganar. Alén da controversia en torno ao estadio, o rexedor advirte que "non lle tolero que insulte a esta cidade" ao "falar de populismo dun alcalde que ten en torno ao 65% do voto". "Está insultando á cidade e chamándolles parvos aos vigueses e ás viguesas? Claro, perdeu a Deputación, gañoulla Vigo e non o soporta", razoa mentres volve esixir que "dea publicidade a todas as cualificacións" de "todos os candidatos para o Mundial".

Os populares, que volven gobernar a Deputación dende 2023, sacan adiante unha moción na institución para "amosar o apoio á candidatura da cidade de Vigo" e esixir "traballo rigoroso entre o Concello e a RFEF"
A cuestión, como era previsible, chegou tamén á institución que noutrora presidiu Louzán e que dende o pasado 2023 volve ter goberno do PP por maioría absoluta. No pleno ordinario celebrado este venres, o PP provincial sacou adiante en solitario unha moción "para amosar o apoio á candidatura da cidade de Vigo para converter o estadio de Balaídos en sede do Mundial de fútbol do 2030" e "esixir á RFEF que faga públicos os criterios de baremación e as puntuacións técnicas de todas as cidades que aspiraban a acoller partidos da fase final".
O grupo liderado por Luis López tamén demanda "o establecemento de conversacións directas e un traballo técnico rigoroso entre o Concello e a RFEF para abordar o procedemento levado a cabo para a designación das sedes co obxectivo de esclarecer os feitos". Unha das vicepresidencias da Deputación provincial é ostentada actualmente por Luisa Sánchez, quen dende o pasado febreiro dirixe o PP de Vigo.