O Concello da Coruña confirmou este pasado luns que renunciaba a ser sede do Mundial, malia ser unha das cidades elixidas, e deixa Galicia (polo momento) sen posibilidade de acoller partidos do torneo que España, Portugal e Marrocos organizarán conxuntamente en 2030.
A Coruña entrara dentro do grupo das once cidades elixidas como sedes, nunha listaxe da que Vigo caeu a última hora en detrimento de Donostia, unha modificación final que ergueu a polémica e a indignación do alcalde da cidade olívica, Abel Caballero.
Desde entón, Caballero reclama o dereito da urbe a acoller partidos do Mundial, entre críticas ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e ao máximo responsable da Federación Española de Fútbol, Rafael Louzán, aos que culpa de vetar Balaídos e Vigo para o Mundial.
Este luns, pouco despois de que a alcaldesa da Coruña anunciase a renuncia, Caballero volveu exixir o Mundial, mesmo reclamando que os representantes da FIFA que están a visitar as distintas cidades designadas como sede en España esta semana —e que tiñan previsto acudir a Riazor este mércores— acudan a Vigo "de forma inmediata".
Caballero exixiu o Mundial para Vigo ao pouco de que A Coruña anunciase a súa renuncia e que a FIFA visitase "inmediatamente" Balaídos
“Insto inmediatamente a que Louzán traia a FIFA para ver o estadio de Vigo. Xa. De forma inmediata. Hoxe están aquí e teñen que vir ver Balaídos", dixo Caballero, que cre que os representantes do máximo organismo do fútbol mundial "teñen que vir ver as obras de reforma e o proxecto dos 43.000 espectadores".
A retirada da Coruña, e antes de Málaga, deixa en nove as sedes e en sete as cidades (Madrid acode co Bernabéu e co Metropolitano e a área de Barcelona co Nou Camp Nou e con Cornellà-El Prat) con praza para o Mundial no Estado, á espera dunha posible incorporación de Valencia e de Vigo, que non o ten doado.
A FIFA non descarta quedar con nove sedes e mesmo pode que algunha máis das elixidas inicialmente poida caer da lista, con Donostia entre dúbidas. Á espreita está Valencia, principal candidata a ser incorporada malia quedar fóra nun inicio.
Valencia é a principal candidata a entrar na lista de sedes da que se retiraron Málaga e A Coruña
As súas bazas son claras: é a terceira cidade en poboación de España e as obras do Nou Mestalla reactiváronse o pasado ano tras máis dunha década de abandono. A previsión é que o novo recinto estea listo no verán de 2027 e ofreza máis de 70.000 asentos de capacidade nun estadio que desde a Federación Española xa cualificaron como un dos máis modernos do Estado.
Con todo, Caballero segue convencido de que Vigo será sede mundialista e a Federación procurará que a FIFA inclúa Balaídos e o Nou Mestalla en lugar da Rosaleda e Riazor. Conta co apoio, como lembra, do Consello Superior de Deportes (CSD) e da ministra de Educación, FP e Deportes.
"Exíxolle a Louzán que a FIFA veña esta mesma semana para ver o estadio de Balaídos. Louzán e Rueda non queren que sexamos sede do Mundial, pero imos ser”, dixo, no entanto, Caballero, só minutos despois de que a súa homóloga coruñesa, Inés Rey, anúnciase a retirada. "Nós si que cumprimos", espetou tras a intervención da súa compañeira de partido.
Louzán insiste en lembrarlle a Caballero —con quen acumula anos de enfrontamento político—que logo das obras actuais da bancada de Gol, Balaídos rematará o ano que vén a reforma iniciada hai máis de dez anos, quedando un estadio con capacidade para arredor de 30.000 persoas. Faltarían 13.000 para cumprir cos 43.000 espectadores mínimo que exixe a FIFA.
Balaídos rematará en 2027 a reforma integral iniciada hai trece anos; terá 30.000 asentos e Caballero prevé demoler unha tribuna de 2017 para chegar aos 43.000 que pide a FIFA
Caballero di que haberá 43.000 butacas. "Farémolo con Mundial ou sen Mundial", dixo a pasada semana, pero iso implica demoler unha bancada inaugurada hai menos dunha década para facer outra nova.
A nova bancada de Tribuna, a primeira que se reformou dentro da obra integral de Balaídos, inaugurouse na primavera de 2017 e tivo un custo inicial, que logo se incrementou, de máis de 5 millóns de euros, coa achega do Concello e da Deputación de Pontevedra, como o resto das actuacións no estadio municipal. En total, a reforma integral de Balaídos que finalizará o vindeiro ano tras máis dunha década de obras terá un custo duns 62 millóns de euros (dos que a Deputación achegou a metade), máis do dobre dos 29,5 de orzamento que se anunciaron en xaneiro de 2015, cando a idea era rematar o recinto en menos de dous anos e medio.
Esta segunda reforma da bancada de Tribuna —a primeira acabou na primavera de 2017— suporía derrubar a actual e construír unha nova máis alta con 16.000 asentos, o que permitiría alcanzar os 43.000 que pide a FIFA. Pero o orzamento estimado é case o equivalente ao que se investiu na reforma global que está a piques de concluír: arredor de 60 millóns de euros que Caballero prevé que sufraguen a partes iguais Xunta, Deputación e Concello.
A nova tribuna que prevé Caballero custará 60 millóns de euros e elevará o custo total da reforma de Balaídos a máis de 120 millóns, catro veces o orzamentado en 2015
En total, o custo acumulado da transformación de Balaídos desde que se anunciaron as primeiras obras en 2015 superaría os 120 millóns de euros para unhas obras que rematarían en 2029, catro veces máis do orzamento inicial e 14 anos despois. Para o Mundial habería que engadir o gasto necesario en infraestruturas como párkings, accesos ou zonas vip, entre outras.
Atopar financiamento non será doado, por moito que a situación financeira do Concello sexa mellor que na Coruña, onde as obras previstas en Riazor para tres anos —e agora esquecidas xa— prevían un investimento de non menos de 100 millóns de euros. Contábase coa achega da Xunta, do Concello e da Deputación, ademais da dun investidor privado.
"Gañamos a pesar das trampas"
"Con investidor ou sen investidor, A Coruña acabaría hipotecada", dixo este luns Inés Rey. Pero Caballero está convencido do éxito porque cre que Vigo "presentou un proxecto imbatible e gañou". "Os responsables de elixir as sedes non tiveron máis remedio que poñer a Vigo entre as elixidas. O que pasa é que logo empezaron as irregularidades e Louzán mobilizouse para que Vigo non fose sede do Mundial. Nós reclamamos o noso dereito porque gañamos, a pesar de todas as trampas", insistiu onte.
Rueda di que a Xunta estaba "disposta" a achegar un 25% dos custos previstos e estaríao tamén en Balaídos se o total fose "razoable"
Outro dos sinalados constantemente por Caballero é Alfonso Rueda, presidente da Xunta, que este luns lamentou a retirada da Coruña da carreira mundialista. "Non é unha boa nova; Galicia perde a posibilidade de cando menos unha... da sede que estaba confirmada ademais", dixo tras un silencio e unha modificación reveladora.
Rueda destaca que desde A Coruña houbo compromisos públicos "que agora se recoñece que non van ser posibles" e asegura que a Xunta "está disposta a colaborar na consecución do Mundial". Ademais, lembra que a Administración autonómica estaba e estaría "disposta" a achegar un 25% dos custos previstos en Riazor antes ou hipoteticamente en Balaídos "na medida das posibilidades orzamentarias" e se "son razoables".
A decisión final sobre as sedes definitivas do Mundial 2030 chegará contra o remate deste ano. Para daquela, debería estar definido se Galicia acolle algún dos partidos. A opción que parecía máis segura, a da Coruña, xa caeu malia ser designada. A de Vigo, á espera e sen praza, co convencemento do seu alcalde e coas dificultades dunhas elevadas exixencias económicas e de infraestruturas e cunha sede confirmada 150 quilómetros ao sur. No fondo, unha corda estirada por cada lado e a piques de rachar. Sen un lazo que o impida. Como tantas veces.