A Coruña renuncia ao Mundial: "A cidade acabaría hipotecada"

Estadio de Riazor, na Coruña CC-BY-SA RC Deportivo

Xa é definitivo. A Coruña renuncia a ser sede do Mundial, logo de que fose elixida como unha das cidades que acollería varios partidos da cita que se celebrará en 2030. Ano e medio despois de ser anunciada e a dous días de que a FIFA visitase a urbe, o Concello anunciou o final dun proxecto que empezou con dúbidas, transcorreu entre silencio e inconcrecións e rematou en retirada. "Con ou sen investidor, a cidade quedaría hipotecada", dixo a alcaldesa, Inés Rey, que asegura que toma unha decisión "responsable" e pensando no ben da cidade e do Deportivo. 

"A Coruña quería ser sede do Mundial, pero non a calquera prezo", dixo Inés Rey, que advirte das "elevadas exixencias" da FIFA que fixeron "inviable" continuar co proxecto

Porque as diferenzas entre o Concello e o club foron sempre un dos principais problemas dun plan para a remodelación do estadio que non conseguiu nin financiamento nin o apoio do club. A elevada capacidade requirida (43.000 asentos fronte aos 32.000 actuais), a complicada obra e o seu elevado gasto (non menos de 100 millóns de euros) e a falta dun acordo para a futura explotación do recinto explican unha renuncia á que se lle unen as dificultades económicas dunha administración local que tiña difícil asumir unha parte importante do investimento. 

"A Coruña quería ser sede do Mundial, pero non a calquera prezo", dixo este luns a alcaldesa, Inés Rey, que explicou que ser sede do Mundial "implica elevadas exixencias organizativas e de investimento en moitos ámbitos". "Ante ese escenario", explicou a rexedora, o Concello tiña a "responsabilidade de anunciar o mellor" para a cidade. 

Inés Rey, flanqueada por Juan Carlos Escotet e Valentín González Formoso, no Pazo de María Pita para anunciar a renuncia ao Mundial e o acordo co Deportivo © Concello da Coruña

Rey di que o Concello decidiu "non hipotecar o club e a cidade por tres ou sete días nun investimento que non ía ter retorno ningún"

"Buscamos co Deportivo unha solución e tomamos unha decisión responsable: renunciamos ao Mundial. Tomamos a decisión pola cidade, o Deportivo e polo deporte na urbe", dixo Rey, nunha comparecencia xunto ao presidente do Deportivo e máximo accionista de Abanca, Juan Carlos Escotet, e ao presidente da Deputación, Valentín González Formoso para anunciar a futura reforma do estadio e de toda a cidade deportiva de Riazor. "Renunciamos á candidatura e centramos os esforzos nun proxecto propio para A Coruña", insistiu. 

Logo, xa nunha rolda de prensa en solitario, a alcaldesa detallou os porqués da renuncia ao Mundial que, aclarou, "era un medio non un fin" para unha "modernización" e "reforma" que a cidade "vai ter" igualmente. Rey dixo que as exixencias da FIFA supoñían que "A Coruña acabaría hipotecada". "Con investidor e sen investidor", aclarou sobre un custo "non só económico". Érao tamén "en mobilidade e trastorno nas infraestruturas que pedían", así que o Concello decidiu "non hipotecar o club e a cidade por tres ou sete días nun investimento que non ía ter retorno ningún". 

"Pola rúa non me piden o Mundial", di Rey, que asegura que "as contras" do Mundial "son máis que os pros"

Inés Rey dixo que nun momento "houbo que elixir" e que se optou polo "benestar do club e unha etapa de entendemento mutuo entre Concello e Deportivo. "Creo que isto é moito máis beneficioso para a cidade", engadiu, tras anunciar unha nova etapa de "entendemento mutuo" entre administración local e club e logo de explicar que había unha serie de exixencias da FIFA "que fixeron practicamente inviable continuar co proxecto, sobre todo pensando no club", insistiu. 

A alcaldesa, argumentou, tiña a confianza en que o máximo organismo do fútbol "rebaixase" as exixencias iniciais e dixo que así o fixo nalgún caso, pero non noutras moitas. "Aforo, espazo e zonas vip, very vip, super vip, párkings..." exemplificou, tras aclarar que varias "chegaron a un punto tal de inflexibilidade que facían imposible poder afrontar isto neste momento e facelo compatible coas necesidades do club, da afección e da cidade". 

Inés Rey anuncia a renuncia da Coruña a ser sede do Mundial 2030, este 16 de marzo CC BY-NC-SA Praza.gal

Respecto das diferenzas continuas co club respecto do Mundial nos últimos anos, Rey asegurou que o Deportivo estivo "traballando" xunto ao Concello ata que houbo un momento no que o club "considerou que as exixencias que tiña a FIFA lle podían prexudicar". "Pero non están en contra da modernización do estadio e vannos acompañar nela", engadiu. 

Escotet asegura que o novo proxecto para Riazor "non busca só cumprir con requisitos externos e temporais"

A rexedora recoñeceu, con todo, que "non é agradable" ter que renunciar a ser sede logo de que a cidade fose elixida pero que "ás veces é mellor ter os pés na terra". "As contras son máis que os pros", insistiu, ademais de engadir un detalle non menor e que se fixo cada vez máis evidente: non houbo nunca un excesivo entusiasmo na cidade polo que suporía acoller algúns partidos da cita de 2030. "Pola rúa non me piden un Mundial", dixo. 

Aínda así, e logo de meses gabando as vantaxes mundialistas, o golpe para o Concello da renuncia intentou ser minorado este luns con esa comparecencia conxunta na que se anunciou un acordo sobre unha futura reforma non só do estadio senón de toda a cidade deportiva de Riazor e das súas instalacións, incluíndo o pavillón de Deportes. Un proxecto, aclarou logo Escotet, que "non é unha resposta de necesidade conxuntural" e que "non busca unicamente cumprir con requisitos externos e temporais", en clara alusión ao plan do Mundial, agora descartado. 

Cidade deportiva de Riazor, co estadio e o palacio, nunha foto de arquivo CC-BY-SA RC Deportivo

"Nun marco de seguridade xurídica e planificación, baixo criterios de eficiencia, coordinación e visión de futuro", insistiu o presidente do Deportivo, que quixo deixar claras as diferenzas entre un proxecto acordado, planificado e sen présas e o do Mundial. Un plan que, dixo, pretende crear "un espazo que xere valor os 365 días do ano" e acollendo "actividade deportiva, cultural e social". "Reformar o estadio e a súa contorna para integrala plenamente na vida diaria da cidade", insistiu. 

"Hai que pensar no futuro"

Á espera de que se concreten detalles de datas e investimentos sobre a reforma e de que se conforme xa este mes unha comisión de coordinación entre Concello e Deportivo, a Deputación da Coruña comprometeu o apoio a un proxecto ao que Inés Rey espera que se unan outras administracións. "Estamos ilusionados por renovar Riazor", dixo González Formoso, presidente provincial, mentres que Escotet insistiu en sinalar que o plan é "a longo prazo" e para o gozo da cidadanía durante décadas. 

Por último, Inés Rey entendeu que a renuncia ao Mundial pode "causar certa desilusión" pero lembrou que a cambio a cidade terá "un complexo deportivo cun Riazor moderno, con moita máis actividade e infraestruturas deportivas das que se beneficiará o groso da poboación que as utiliza e durante moitos anos, máis aló de dous ou tres partidos do Mundial". "Hai que pensar en positivo, no futuro e imaxinar un complexo que usaremos nós, os nosos fillos e os que veñan detrás", concluíu. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.