O Breogán volve á ACB. O equipo lucense acadou neste domingo o seu quinto ascenso á elite do baloncesto logo dun memorable partido na final da LEB Ouro en Granada. Os celestes non deron opción ao rival (57-83) e deixaron encarreirado o partido xa no primeiro cuarto.
"Esta non é unha afección de ACB, é unha afección de Euroliga", resumiu Erik Quintela
De aí en diante, dominio total para certificar o ascenso logo dunha dura e complexa temporada, coa ausencia durante tantos partidos do que, quizais, sexa o meirande valor do Breogán: a súa afección.
Nin con restricións e centos de quilómetros polo medio fallou en Granada, onde un cento de seareiros acompañaron o equipo para selar a volta á ACB e asegurar o derbi galego co Obradoiro da vindeira temporada. E, agás sorpresa, con público.
O Breogán volveu pola porta grande e recibiu a copa de campión. Salva Arco, capitán do equipo, cedeulle a honra de erguela aos irmáns Quintela, Sergi e Erik, lucenses e breoganistas, símbolos dun equipo e dunha bancada.
"Foron a liga e a tempada máis duras, con só un ascenso, a pandemia e o COVID paseando", asegura Diego Epifanio
"Esta non é unha afección de ACB, é unha afección de Euroliga", resumiu Erik durante as celebracións dun equipo que este luns compartiu coa afección no Pazo o ascenso e o título de campións da LEB Ouro. Despois foi recibido no Concello lucense, completando a festa que se viviu na cidade desde pouco despois das nove da noite do domingo
A merecida recompensa a un equipo que, como dixo o seu adestrador, Diego Epifanio, fixo "o mellor partido da temporada no momento máis importante". Pecha así o Breogán unha temporada histórica logo de gañar tamén a Copa.
"Foron a liga e a tempada máis duras, con só un ascenso, a pandemia e o COVID paseando. Foi unha temporada durísima e por iso a felicitación aos meus xogadores e tamén ao Granada", concluíu.