O Celta regresa ao ceo de Primeira

Afeccionados do Celta © R. Berdini

Ascende o Celta cinco anos despois. Volven os celestes á elite logo dunha tempada excepcional. Ningún partido debe empañar nin empañará unha campaña histórica para os de Paco Herrera. Nin tan sequera o deste domingo, onde os galegos e o Córdoba evidenciaron un pacto de non agresión para cumprir os seus obxectivos. Non houbo ocasións nin partido ningún, pero o club vigués gañouse o seu dereito a non arriscar cando tiña o seu soño a só un pasiño. E puido xogar co resultado porque antes xa sumara 84 puntos. Nada máis e nada menos. O resultado do bo facer dos seus xogadores e do seu corpo técnico e dun proxecto que deu os seus froitos cunha morea de canteiráns e galegos no campo. 

O Celta gañouse o seu dereito a non arriscar na última xornada. Antes xa sumara 84 puntos. 

Empatou o Celta (0-0), como todos agardaban, nun partido sen historia. Tan claro o tiñan todos que ata o Valladolid perdeu na casa ante o Guadalajara. Pero non se queixou a afección celeste. Todo o contrario. Gozou Balaídos como había tempo que non o facía. Ateigado e presumindo de equipo, un equipo que regresa a Primeira pola porta grande logo dunha campaña que nunca esquecerán os seareiros. Polo que supón para o equipo e pola dificultade dun ano onde houbo que bater marcas para lograr o obxectivo ante o excelente nivel amosado polo Valladolid, que quedará fóra do ascenso directo malia superar con moito os 80 puntos, e polo Deportivo, que gañou o campionato pero tamén tivo que superar récords para regresar á elite. 

As rúas de Vigo enchéronse de seareiros que ateigaron a praza América. Volve o Celta a Primeira e faino na que será recordada como unha tempada histórica para o fútbol galego. O club vigués e o Deportivo regresan xuntos nun ano co que algúns xa soñaron ao principio da campaña. Festa rachada en Vigo esta fin de semana e festa rachada na Coruña a pasada. Galicia está de festa. Os dous grandes están xa onde deben estar. Cos mellores. 

Álex López, centrocampista ferrolán do Celta © Roberto Berdini

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.