O Gran Camiño, a nova Volta a Galicia profesional, arrincará cunha etapa entre O Porriño e Vigo e contará cunha tirada en cada provincia
O regreso a Galicia dunha proba ciclista profesional de primeiro nivel arrincará o vindeiro 24 de febreiro dunha etapa entre O Porriño e Vigo. Será a antiga Volta Ciclista a Galicia, pero renomeada como O Gran Camiño, logo de que en 2002 a antiga proba virase en amateur.
Incluído O Gran Camiño no calendario da Unión Ciclista Internacional (UCI), coa presenza dos mellores equipos (os UCI Pro Tour) e encadrada na categoría 2.1, a proba percorrerá as catro provincias galegas, unha por etapa.
A Deputación de Pontevedra achegará 100.000 euros por ser a "anfitrioa" da proba que impulsou o ex-ciclista Ezequiel Mosquera
Así, e tal e como destaca a Deputación de Pontevedra, será esta provincia a "anfitrioa" dos equipos na súa chegada a Galicia para unha primeira tirada que será presentada nos vindeiros días e que conta coa colaboración do organismo provincial, que achegará 100.000 euros, unha partida xa contemplada nos orzamentos aprobados o pasado venres.
A Deputación que preside Carmela Silva asegura que con esta achega segue "na súa aposta polos grandes eventos deportivos como motor de recuperación do deporte e da actividade social e económica na provincia", así como pola "vinculación do turismo deportivo que o Plan Estratéxico de Deportes xa establece como clave para fixar a marca Pontevedra Provincia, xa que a proba será televisada a nivel mundial".
O Gran Camiño chega logo do impulso fundamental que lle deu o ex-ciclista profesional Ezequiel Mosquera, que a través da súa empresa organizadora de eventos lanzou a iniciativa que foi logo apoiada pola Xunta de Galicia, empresas e outras administracións. O ex-corredor aclararaque a proba ten un dobre obxectivo, o deportivo e o turístico, ademais doutro fundamental: "Facer país".
Neste mesmo martes, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o propio Mosquera asinaron o convenio de colaboración para unha carreira que a Xunta di apoiar "como escaparate do Xacobeo e de Galicia como destino seguro".
Rueda asegura que a proba será "un escaparate de primeiro nivel para o turismo e un factor de reactivación da ocupación hoteleira"
“Percorre todas as provincias galegas, realízase por etapas e defende os valores da perseveranza, a constancia e o esforzo para chegar á meta en Compostela”, dixo Rueda, que insistiu que a proba supón "un escaparate de primeiro nivel para o turismo e un factor de reactivación da ocupación hoteleira".
Rueda foi máis aló e vaticiou que o éxito será "similar" ao que dixo terse acadado coa Vuelta a España de 2021 e a promoción do Xacobeo nesta proba. "A posibilidade de que os mellores ciclistas veñan á nosa terra para baterse en duelos inesquecibles nos mellores escenarios permite que Galicia poida amosar a millóns de espectadores as súas paisaxes, as súas cidades, os seus activos turísticos, culturais ou industrais e o Camiño de Santiago que vertebra a nosa idiosincrasia e a nosa relación con todo o mundo”, resumiu o secretario xeral para o Deporte, Lete Lasa.