Tres quilómetros de natación, 113 de ciclismo e outros 30 de carreira a pé. Será a proba que o vindeiro sábado porá fin ao Festival Multideporte de Tríatlon da ITU que se celebra en Pontevedra desde o pasado día 27 de abril. Uns 4.000 deportistas que participaron ou participarán nos mundiais de dúatlon, tríatlon cross, ácuatlon, aquabike e o devandito tríatlon de longa distancia.
Uns 4.000 deportistas participan ou participaron nos diferente campionatos mundiais de dúatlon, tríatlon cross, ácuatlon, aquabike e tríatlon de longa distancia
Nesta proba serán dous galegos os grandes protagonistas: o pontevedrés Pablo Dapena, actual campión mundial da disciplina, e Javier Gómez Noya, cinco veces campión mundial de tríatlon e medallista olímpico. Tal e como declarou na presentación da proba, o deportista ferrolán di que é “un luxo” e “moi bonito” competir na “casa”, na cidade onde tantas veces adestrou e co apoio da afección. E aínda que recoñece que sairá “a gañar”, tamén advirte do complicado do obxectivo ao se enfrontar a unha distancia na que non competiu “nunca”.
A proba raíña poñerá o ramo a unha semana na que Pontevedra viviu e vibrou co deporte en cada recuncho da cidade, con milleiros de deportistas, acompañantes e seareiros que enchen as rúas ben sexa adestrando ou gozando do lugar. “Evidentemente, se este mundial fose en calquera outro lugar, posiblemente non o correría porque este ano estou centrado na distancia olímpica para volver aos Xogos Olímpicos”, recoñeceu Gópmez Noya, que instou a xente a acudir. “Se non competise, como espectador tampouco o perdería”, dixo.
"Se non competise, tampouco o perdería como espectador", di Gómez Noya
Neste xoves, pasado o ecuador do Mundial Multisport, ten lugar o Campionato do Mundo de ácuatlon, mentres que o sábado disputarase tamén o de aquabike. Antes celebráronse o resto de probas ao pé do Lérez e nunha cidade que gozou tamén de música, con diferentes concertos, e dun ambiente espectacular.
Foi tamén, unha oportunidade para gozar da paisaxe dos arredores de Pontevedra, como por exemplo no tríatlon cross, ou do mesmo centro da cidade, por onde correron varios dos participantes en probas como as das diferentes categorías do dúatlon.