Héctor Anllo

Unha ducia de vídeos galegos frikis

Como ben dixo un dos grandes persoeiros da nosa Internet: Galicia é un país de frikis. A televisión e mailas redes sociais foron capaces de catapultar á fama (dixital) a multitude de galegos que, polas súas pifias ou polas súas fazañas publicadas na Internet, se converteron en protagonistas de innumerables grupos de Facebook, memes e tamén, e como non, parodias. Cales serían os vídeos que non poderían faltar nun programa galego de zapping, se é que á televisión galega lle dese por facer algún día un APM?.

  1. 01

    Meis Vice

    En Galicia non andamos con mexericadas e as persecucións, aínda que non sexan nas infinitas costas de San Francisco, a 200 quilómetros por hora e sen coches de alta gama, tamén poden ser espectaculares. Home claro!

  2. 02

    ¡Tóqueme usted las narices!

    Esta ducia non estaría completa sen a presenza dun dos nosos políticos máis famosos (e polémicos) de todos os tempos. A Fraga pillárono varias veces in fraganti tralas cámaras mostrando o seu famoso xenio. De verdade tiña tan mal posta a chaqueta?

  3. 03

    O Fernando Alonso de Ordes

    A 3ª Carreira do Campionato de Fórmula 20, celebrada nunha pista calquera do concello de Ordes, foi unha das máis famosas da Internet en galego. Os pilotos Iago e Diego Kubica batíronse nun duelo que só podía rematar coa victoria dun dos irmáns e a súas incribles palabras na posterior e improvisada rolda de prensa.

  4. 04

    ¡Nos pegan!

    Un directo con nenos sempre vén acompañado de sorpresas, e iso non hai Avid que o corte. Aproveitando o inicio do curso, Alberto Mancebo visitou unha escola para preguntarlles a varios cativos polo que lles facía a profe cando se portaban mal e… a mestra quedou sen palabras!

  5. 05

    Confabulación dos astros

    Un dos vídeos máis aclamados da historia de Twitter ten como protagonista indirecta a Yolanda Castaño, unha das poetas galegas máis famosas e polémicas da nosa literatura. A imitación da que tamén foi copresentadora do Cifras e Letras é, se cadra, unha das grandes obras mestras da poesía contemporánea en galego.

  6. 06

    Me echaron drogha en el ColaCao

    Se cadra o vídeo friki galego máis famoso de Internet. No ano 1993, José Tojeiro contaba no programa Código Uno de TVE, presentado polo mesmísimo Arturo Pérez-Reverte, o suceso acontecido no seu fogar de Cariño. O relato do lle fixeron tres mozas converteu o seu famoso “Me echaron drogha en el ColaCao” nunha das frases máis repetidas en Galicia e en parte do estranxeiro.

  7. 07

    Comprouno, que traballo lle vai dar?

    O entroido é unha das festas galegas máis esperadas do ano, especialmente para os máis cativos, que cada ano buscan sorprender a compañeiros de colexio cos seus disfraces… Suso faláballe á redactora todo contento do seu disfraz… Ata que alguén desvelou o segredo máis gardado da súa creación!

  8. 08

    Gayoso: 20 anos liándoas pardas

    O programa máis lonxevo da Televisión de Galicia non podía faltar nesta ducia. Nos seus vinte anos de emisión, o Luar foi protagonista de verdadeiros momentos televisivos, como as chamadas ao chou de Gayoso a altas horas da noite dos venres ou o anuncio, por erro, da morte do Fary durante a súa emisión en directo.

  9. 09

    Dancing Conde Roa

    Está claro que os políticos son unha fonte de titulares inesgotable, pero… cando pode unha presentación do máis normal virar nun dos memes máis famosos da Internet en galego? O vídeo publicado por Correo TV dos pasos de baile do ex-alcalde de Compostela Gerardo Conde Roa na presentación do Nadalxogo 2011 converteuse nun dos vídeos máis compartidos en taboleiros e tweets nas súas ducias de versións dispoñibles. Cal é a vosa favorita?

  10. 10

    Come churrasco!

    Que pasa se xuntamos a cantidade de festas e verbenas espalladas polo país cunha edición do máis tróspido? Vaia Troula é, sen dúbida, un dos programa estrela dos veráns da Televisión de Galicia. Codesal, un dos típicos hombres gallegos que comen churrasco, atrévese a darnos varios consellos para non deixar de probar un dos produtos máis populares da gastronomía galega. O vídeo chegou a facerse tan popular que conseguiu remix propio.

  11. 11

    Yo estaba cagando…

    Bendita inocencia! Máis dun millón de visitas ten o sobrecolledor o relato que fai un neno galego dun violento incendio na súa vivenda. Onde estará este rapaz agora? E Esther?

  12. 12

    A dotación dos bombeiros da Coruña

    O ex-concelleiro socialista da Coruña Carlos González-Garcés fíxose famoso a nivel nacional polo seu ataque de risa á hora de explicar a dotación dos parques de bombeiros da Coruña. As súas roldas de prensa e intervencións futuras nunca deixarían de pasar desapercibidas.