Unha ducia de razóns para acudir ao Maio Jazz do Teatro Colón
Maio estase a converter no mes do jazz en Galicia. O Maio Jazz, organizado polo departamento de Cultura da Deputación da Coruña, vén consolidándose como unha cita de referencia no país. A edición 2025 do ciclo inclúe cinco concertos, os días 9, 10, 11, 17 e 24, con entrada de balde previa retirada do convite. Velaquí algunhas das razóns para acudir ao Teatro Colón da Coruña.
-
01
Cinco noites de improvisación, raíz e vangarda
Maio estase a converter no mes do jazz en Galicia. O Maio Jazz, organizado polo departamento de Cultura da Deputación da Coruña, vén consolidándose como unha cita de referencia no país, co Teatro Colón da cidade herculina como escenario inmellorable para unha coidada programación que de seguro fará as delicias de afeccionados e afeccionadas.
A edición 2025 do ciclo inclúe cinco concertos, os días 9, 10, 11, 17 e 24, con entrada de balde previa retirada do convite, que pode realizarse na plataforma ataquilla.com. Todos os concertos comezan ás 20 horas.
-
02
Unha cultura "accesible" e "transformadora"
Na presentación do ciclo, que tivo lugar hai uns días, a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, destacou o Maio Jazz como unha mostra da aposta da institución por unha "cultura accesible, transformadora e que pon o foco no talento e nos creadores e creadoras”.
Na presentación, Natividade González estivo acompañada de Abe Rábade (que presenta o proxecto Taibo) e de Carlos Miyares e Manuel Gutiérrez (Sumrrá).
A primavera chega co Maio Jazz e, con el, florece a cultura e a música no Teatro Colón.
-
03
9 de maio. Taibo
O ciclo comeza este venres cunha das propostas máis interesantes: Taibo, un proxecto "inusual" que reúne no escenario os pianos de Rosalía Gómez Lasheras, Abe Rábade e Alejandro Vargas nunha homenaxe a a Luís Taibo, un extraordinario compositor e pianista compostelán, cuxa obra se cría perdida.
O concerto inclúe a participación dun artista sorpresa aínda por revelar, que porá a súa voz ao universo poético deste creador case esquecido que emigrou de Galicia a México. O convite pode retirarse aquí.
-
04
Quen foi Luís Taibo?
Luís Taibo naceu en Compostela en 1877 e na cidade tivo a súa primeira formación musical, no coro da Catedral de Santiago e no seminario eclesiástico, da man de Juan Trallero e Santiago Tafall. Mentres afianzaba o seu talento co piano, estudou Medicina e aos 31 anos marchou a México na procura dunha maior estabilidade laboral.
Xa nunca retornaría do país americano, onde desenvolveu a súa carreira profesional e musical, cunha grande actividade compositiva.
"Estamos ante un compositor único en Galicia, que nunca renegou da súa orixe, e que incorporou como selo persoal e de xeito natural a linguaxe musical que atopou no Novo Mundo", destácase na entrada do Álbum de Galicia do CCG realizada por Alberto Cancela Montes.
-
05
10 de maio. Verónica Ferreiro e Javier Sánchez Quinteto
Este sábado 10 de maio, no segundo concerto do ciclo, será a quenda de Verónica Ferreiro e Javier Sánchez, que sacudirán os códigos do jazz, cunha paisaxe sonora innovadora e vibrante que xa estaba presente no seu primeiro traballo, Camiño. O convite pode retirarse aquí.
-
06
... seguen facendo 'camiño'
Verónica (voz) e Javier (guitarra) presentarán no Teatro Colón novas creacións, expandindo o seu rexistro e explorando o folclore, acompañados de tres recoñecidos músicos da escena jazz do Estado: Moisés P. Sánchez (piano), Ander García (contrabaixo) e Borja Barrueta (batería).
-
07
11 de maio. Diego Alonso 5tet
A primeira fin de semana do ciclo inclúe un terceiro concerto, o domingo ás 20 horas, coa actuación de Diego Alonso 5tet.
O quinteto –liderado polo saxofonista e compositor vigués, nunha formación que completan Pablo Patiño, no contrabaixo; Antón Quintela, na batería; Xan Campos, no piano, e Virxilio da Silva, na guitarra eléctrica– presentarán Nihil, o primeiro álbum de Alonso como compositor, finalista dos Premios Martín Códax da Música no ano 2024. O convite pode retirarse aquí.
-
08
Diego Alonso: 'Nihil'
O quinteto comparte unha profunda relación, tanto académica como profesional, coa escena jazzística galega e portuguesa, pero tamén coa española e doutros países, onde os compoñentes formaron parte de diversos proxectos.
-
09
17 de maio. Carlos Miyares & The Cuban Quintet
O sábado 17, Día das Letras Galegas, o Teatro Colón encherase de jazz afrocaribeño e de músicas con orixe en Cuba, de onde chega Carlos Miyares, que vén acompañando a Chucho Valdés dende o ano 2008, co que actuou en escenarios de prestixio en todo o mundo, incluíndo o Montreux Jazz Festival ou o Jazz at Lincoln Center.
Tamén colaborou con artistas como Archie Shepp, Wynton Marsalis, Harold López Nussa, Roberto Carcasses, Roberto Fonseca, Horacio “El Negro” Hernández, Omara Portuondo, Carlos Valera, Zuccero, Francisco Céspedes, Antonio Sánchez, entre outros. O convite pode retirarse aquí.
-
10
Carlos Miyares: 'Juana 1600'
No Teatro Colón, Iván “Melon” Lewis (piano), Reinier Elizarde Negrón (contrabaixo), Bárbaro Torres (batería) e Yaroldy Abreu (percusión) completarán a formación de Miyares (saxo tenor) neste The Cuban Quintet.
-
11
24 de maio. Sumrrá
O ciclo remata o sábado 24 de maio cun concerto moi especial. Os composteláns Sumrrá celebran o seu 25 aniversario cunha actuación na que repasarán a súa traxectoria. Manuel Gutiérrez (piano), Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo), e LAR Legido (batería) veñen de recibir o Premio Plataforma Jazz España á súa carreira. O convite pode retirarse aquí.
-
12
25 anos de jazz
Nos 25 anos de actividade, o trío compostelán suma oito álbums que os converteron en referentes a nivel internaciona. No Teatro Colón Sumrrá ofrecerá unha viaxe musical por todos estes traballos e polos moi diversos estilos que puxeron en práctica.