Unha ducia de citas para celebrar as Letras nos concellos da Coruña con música e homenaxes ás cantareiras
Dende este mes de maio e ata final de ano as áreas de lingua e cultura da Deputación da Coruña van conmemorar as Letras Galegas cun calendario de actividades que pasará por 25 concellos da provincia e no que a música e a homenaxe ás cantareiras e á poesía popular estarán no cerne. Velaquí, os detalles desta programación.
- 
                             01 01Unha programación centrada na poesía popular oralO pasado 30 de abril as áreas de lingua e cultura da Deputación da Coruña presentaron a programación de eventos para a celebración das Letras Galegas. Na presentación participaron as deputadas de lingua, Soledad Agra, e de cultura, Natividade González, acompañadas de representantes de algunhas das entidades e agrupacións que protagonizan as actividades, como Xabier Díaz, Donaire, Xacarandaina, Zavala, Maos, Cantometrics, AELG ou o documental Lévame a idea. 
- 
                             02 02Un 'caderno de campo' para presentar a programaciónO cartel, realizado por Xiana Iglesias (Maos) "fai un recoñecemento a toda a poesía popular oral, representando as mulleres como transmisoras de todo o legado poético, o contexto no que se crea a poesía e o patrimonio oral, eses espazos de colectividade, e o papel das persoas que estudaron e que facilitaron a transmisión". "Buscamos conceptos e mesturámolos como se fose unha sorte de caderno de campo", sinala a autora. 
- 
                            03'Efémeras' de CantometricsA música será protagonista, por exemplo co espectáculo Efémeras de Cantometrics, que xa se puido ver o pasado 4 de maio en Noia e o 9 de maio en Carballo e que o 31 de maio pasará por Ortigueira. Este concerto de música tradicional inspirado nas obras fotográficas de Ruth Matilda Anderson abre as fronteiras a outras posibilidades sonoras incorporando o folk ou a música electrónica, nunha linguaxe acorde coa estética musical do século XXI. Unha creación musical baseada na imaxe e na videocreación, unha viaxe sonora única a través do arquivo de Alan Lomax. 
- 
                            04Zavala + Atalaias de CaiónHaberá que agardar ao outono para ver o expectáculo conxunto de Zavala con Atalaias de Caión. O proxecto musical de Zavala está liderada pola ferrolá Carla Romalde. Nas súas cancións, como esta "A Tormenta dos Pasos Errantes", a formación mestura a música tradicional coa electrónica, con influencias indies e pop e a inclusión da spoken word. O grupo vén de presentar o seu segundo disco, Pequeno Manual Para Grandes Cambios II (Teoría y Práctica), publicado por Ferror Records e vén de iniciar unha colaboración coas Atalaias de Caión, un grupo de cantareiras coas que gravou o tema "Santa Marta", un tema dedicado a Ortigueira. 
- 
                            05DonaireA Asociación Cultural Donaire leva 25 anos dedicada á música e baile tradicionais. No outono celebrará este cuarto de século de actividade con cinco espectáculos en Mazaricos, Melide, As Pontes, Teo e Ribeira, da man da Deputación da Coruña. 
- 
                            06XacarandainaHaberá tamén catro concertos das pandereteiras de Xancarandaina en Fisterra, Betanzos, San Sadurniño e Arteixo. Se Donaire levan 25 anos, Xacarandaina leva 47 anos de traballo fomentando o baile e a música tradicionais galegos. A formación creouse en 1978 e dende 1982 está dirixida por Quique Peón 
- 
                             07 07'Lévame a idea'Laura Varela, Iria Villares e Vanesa Siso son as responsables do documental Lévame a idea, producido por Navíos e Folerpas, que a través de múltiples entrevistas reivindica as cantareiras e pandeireteiras e fía unha historia colectiva de resistencia. Teresa dos Cucos, Felisa Segade, Sés, Mercedes Peón, Beatriz Busto, Branca Villares, Lupe Blanco, Xiana Lastra e as Lilaina, entre outras, participan nun documental que reclama "que as mulleres recuperen os espazos públicos que durante tanto tempo lles foron negados" O filme proxectarase nos vindeiros meses en 10 concellos da provincia da Coruña, cun calendario pendente de se concretar. 
- 
                             08 08Tanxarina: A biblioteca galáctica contra a IA fantásticaEn Rois e Cabana de Bergantiños haberá dúas representacións escolares da obra A biblioteca galáctica contra a IA fantástica a cargo da compañía de títeres Tanxarina. Trátase dunha adaptación teatral da novela de Carlos Labraña, publicada por Galaxia, un canto á amizade, á solidariedade e unha defensa dos libros, da lectura e da palabra escrita fronte a unha Intelixencia Artificial que quere acabar coa imaxinación e a fantasía. 
- 
                             09 09'Cancioneiro galego serodio 1989–2012', de Xabier DíazTrazo, Dodro, Carballo e Vimianzo acollerán presentacións de Cancioneiro galego serodio 1989–2012, de Xabier Díaz, un traballo no que durante máis de dúas décadas o músico foi recollendo exemplos da tradición musical e oral galega da man das súas gardiás, as cantareiras e tocadoras que este 2025 son protagonistas do Día das Letras Galegas. Durante este ano Xabier Díaz está a compartir na rede unha parte dese inmenso patrimonio, composto por máis de 500 entrevistas. Escolmou un total de 54, que cada venres publica para "achegar o patrimonio cultural galego ao público" 
- 
                             10 10'Cantareiras. Poesía popular nas letras galegas'O libro de Xabier Díaz, ademais, está a chegar este ano a todas as bibliotecas públicas da provincia da Coruña grazas á Deputación. Outro libro que está a ser distribuído de igual xeito polas bibliotecas municipais é Cantareiras. Poesía popular nas letras galegas, de Lela Edicións, unha obra que inclúe un gran número de biografías de cantareiras, protagonistas este ano do 17 de maio. A partir desta obra haberá tamén contacontos ilustrados e musicados dirixidos a nenos e nenas de Infantil e Primaria en varios concellos. 
- 
                             11 11'Pandereteiras de Mens'Outra das obras que está a ser distribuída pola Deputación entre todas as bibliotecas é Pandereteiras de Mens, un libro da musicóloga e antropóloga Beatriz Busto Miramontes que fala da historia de vida e do repertorio das cinco mulleres bergantiñás que foron coñecidas no universo do folclores como as Pandereteiras de Mens, lugar de Malpica. A obra editada por Acentral Folque homenaxea, pois, a Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, que constituíron o primeiro grupo de cantareiras tradicionais que espallaron polo mundo adiante a poesía popular oral, tras se integraren nos anos 70 do século pasado na Agrupación Folklórica Aturuxo da Coruña 
- 
                             12 12Obradoiros de escrita creativa con Estíbaliz EspinosaA programación organizadas polos departamentos de cultura e lingua da Deputación da Coruña inclúe tamén 11 obradoiros de escrita creativa sobre a literatura de tradición oral das mulleres, que se realizarán noutros tantos concellos. Dirixidos a alumando de Primaria e Secundaria de diferentes centros da provincia, serán impartidos por Estíbaliz Espinosa, que estará acompañada dun ou dunha escritora convidada. 
- 
                             13 13Manual de boas prácticasFinalmente, tres concellos acollerán a presentación do Manual de Boas Prácticas na Xestión Cultural, realizado pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural. A obra busca facilitar o traballo dos xestores culturais, defender os dereitos de traballadores da cultura e artistas e mellorar a experiencia do público e o conxunto do funcionamento do sector cultura. 
