Unha ducia de accións contra a violencia machista
Este 25 de novembro foron múltiples os chamados e reivindicacións contra a violencia machista. Movementos feministas, entidades sociais e institucións públicas lanzaron este venres e nas xornadas previas, con accións coma estas, unha apelación a que o rexeitamento ás agresións de xénero non fique só nun día ao ano.
-
01
O Obradoiro, en negro
Unha das imaxes máis icónicas da xornada foi a formada na compostelá Praza do Obradoiro, onde o acto institucional do Concello santiagués finalizou con 450 persoas a formar o símbolo da campaña En Negro contra a Violencia
-
02
Certame feminista no IES de Arzúa
O IES de Arzúa, referencia en proxectos educativos a prol da igualdade, culminou este 25 de novembro o seu primeiro Certame Feminista coa lectura do manifesto gañador, redactado por unha alumna do centro.
-
03
A Muralla de Lugo, tamén en negro
Un dos actos centrais da campaña En negro contra a violencia na cidade de Lugo trasladouse ao adarve da Muralla romana, nun acto no que participaron diferentes colectivos do municipio.
-
04
A "árbore dos desexos" na Coruña
A Deputación da Coruña instalou na súa sede unha árbore para simbolizar a "visibilización" da loita contra a violencia de xénero
-
05
Contra todas as violencias
A Marcha Mundial das Mulleres subliñou, co gallo do 25N, que a violencia machista "non ten idade" e que se manifesta de xeitos moi diversos. Así o amosou, por exemplo, nesta acción de rúa na Coruña
-
06
Reivindicación da loita feminista
O Colectivo Feminista de Pontevedra rematou as súas mobilizacións do 25N cunha acción de rúa
-
07
O impacto do #PrimAcoso
O Concello de Pontevedra resumiu o gran impacto da campaña #PrimAcoso nun vídeo que reflicte os testemuños lanzados por un amplo número de mulleres e as súas repercursións nas redes sociais
-
08
Relato liberado
A editorial xerais decidiu liberar o relato 'A esencia da cidade', de María Reimóndez, co obxectivo de axudar "a reflexionar, a comprender e a cambiar" actitudes a respecto da violencia machista, coa vista posta especialmente nos centros de ensino. Pódese descargar libremente nesta ligazón.
-
09
Concentracións institucionais
Foron moitas as institucións públicas que acolleron concentracións contra a violencia de xénero. Na imaxe, a do Concello da Coruña
-
10
Novas e poemas contra o machismo
No IES Félix Muriel, en Rianxo, alumnado e docentes reflexionaron en torno á violencia e ao machismo con materiais como novas da prensa ou poemas.
-
11
Vigo en lila
A contorna de Urzáiz volveuse tinguir de lila das mans de escolares de Vigo para rexeitaren a violencia de xénero
-
12
A Marcha Mundial das Mulleres, na rúa
A Marcha Mundial das Mulleres rematou a xornada de mobilizacións con accións de rúa como a da imaxe, en Ourense