Unha ducia de agasallos culturais
Achégase o nadal e seguro que todas e todos ainda temos a meirande parte dos agasallos por mercar. Unha boa idea será pensar nalgún produto cultural, dende libros a discos pasando por dvds ou videoxogos. Hainos para todas as idades e para todo tipo de público. E en galego. Esta semana soubemos que os galegos e galegas gastamos cada vez menos en cultura. E mesmo asi a cultura galega non deixa de amosar a súa variedade e calidade. Por exemplo no Culturgal a pasada fin de semana.
-
01
Na ponte
Na ponte é un libro-CD-DVD que recolle unha escolma da produción da iniciativa Ponte... nas ondas! Poden escoitarse por exemplo vinte e tres cancións, da man de artistas como Xosé Manuel Budiño, Lenine, Timbila Muzimba, Xoan Curiel, SocorroLira, Aline Frazao ou Luís Pastor. No DVD tamén se pode ver o documental Pontes nas ondas ou os videoclips realizados en diferentes edicións, así como unha escolma de narración oral.
-
02
Todo sobre o fútbol galego
Todo sobre o fútbol galego, de Carlos Freire, ofrece unha visión panorámica do fútbol en Galicia en forma de amena crónica xornalística, con humor e mesmo con certo toque literario. "Un libro escrito para todos e para todas, mesmo para aqueles aos que non lles gusta o fútbol".
-
03
Obra completa de Vidal Bolaño
Edicións Positivas editará as obras completas de Roberto Vidal Bolaño. Serán 5 volumes, un centrado en textos escritos para o audiovisual e no ensaio e outro nas adaptacións de obras alleas, que xa se poden reservar para ir quentando motores para as Letras 2013.
-
04
Maria Fumaça
María Fumaça... cantar e bailar para ser máis feliz! é un libro-disco publicado por Galaxia, que conta coa colaboración de diferentes artistas como Magín Blanco, Isaac Palacín, Carlos Blanco, Tanxarina Teatro ou Sergio Tannus. O proxecto naceu arredor de Ruí, un cativo con parálise cerebral a quen os seus amigos músicos e a súa familia agasallaban con cancións no seu aniversario
-
05
A Galiña Roxa
Máis que definir os libros de kalandraka, o mellor é miralos, pasar as follas polas súas fermosas ilustracións e textos. Neste conto, Pilar Martínez encárgase da adaptación e Marco Somà da ilustración.
-
06
Ardalén
O último traballo de Miguelanxo Prado está publicado en galego por El Patito Editorial. Trátase dun cómic sobre a importancia da memoria, do mundo onírico, da esencia da nosa vida ou da procura da nosa identidade.
-
07
Dicionario Inglés-Galego
O Dicionario Moderno Inglés-Galego publicado por 2.0 Editora trátase unha oportunidade única. É o primeiro gran dicionario bilingüe inglés-galego, indo moito máis aló da valiosa achega do Dicionario Elemental publicado en Xerais por Benigno Salgado, que non chegaba ás tres mil entradas.
-
08
Cousas de Mortos
Manel Cráneo vén de publicar o álbum Cousas de mortos con Demo Editorial, selo que dirixe dende a súa creación en 2008. Con retranca e crítica social, os esqueletes convértense nos protagonistas dun álbum para a reflexión e no que calquera pode verse reflectido coma nun espello vital.
-
09
Atl
A ficción científica é un xénero cada vez máis desenvolvido na literatura galega. Atl, de Manuel Lourenzo González, Premio Blanco Amor 2011, é unha das grandes novelas galegas que se poden mercar nestas festas.
-
10
Memorias dunha republicana
María Teresa Alvajar López. Memorias dunha republicana é unha fascinante investigación de Aurora Marco sobre a figura desta muller, na que se resume a historia da República, o exilio e a postguerra. Editado por Laiovento.
-
11
O futuro é posible
Emilio Pérez Touriño rachou o seu silencio con O futuro é posible, unha memorias que repasan algúns dos fitos máis importantes da politica galega nos últimos 15 anos e a visión do pais do expresidente da Xunta
-
12
Heredeiros da Crus - 20 aniversario
No Culturgal soubemos que teremos novos temas de Heredeiros da Crus en 2013. Pero este nadal podemos repasar os seus grandes éxitos con este cd-dvd gravado en Ordes en marzo.