Unha ducia de Aquel bravú, aquel xabarín
Esta fin de semana volven os máis jrandes. Sete anos despois da súa última actuación, Heredeiros da Crus ofrecerán este sábado en Ordes un concerto agardado por moitos, por moitísimos. Heredeiros tamén celebran os vinte anos do grupo, dende aquel primeiro directo nas festas da Dorna en 1992. Van alá vinte anos dende aquel momento de explosión da música galega que significaron os discos da banda do Barbanza, e tamén o movemento bravú, con bandas míticas como Diplomáticos, Os Skornabois, Xenreira, Skárnio, Os Papaqueixos, Túzaros, O Caimán do río Tea, Kaos, Ruín Bois, Os Impresentables... Un fenómeno que se expandía viralmente en cintas TDK gravadas e regravadas e que tivo unha difusión importantísima a través das pantallas da TVG, naquel Xabarín Club dos cen mil socios e socias.
-
01
Alexandre de Fisterra moito traballa
De súpeto, nenos e nenas de cidade cantando en galego. E lembrando a un tal 'Alexandre de Fisterra' que fixo algo en plena Guerra Civil. A mediados dos 90 Os Diplomáticos de Monte Alto puxéronlle banda sonora bravú ás tardes dos pequenos que hoxe roldan a trintena e en motios patios de colexio se repetía "a velas vir, a velas vir". Poucas homenaxes máis acaídas para Alejandro Finisterre, o escritor nado en 1919 e falecido en 2007 que con só 17 anos ideou en Barcelona o mecanismo para que os nenos hospitalizados puidesen, dalgún xeito, xogar ao fútbol.
-
02
Pero que jallos son!
Xa van alá vinte anos desde que os Heredeiros se metesen precisamente nun galiñeiro para ensaiar o seu primeiro concerto, na Festa da Dorna de Ribeira. Mentres daban recitais que eran calquera cousa menos tranquilos -"normalmente polémicos", admiten- por todo o país, no que o mesmo saltaba a roupa que os cartóns de viño, achegábanlles as pitas, os galos, a gheada e o seseo aos socios do Xabarín. Os máis ghrandes están como nunca.
-
03
Vinte anos de Bravú
"Facíase todo fóra: a música no Reino Unido, as películas en Hollywood, os maquinillos en Xapón e a política en Bruxelas. E nós a velas vir". Así explica Xurxo Souto o sentimento que deu lugar ao nacemento do Bravú: deixar de ser espectadores do mundo para comezar a falar, a facer, a crear, cos temas e a lingua que nos era máis próxima. Ser protagonistas. Xaime Miranda explícao moi ben nesta peza documental de vinte minutos. Como conclúe Pinto d'Herbón ao remate "onde houbo lume, quedan brasas, e aí houbo moito lume, porque o bravú era lume, lume e augardente".
-
04
"Sito Miñanco, preso político"
Case ninguén se atrevía a mesturar algo tan serio como o problema do narcotráfico coa retranca e o rock. Ata que chegaron os Papaqueixos da Coruña, nados en 1993. Armados cunha artillería de instrumentos como a guitarra, o baixo e a batería aos que se lle engadiron a "grapadora nuclear", a "caixa de Pandora" ou o "sintagma nominal", chegaron ao culmen da súa obra co seu disco A lóxica aplastante do comité de propaganda. Na actualidade, hai quen asegura ver membros, o espírito e ata temas dos Papaqueixos en formacións como Os tres trebóns ou Ultraqüans.
-
05
Os Yellow Pixoliñas
Galician people speaks galego, sentenciaban os Yellow Pixoliñas en 1992. Daquela levaban xa cinco anos mesturando rock, punk e ska desde Monforte, cunhas letras combativas e potentes que, a priori, pouco tiñan que ver cun programa infantil como o Xabarín Club, que os popularizou entre públicos inesperados. Enmarcados no movemento bravú, fóronse afastando del por motivos diversos ata a disolución do grupo, contra finais dos 90. Polo camiño quedaron dous discos máis, Lacon Lover e Non pises a herba.
-
06
Moita xenreira
Houbo quen viu a Xenreira no rock bravú, pero eles víanse maís no "rock irmandiño" e mesmo se consideraban próximos, por combativos, a Fuxan os Ventos. Cun forte compromiso político nas súas letras, no disco Érguete (1997) percorren con potencia episodios que van dende a Guerra Civil ata a loita dos veciños das Encrobas e póñenlle música e metal a este Himno de Acción Gallega escrito por Ramón Cabanillas. Dos seus instrumentos e gorxas saíu tamén a Selección ská incluída no disco Selección Xa!, a prol do combinado galego. Nel, os compoñentes de Xenreira compartían micro e reivindicación co histórico futbolista Nacho, daquela encadrado na S.D. Compostela.
-
07
Rastreros
Cotas non... e especulación petrolífera, tampouco. Xunto á combativa Tratorada, os Rastreros de Chantada puxéronlle forza ás tardes da Galega nos anos 90 explicándolles aos nenos galegos a historia dun sancristán que non estaba disposto a deixar "a casa, o prado e unha porca" nin "por mil millóns, nin por máis". Algún pai e algunha nai preguntaría que pintaban eses tipos con camisolas do Che Guevara entre os debuxos animados da TVG de Fraga.
-
08
Non pasarán, tratorada!
"Cotas non, cotas non!". Aínda se escoitan nalgunhas tabernas os berros poderosos dos Rastreros de Chantada, banda sonora improvisada das protestas contra a política agraria da antiga Comunidade Económica Europea. Nacidos en 1989 da fusión de La Paja Cubaja e RNT, bouraron bravú e fachenda do propio con Non lle toque-lo rabo á vaca que pensa que é o boi. Esta Tratorada inclúese no primeiro e único disco completo dos chantadinos, A piñón fixo, a golpe de pixo.Tras unha década de silencio, en 2007 reaparecían no disco homenaxe aos Diplomáticos para realizaren unha personalísima versión de Platinos.
-
09
Non todo é o que parece, amigo
Unha historia de amor imposible, un mozo entregado e unha moza inaccesible que acaba transformándose nun animaliño. É o argumento da que foi segunda canción do Xabarín Club. Interpretada por Aerolíneas Federales, que tamén se deixaron ver polo clube da galega como As incribles páncreas, aínda ecoa vinte anos despois por moitos bares do país.
-
10
Unhas páncreas realmente incribles
Unhas páncreas incribles... porque por tras do pseudónimo atopábase nada máis e nada menos que ás Aerolíneas Federales, o mítico grupo da movida viguesa que tamén participou no Xabarín, pero co seu propio nome, con dúas cancións máis: Non teño diñeiro, Que calor e, sobre todo Non todo é o que parece, o segundo tema da fecunda factoría musical A cantar con Xabarín.
-
11
Galicia reggae
Reggae na escola, reggae na praia, reggae na Televisión de Galicia. Os socios que querían ser 100.000 non coñecían límites de estilos nin de fronteiras e bailaron reggae con gusto ao son de Kussondulola, angolanos residentes en Portugal que cantaron na Galega sen cambiar unha letra das súas cancións. E entendeuse, cantouse e bailouse á perfección.
-
12
Seguimos na lavadora
Estou na lavadora é un dos primeiros himnos do Xabarín Club e a culpa téñena Miki Flojeras, Xosé Cambra, Ramón Fernándeze Rafa Leiras, O caimán do río Tea. Un sacho, unha escopeta, toda ferramenta era pouca para liberar ao atrapado na máquina de lavar, unha divertida anguria ilustrada por debuxos animados de Tex Avery. Tras esta exitosa incursión no primeiro volume de A cantar con Xabarín, aínda volverían á carga cos socios e socias no cuarto disco do club con Ven a bailar.