Marcos Pérez Pena

Unha ducia de artistas galegas que racharon o teito de cristal

Este 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, actos e mobilizacións incidirán na demanda de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, que continúan tendo que superar obstáculos engadidos nas súas profesións e no seu día a día. Tamén as artistas teñen que vencer resistencias para acadar unha maior visibilildade das súas obras e traxectorias, como exploraron os proxectos Mulleres do silencio (MARCO) ou o documental Arte + Muller + Galicia (Rosario Sarmiento). Algunhas abriron o camiño polo que hoxe avanza unha nova xeración de creadoras.

  1. 01

    Maruja Mallo

    Nacida en Viveiro en 1902 e finada en Madrid en 1995, Maruja Mallo foi unha das pintoras surrealistas máis destacadas do século XX. En xullo 1936 tivo que se agochar durante meses ata que conseguiu fuxir a América a través de Tui e Lisboa. O documental 'Maruja Mallo. Mitad ángel, mitad marisco', dirixido por Antón Reixa e con guión de Antón Patiño, analiza a súa figura, botando man da frase con que a definiu Salvador Dalí.

  2. 02

    Berta Cáccamo

    Berta Álvarez Cáccamo (Vigo 1963-2018) foi unha pintora abstracta, figura clave da arte contemporánea galega. Comezou a expor en 1986, vinculada á corrente renovadora do grupo AtlánticaA finais de 2016 o CGAC acolleu unha mostra retrospectiva da súa obra, baixo o título de Berta Cáccamo. Expansión ensaio. En 2017 Cáccamo recibiu o Premio Cultura Galega das Artes Plásticas

  3. 03

    Julia Minguillón

    Julia Minguillón Iglesias, nacida en Lugo en 1906 e finada en Madrid en 1965, formou parte dunha xeira de artistas galegas ligada aos movementos artísticos da vangarda, como Maruxa Mallo e Elena Gago. A súa linguaxe pictórica reflicte o gusto da España de posguerra. Foi a única muller en obter a medalla de ouro da Exposición Nacional de Belas Artes entre 1856 e 1968.

  4. 04

    Elena Colmeiro

    Elena Colmeiro, nacida en Silleda en 1932 e finada en Madrid o pasado 25 de febreiro, foi unha escultora que comezou moi nova, con 20 anos, a expor as súas obras en Bos Aires, onde a súa familia (era filla de Manuel Colmeiro) se exiliara en 1941. Obtivo premios e recoñecementos en numerosos países e protagonizou exposicións en medio mundo. Algunhas das súas obras, de distinto formato e tamaño, poden verse no Aeroporto de Santiago ou no Parlamento de Galicia.

  5. 05

    Menchu Lamas

    Menchu Lamas (Vigo, 1954) foi unha das artistas máis destacadas nos anos da Transición Política e da Movida viguesa, iniciando a súa traxectoria co Colectivo da Imaxe e sendo cofundadora do Grupo Atlántica. As súas obras poden verse en importantes museos e coleccións, dende o Reina Sofía de Madrid á Colección Afundación. Foi Premio Cultura Galega das Artes Plásticas en 2010 e no 2018 foi nomeada académica numeraria da Real Academia Galega de Belas Artes.

  6. 06

    Ángela de la Cruz

    A obra de Ángela de la Cruz (A Coruña, 1965) vai da pintura á escultura, nunha traxectoria que a levou a ser recoñecida internacionalmente (nominada ao Premio Turner en 2010) e no Estado español co Premio Nacional das Artes Plásticas en 2017. Nese momento o xurado recoñeceu a "intensidade da súa obra que explora a complexa relación entre o espazo ilusionista da pintura e aa presenza física da escultura”

  7. 07

    Mónica Alonso

    Mónica Alonso (A Fonsagrada, 1970) enfoca o seu traballo desde un punto de vista investigador e pedagóxico, centrándose no estudo dos espazos arquitectónicos, xa sexan reais ou imaxinarios, da luz e a cor e de como estes afectan as persoas. Realizou varias estadías no estranxeiro e levou a cabo importantes exposicións individuais no CGAC, a Sala Montcada da Fundación La Caixa ou o Museo Provincial de Lugo

  8. 08

    Mercedes Ruibal

    Mercedes Ruibal, nacida en Xeve (Pontevedra) en 1928 e finada en Madrid en 2003, foi unha pintora e escultora que no ano 1939 se exiliou coa súa familia en Bos Aires, onde realizou a súa primeira exposición en 1956. En 1957 regresou a Galicia e nos anos seguintes viviu entre Vigo e Madrid, desenvolvendo unha obra moi influída por Laxeiro, cun estiloromántico popular cun acusado acento expresionista.

  9. 09

    María Mazás

    María Mazás (A Coruña 1960-2017) foi unha artista plástica, pintora, escultora, poeta, deseñadora de chapeus e bailarina. Traballou para o mundo da moda e o estilismo en pasarelas internacionais, así como tamén participou en diversas montaxes teatrais e en máis de trinta exposicións en varios países europeos.

  10. 10

    Beatriz Rey

    Beatriz Rey (A Coruña, 1939) iniciou a súa carreira artística nos anos 60 do pasado século e dende entón pasou por distintas etapas e estilos abstracción-xeométrica, pop art, surrealismo, expresionismo ou neocubismo. A súa obra forma parte de coleccións públicas e privadas en Galicia e en todo o Estado, entre elas os do Museo Municipal de Lugo e o Museo Carlos Maside en Sada

  11. 11

    Almudena Fernández

    Almudena Fernández (Vigo, 1970) é profesora na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, onde se licenciou en 1995. As súas obras, que exploran a abstracción, foi recoñecida con numerosos premios e exposicións.

  12. 12

    Carme Nogueira

    Carme Nogueira (Vigo, 1970) é unha investigadora e artista multidisciplinar que traballa en gran medida as videocreacións incidindo na importancia dos procesos artísticos, os modelos de representación, a implicación do público e o urbanismo. Expuxo as súas obras no MARCO, no CGAC, no MUSAC ou no Museo Reina Sofía.