Unha ducia de bandas do Bravú para lembrar no 30 aniversario do movemento
O bravú está a celebrar tres décadas de historia, un movemento que a comezos da década dos 90 estoupou en todo o país "coma o trono cando peta nos montes", de Chantada á Coruña, de Lourenzá á Estrada, de Vimianzo a Ponteareas, de Monforte a Vilagarcía de Arousa. En cada aldea, en cada barrio, fatos de rapaces collían unha guitarra eléctrica e contaban o seu mundo. Estes son algúns dos grupos que iniciaron unha revolución.
-
01
Os Diplomáticos de Monte Alto
Os Diplomáticos foron probablemente o pau de palleiro do movemento bravú, en gran medida a través do protagonismo do seu cantante, Xurxo Souto. A banda, formada en 1990 na Coruña, representaba ben a fusión de rock e música popular e abandeiraba a presenza dos barrios urbanos nun movemento que tiña como epicentro as aldeas.
Publicaron cinco discos: Arroutada Pangalaica (1991), Parrús (1992), ¡Avante toda! (1995), Capetón (1999) e Kömunikandø (2003) e deixaron himnos coma este Gaiteiro, Terra Brava, Fura futbolín, Non chas quero, Nordés, Estrume, Berbés...
-
02
Rastreros
Rastreros é outra das formacións clave do movemento, comezando polo feito de que a súa Chantada natal acolleu o festival (o Castañazo) e a cea (na Taberna do Sistema) onde naceu o Bravú. A banda formouse no ano 1989 e publicou unha primeira maqueta en 1991 (Non lle toque-lo rabo á vaca que pensa que é o boi) pero non foi ata 1996 que lanzou o seu primeiro álbum, A piñón fixo, a golpe de pixo, que incluía temas como "Tractorada" ou "O sacristán de Basán"
En 2017 chegou o seu segundo disco longo (Ferro a fondo, lume no lombo) e en 2022 anunciou unha nova formación coa que realizou unha xira de 15 concertos polo país que rematou no Castañazo Rock de 2023.
-
03
Korosi Dansas
Había bravú de interior e de costa. Os Korosi Dansas de Vilagarcía de Arousa, liderados polo tamén escritor Manuel Seixas, Xurxo Romero e Josito Porto, pertencían a este segundo grupo. Publicaron dous discos longos, Cordura (1995) e o moi recomendable Non (1997), este producido por Segundo Grandío, antes da súa separación.
-
04
Yellow Pixoliñas
Os Yellow Pixoliñas eran de Monforte. Aínda que comezaron a tocar en 1987, non publicaron o primeiro disco (Galician people speak Galego) ata 1992, ao que seguiron Lacon lover (1994) e Non pises a herba! (1996). “Telexornal”, “Xabarín, xa te vin”, “O home da bicicleta” ou "O galo vermello" estiveron entre os seus temas máis coñecidos.
-
05
Xenreira
Xenreira naceu en 1994 na Estrada e publicou un único pero influínte disco, Érguete (1997), producido por Kaki Arkarazo, membro de Negu Gorriak, con temas como "Mil Nove 36", "Onde a loita se chama Encrobas", “Mesmo berce, mesma loita” ou este "Acción Galega" de Ramón Cabanillas, que se unían a temas como "Presente", aparecido en Unión Bravú. O grupo separouse en 2002 e os seus integrantes, como Marcos Payno ou Xurxo Piñeiro formaron parte doutras formacións.
-
06
Pinto d'Herbón
O regueifeiro e rapeiro Pinto d'Herbón viña, claro, de Herbón, en Padrón. Fixo célebres temas como este "Nitramón, 15, 15, 15", "Paviméntame" ou "A motoserra". Como regueifeiro acostuma ir acompañado desde 1997 con Luís O Caruncho.
-
07
O Caimán do Río Tea
O Caimán do Río Tea naceu en Ponteareas en 1991 e foi unha das formacións que participou na cea fundacional do movemento, xunto con Diplomáticos, Rastreros ou Os Skornabois. En 1995 publican o seu primeiro disco, Feito na casa. Anteriormente déranse a coñecer con éxitos como "Estou na lavadora" ou "Vén a bailar".
-
08
Skornabois
Skornabois procedían de Lourenzá, onde en 1988 comezou a tocar a formación, que só chegou a publicar un EP en 1996 e un álbum longo en 1998, con temas como "O verme homicida". Xermán Viluba, Emilio López e Iván Laxe eran algúns dos seus integrantes.
-
09
Túzaros
Túzaros eran de Compostela. Despois dun EP en 1994, gravan dous discos longos en 1997 e 2001, con temas como "Cuspen na cara", "Mata ao monstro" ou "Eu renuncio".
-
10
Os Bochechiñas
Os Bochechiñas participaron no Castañazo Rock de 1994 que deu inicio ao movemento bravú. Este "Xogar ó trompo, xogar ás bolas", foi un dos temas incluídos nos discos publicados polo Xabarín Club.
-
11
Os Impresentables de Vimianzo
Os Impresentables viñan, por suposto, de Vimianzo e comezaron a tocar polo ano 1991. En 1994 estiveron no Castañazo e en 1996 participaron no recompilatorio Unión Bravú con este “Que foi do Rock & Roll”. En 1997 a banda disólvese e das súas cinzas nace Barafunda.
-
12
Os Papaqueixos
Os Papaqueixos nacen na Coruña en 1993 e mantivéronse en activo ata o 2001, tempo no que gravaron un único longo, A Lóxica Aplastante do Comité de Propaganda (1999), que incluía o seu maior éxito, "Teknotrafikante (farloppo ma non troppo)”, pero tamén este "O paraguas de José” de Cuco de Velle ou “Matías o morcego”. Os seus integrantes seguiron despois distintos camiños musicais, enriquecendo a escena galega en distintas formacións.