Unha ducia de momentos da historia do Bravú, que celebra o seu 30 aniversario
O Bravú celebrou este outono o 30 aniversario do seu nacemento. Faino ollando cara atrás con traballos coma o documental Bravú XXX, de Nós Televisión, no que Xurxo Souto percorre Galicia preguntándose polas orixes, a esencia e o impacto daquel movemento no que as guitarras eléctricas se mesturaron coa tradición e co popular, no que a aldea tomou a cidade e no que un fato de rapaces comezaron a facer música "contra o mundo".
-
01
Aquela cea en Viana
O 31 de outubro de 1994 xuntáronse na aldea de Viana, en Chantada, un fato de rapaces, integrantes na súa maioría de bandas de música: Rastreros, O Caimán do Río Tea, Diplomáticos de Monte Alto, Os Papaqueixos, Os Skornabois, Os Bochechiñas, Yellow Pixoliñas... Na Taberna do Sistema (churrasco no verán e cocido no inverno) xurdiu un movemento, que mesmo contou co seu propio manifesto, que remataba así:
"Era verdade. En Galicia cocíase algo. E como as castañas sen amosegar estoupou. E como todo o que estoupa faino con moito ruído, coma o trono cando peta nos montes, coa enerxía e a luz do raio que pode quebrar o carballo máis grande ou fundir unha vaca polos cornos nun segundo. Quen pode apertar un ourizo? Quen pode aturar unha castaña ardendo? É por iso que este ano imos tronzar o universo. Ardelloeixe!"
-
02
As influencias
Conta Xurxo Souto que nos 70 chegou ás aldeas a electricidade, nos 80 chegaron os electrodomésticos e nos 90 as guitarras eléctricas, e que nese momento naceu o Bravú, un movemento de difícil definición, pero cuxas bandas compartían algúns elementos, malia as diferenzas nos seus estilos. Ían xuntos o gusto polo popular (dende as orquestras ás pandeiretas e gaitas), o DIY propio do punk e o uso da lingua galega. E tamén algúns referentes, ben diversos, pero que unidos formaban un conxunto coherente.
Dende os Clash e os Pogues a Fuxan os Ventos ou Los Satélites e Pucho Boedo, dende Mano Negra e Negu Gorriak a experiencias recentes na música do país como Radio Océano ou Os Resentidos.
-
03
O Xabarín
Seguramente non se pode explicar a popularización do bravú e das bandas que se adscribiron a este movemento sen o nacemento do Xabarín Club e a difusión que o programa fixo dos temas de O Caimán do Río Tea ("Estou na lavadora"), Rastreros ("O sacristán de Basán"), Diplomáticos de Monte Alto ("Oda ó futbolín"), Korosi Dansas ou Yellow Pixoliñas.
O Xabarín comezou a emitirse en abril de 1994, apenas uns meses antes do nacemento do movemento bravú.
-
04
Revista Bravú
O Bravú contou mesmo coa súa revista. Ben, a Revista Bravú ("a publicación que sae cando a situación o require") non era un voceiro do movemento, pero dende o seu nacemento pasaron polas súas páxinas voces e temas afíns. Dirixida por Xosé Manuel Pereiro, contaba no seu comité de redacción con Manuel Rivas ou Manu Chao e nela escribiron Xurxo Borrazás, Gonzalo Navaza, Suso de Toro, Xurxo Souto, Fran Alonso ou Santiago Jaureguízar,
O seu número 1, en 1997, tivo como obxectivo a reivindicar unha selección galega de fútbol e foi acompañado do CD Selección Xa!, que incluía cancións de Mercedes Peón con Manu Chao, de Os Diplomáticos de Monte-Alto, Pinto d'Herbón, Xenreira, Korosi Dansas e a participación de Nacho, Michel Salgado, Fran e José Ramón.
-
05
Unión Bravú
O Bravú mesmo contou cun disco recompilatorio, Unión Bravú, lanzado por Edicións do Cumio en 1996 e publicado cun texto de Manuel Rivas. Contou con 12 temas a cargo de Os Papaqueixos, Bochechiñas, Xenreira, Rastreros, Os Diplomáticos de Monte-Alto, Pinto d'Herbón, Kaos ou Os Impresentables
-
06
Derivacións do Bravú
O Bravú foi un movemento eminentemente musical, pero contou con derivacións noutras artes. Dende Jaureguizar, Fran Alonso ou Manuel Rivas na literatura, ao Matachín de Jorge Coira no cinema, pasando por Xaime Cabanas na pintura ou Primitivo Lareu na escultura. Se cadra non era tanto un estilo compartido como unha forma de entender o país e a creación. A arte feita na Galicia de finais dos anos 90.
-
07
A feira das mentiras: cando o bravú se espallou polo mundo
Houbo algúns eventos, concertos e festivais que foron moi simbólicos para o bravú e que mesmo contribuíron a espallalo polo mundo. Por suposto, os Castañazos Rock de Chantada, especialmente o de 1994 que dá comezo ao movemento, tamén o magosto que Pinto d'Herbón organizou en Herbón en 1995, o Día da Galicia Tropical celebrado en Lyon en 1997 ou tamén a Feira das Mentiras impulsada por Manu Chao en 1998 en Compostela, ademais doutros encontros en Barcelona ou en Lalín.
-
08
Encontros inesquecibles: Pinto d'Herbón, Manu Chao, Xurxo Souto e Josefa de Bastavales
O bravú posibilitou encontros que semellaban imposibles e que son inesquecibles, como aquel día no que tocaron e cantaron xuntos Pinto d'Herbón, Manu Chao, Xurxo Souto e Josefa de Bastavales. Pasaran xa uns anos dende os anos máis intensos do movemento, pero o espírito era este. Isto tamén era bravú.
-
09
As mulleres no bravú: poucas pero arroutadas
Non había moitas mulleres no bravú, de feito había pouquísimas. A maior parte dos grupos tiña unha composición 100% masculina. Nesta entrevista Rodri Suárez recoñecía que "hai unha gran eiva no Bravú (...) que foi eminentemente masculino". En todo caso engade que "masculino non quere dicir machista. O que se facía era propoñer un mundo de 'parrochas, churrasco e pelo no peito'. Iso podía producir que faltasen mulleres".
Entre as excepcións estaba a gran Mercedes Peón, considerada unha referente e que gravou varios temas con Os Diplomáticos, e as Garotas da Ribeira, Paola Beiro e Sofia Tarela, regueifeiras que dende Barcelona montaron a primeira formación feminina do rap galego.
-
10
Rastreros: Non Pasarán (tractorada)
O máis importante é que o bravú nos deixou auténticos temazos, como este "Non pasarán" dos Rastreros.
-
11
Os Papaqueixos: TeknoTrafikante
Ou este "TeknoTrafikante" que aparecen en 1999 no único disco dos Papaqueixos, A lóxica aplastante do comité de propaganda e que seguramente é máis coñecida polo seu retrouso, que comeza dicindo "Sito Miñanco, preso político...". O vídeo corresponde a unha actuación en Barcelona en 1998 que o que perde nun deficiente son o ten de actitude festeira e de diversión.
-
12
Diplomáticos: Gaiteiro
Ou, por suposto, o "Gaiteiro" dos Diplomáticos, bailado así no Castañazo Rock de 2012.
-
13
Bravú, 30 anos despois
Esta historia vén de ser revisitada polo documental Bravú XXX, realizado por Nós Televisión, que analiza dende o presente as orixes e a pegada do movemento. Polo filme, que se poderá ver na rede a partir de decembro, pasan Paola Beiro, das Garotas da Ribeira, Nuno Pico (Grande Amore), Xosé Manuel Pereiro (Radio Océano), Sés, Rafa Martínez (O Caimán do Río Tea), Benxamín Queiro (Impresentables de Vimianzo), Antón Díaz dos Papaqueixos e Richi, dos Rastreros. Todos eles presentados por Xurxo Souto, que fai de guía nesta volta a Galicia que remata en Chantada. Onde todo comezou.