"Alento, bandeiras, gorxas en guerra; fútbol total nos campos de terra; alento, bandeiras, gorxas en guerra...". Hai agora 25 anos, a reivindicación para a volta da selección galega de fútbol aos campos logo de máis de 70 anos de ausencia encetaba a ritmo de rock e coros futboleiros.
No mes de abril de 1997, os xogadores galegos máis relevantes dos tres equipos que Galicia tiña en Primeira acudiron a un estudo de gravación para colaborar coas súas voces no disco Selección Xa!, que sería distribuído co primeiro número da revista Bravú. Era o auxe do movemento musical do mesmo nome que a publicación, que conseguiu que figuras futbolísticas de primeiro nivel cantasen co obxectivo de reivindicar unha selección nacional galega que xogara o seu último partido en 1923. Outros tempos.
"Todos dixeron que si", lembraría despois sobre a receptividade dos futbolistas Xurxo Souto, líder d'Os Diplomáticos de Monte Alto e unha das figuras relevantes do movemento Bravú. "Aquilo era unha forma de reivindicar a canteira, a irmandade e a selección galega nun momento, ademais, de eclosión musical na que todos os grupos apoiaban tamén a idea", explicaba.
Nacho, Míchel Salgado, Fran e José Ramón colaboraron con Xenreira, Korosi Dansas e Os Diplomáticos nun disco que reivindicaba a selección galega
Mercedes Peón a dúo con Manu Chao, Pinto d'Herbón ou o Coro dos Rozadores de Santa Cristina de Viso foron algúns dos grupos protagonistas dos nove temas onde destacarían, sobre todo, a colaboración do daquela compostelanista Nacho con Xenreira en Selección Ska, do celtista Míchel Salgado -cedido entón no Salamanca- con Korosi Dansas en Selección de Breogán e, sobre todo, do Lume de biqueira que o capitán deportivista, Fran, e o seu irmán José Ramón, daquela figura no Compostela, tornaron en himno xunto aos Diplomáticos.
"Vai o ghol, aghora vai o ghol; vai o ghol, aghora vai o ghol...", dicía un retrouso que repetían o que sería o xogador con máis partidos -e con todos os títulos- na historia do Deportivo e o primeiro futbolista en erguer unha Copa para o fútbol galego dous anos antes.
'Lume de Biqueira' tornouse en himno com Fran e José Ramón. "A intención era reivindicar o fútbol modesto e a paixón das bancada", di Rodri Suárez, autor da letra
“Aquel retrouso de vai o ghol, aghora vai o ghol é a idea primixenia que me indica Rómulo Sanjurjo [un dos fundadores e membro dos Diplomáticos]. Para o demais díxome que tiña unhas liñas de acordeón, moito máis en liña de rock’n’roll clásico do habitual do grupo. Aquilo do “ghol” era o que cantaban unhas señoras para bancar o ataque do Paiosaco en 1997", lembra 25 anos despois Rodri Suárez, xornalista, autor da biografía da banda e encargado da letra dun tema que naceu coa intención de "reivindicar o fútbol modesto galego, daquela en campos de terra, e xuntalo coa paixón das bancadas, non só das nosas, senón tamén das arxentinas, brasileiras…".
"Pensaba en reivindicar á vez as barras bravas, a Copa da Costa e a bancada de General de Riazor, todas como derradeiro patrimonio do fútbol popular, unindo esas mesmas emocións contra o que xa en 1997 considerabamos fútbol moderno", di Suárez, que ironiza con que "agora hai xente reivindicando o fútbol de verdade dos 90 cando os dos 90 comezabamos a rexeitar o propio fútbol dos 90 por comercial". "Non descarto que esa xeira continúe, mesmo é necesario que así sexa”, di.
Debates xeracionais á marxe, custa imaxinar nesta altura o capitán dun equipo de Primeira División -o Deportivo fora terceiro aquela Liga e viña de ser campión de Copa e de Supercopa- prestar a súa imaxe e voz para reivindicar a creación dunha selección galega. Mesmo cantalo no Luar da TVG para celebrar a Liga de 2000 xunto a Gayoso. Con Fraga de presidente da Xunta.
Pero Fran non só aceptara a idea, senón que foi máis alá. Así o destaca Rodri Suárez, lembrando como o futbolista acabou por provocar unha mudanza na xa mítica letra. "Ao mandárllela aos irmáns González Pérez, Fran reacciona regular contra unha frase. Con toda a razón. Mellorando ao compositor, di que mellor que a orixinal que eu escribín -“crack brasileiro”- prefire outra cousa. E Xurxo Souto, argallante supremo e responsable da gravación, cambia unhas liñas para que acabe na xenial “un astro de Ribeira”. Así dá gusto”, conta agora.
Suárez lembra "o pechado que era Fraga ao respecto da selección galega: Pola súa formación autoritaria tiña moi presente a importancia política do fútbol"
Mesmo apostaron os da Barbanza por adaptar algunha palabra á súa pronuncia natural e local. "Caroso, non carozo". "José Ramón cantaba saltando", lembraba Souto sobre o ímpeto dos de Palmeira nun disco -lembremos- que tiña como propósito fundamental reclamar a creación da selección galega.
Rodri Suárez cre importanter recordar "o pechado que era Fraga ao respecto de que xogase unha selección galega, especialmente agora que o temos como máis galeguista que os seus sucesores". "Pero a realidade era que Castilla y León e Aragón xogaran partidos amigables antes que Galicia, xa non digamos que Euskadi ou Catalunya”, destaca.
“Aquel movemento a prol da selección tiña a oficialidade na cabeza, obviamente, por iso no disco se narra un imaxinario Galicia-Brasil, pero non se saltaron etapas, daquela o relevante era saír ao campo coas nosas cores, que a reivindicación camiñase da man do popular, do festivo e, ollo, do futbolístico", di Suárez ao destacar que o título Lume de Biqueira xogaba coa idea da biqueira da bota pero tamén "coa sonoridade de Emilio Viqueira, que comezaba a despuntar no Dépor". "Acabou de capitán da selección e ademais era deportivista pero de Santiago... Para que non nos chamasen localistas", conta.
Porque, insiste, aquel movemento era "transversal cando aínda non se usaba esa palabra pero si se practicaba". "Calquera que repase os xogadores daquel partido da revista Bravú ou os partícipes no disco verá perfís moi diversos e nada sectarios. Case todos homes, certo, crítica que agora vemos pero creo que non debería ir cara ás persoas senón á época”, repara.
“A canción e o disco son un produto da creatividade cultural e social do movemento bravú; tan imparable que o propio 'fraguismo' tivo que deixarlle espazo na TVG"
Eran finais dos noventa. “Aquela canción e aquel disco son un produto da creatividade cultural e social que existía arredor do movemento bravú, sempre tan reivindicable e no seu momento tan imparable como que o propio fraguismo tivo que deixarlle espazo na TVG, ben no Xabarín, ben no Luar, ben despois en Mareas Vivas", reflexiona Suárez, que asegura que resulta "impactante que o Iribarne permitise iso e non a selección de fútbol". "Podemos botarlle épica e análise sisudo, pero eu creo que simplemente Fraga non miraba a TVG nin entendía o rock ou a banda deseñada, pero pola súa formación autoritaria si tiña moi presente a importancia política do fútbol”.
Quizais por iso, aquela demanda sobre a que xiraba o disco e a canción dos Diplomáticos non se cumpriría ata 2005, cando a selección reapareceu no histórico Galicia - Uruguai de 2005, con Fraga fóra da Xunta e o goberno de coalición PSdeG-BNG no poder. O combinado galego xogaría tres partidos máis ata que, tras oito anos e en 2016, reapareceu ante Venezuela en Riazor. Desde aquela, ningún encontro máis. Tampouco futbolistas nin bandas volvendo reivindicar a volta da Irmandiña. Outros tempos.