Unha ducia de bandas e artistas a non perder no Son do Camiño
Entre o 15 e o 17 de xuño o Monte do Gozo volverá acoller milleiros de afeccionados á música nun evento que celebra a súa cuarta edición, de novo cunha programación estelar. O pasado ano máis de 115.000 persoas entre os tres días converteron O Son do Camiño nun dos dez festivais máis masivos do Estado. Nesta ocasión as figuras de Bizarrap, Maluma, Mora, Duki, Royal Blood, Vestusta Morla ou Aitana comparten protagonismo cunha coidada selección de propostas galegas.
-
01
Bizarrap
Foi, sen dúbida, un dos titulares musicais do ano. O encontro entre Bizarrap e Shakira -con dedicatoria a Piqué- converteu a sesión #53 do DJ arxentino nun dos vídeos máis vistos da historia en Youtube (560 millóns de visualizacións en catro meses) e popularizaron frases como "las mujeres ya no lloran, las mujeres facturan". En Compostela non estará Shakira, pero si Gonzalo Julián Conde, Bizarrap, o produtor co que todo o mundo quere gravar e que fará soar outros temas que acumulan centos de millóns de reproducións, coma as súas colaboracións con Quevedo, Tiago PZK, Villano Antillano, Duki ou Eladio Carrión (estes dous últimos, presentes no cartel do Son do Camiño)
-
02
Sila Lua
Bizarrap será o gran protagonista do xoves, xornada de apertura do festival, un día no que tamén actúa a galega Sila Lua (Vigo, 1997), que o pasado ano publicou o seu primeiro álbum, Rompe, no que mestura as músicas urbanas latinas coa electrónica anglosaxona.
-
03
Alt-J
No Son do Camiño hai tamén espazo para o indie e o rock. A Alt-J coñecémolos hai algo máis dunha década con An Awesome Wave, un disco redondo que incluía este tema. Nese 2012 os Alt-J impresionaron no Sinsal San Simón, que demostrou a súa capacidade para dar a coñecer futuros éxitos.
-
04
The Rapants
Tamén o xoves actuarán no Monte do Gozo The Rapants, de Muros, que están a presentar o seu segundo álbum, O Corasón Como un After
-
05
Maluma
A segunda xornada do festival estará protagonizada por dous grandes nomes da música urbana latina, Maluma e Mora, con 33 e 20 millóns de oíntes mensuais en Spotify. Estrelas mundiais grazas a éxitos como 'Felices los 4' ou 'Hawái' de Mauma ou 'Memorias' ou 'La Inocente', no caso de Mora. Maluma publicou recentemente 'La Reina'
-
06
Fillas de Cassandra
Pero o venres haberá tamén espazo para unha das bandas do ano en Galicia. As viguesas Fillas de Cassandra (María Pérez e Sara Faro) combinan tradición e novas sonoridades electrónicas nun traballo dedicado "a todas as que foron feitas de olvido" no que a mensaxe feminista é unha das claves.
-
07
Delaporte
Tamén o venres haberá varias mostras do mellor pop e indie estatal, como Niña Polaca, Ginebras ou Delaporte, que nesta versión de 'Clap, clap' colaboran ademais cunha artista -Anaju-, que poderemos ver o venres no festival
-
08
Xoel López
Xoel López leva máis de vinte anos instalado no star-system do pop estatal, primeiro como Deluxe e dende 2012 asinando co seu nome álbums marabillosos coma Atlántico, Paramales, Sueños y Pan ou o máis recente Si mi rayo te alcanzara. No ano 2015 gravou esta 'A serea e o mariñeiro'
-
09
Royal Blood
O sábado, xornada para a que xa se esgotaron as entradas, o pop e o rock de Royal Blood, Vetusta Morla ou Kaiser Chief competirá coa música urbana e o rap de Duki ou WOS, cun gran protagonismo arxentino. Chegados dende Bighton, os Royal Blood levan xa catro discos (o último, Back to the Water Below, deste ano) poñendo en cuestión a tan repetida ladaíña de que o rock está morto.
-
10
Dani
Dani Costas é de Vigo. Procede de familia musical, pero nos últimos anos foi abrindo o seu propio camiño na escena cun estilo persoal e inconfundible que deixou pegada. Actuará na xornada de peche do festival.
-
11
Vetusta Morla
Vetusta Morla, unha das estrelas do sábado, levan anos enchendo estadios, como fixeron hai uns meses co Metropolitano en Madrid, un recital que quedou rexistrado e no se incluíron sorpresas coma esta colaboración co arxentino WOS, que tamén estará no Monte do Gozo no terceiro día de O Son do Camiño.
-
12
Nano Mz
E, para rematar, Nano Mz, con orixe na Coruña, que está a medrar rapidamente nos últimos meses na escena do rap estatal con temas coma este. Actuará tamén o sábado no Son do Camiño.