Praza Pública

Unha ducia de bandas e artistas desta edición do Revenidas

O vindeiro xoves 7 de setembro comeza unha nova edición do Revenidas, o festival que todos os veráns acolle Vilaxoán de Arousa e que hai xa tempo que se converteu nun referente no noroeste da Península. Este ano acolle ata o domingo case corenta concertos, con nomes de primeiro nivel, ademais de actividades para crianzas, espectáculos de circo e a tradicional sardiñada popular.

  1. 01

    Ana Tijoux: Hijo de la Rebeldía

    O festival comeza o xoves con nomes de luxo, como o da franco-chilena Ana Tijoux, que hai un ano nos presentaba este tema, coas colaboracións de Valtonyc, Masquemusica, Stilok e Cidtronyk

  2. 02

    Sara Hebe: La bronca

    De Arxentina chega Sara Hebe, unha referente no hip-hop do país austral e ben coñecida polo público do Revenidas. Velaquí o seu "La Bronca"

  3. 03

    Desakato: Cuando salga el sol

    Na primeira xornada contaremos tamén cos asturianos Desakato, que levan vinte anos paseando a súa música polos escenarios de todo o Estado

  4. 04

    ZOO: Estiu

    Un dos concertos estrela da segunda xornada do festival será o dos valencianos ZOO. Música perfecta para gozar do verán.

  5. 05

    Fillas de Cassandra: Tola

    Fillas de Cassandra son con todo merecemento o proxecto musical galego do ano. Hai unhas semanas presentaban este novo tema, "Tola", un tema bailable, en forma de reggaeton, e que reivindica a noite e os locais de festa como espazos propios e seguro para as mulleres.

  6. 06

    Dakidarría: Concerto especial XX aniversario

    O Revenidas festexará os 20 anos de Dakidarría sobre os escenarios. O grupo do Val Miñor presentará o mellor do seu repertorio en Vilaxoán.

  7. 07

    Rodrigo Cuevas: Cómo Ye?!

    O cantante e musicólogo asturiano Rodrigo Cuevas ten unha estreita relación con Galicia e coa música tradicional do noso país. A súa proposta, rompedora e arriscada, convertiuno nun dos artistas máis recoñecidos do Estado e poderá escoitarse o sábado no Revenidas.

  8. 08

    Heredeiros da Crus: Que jallo é!

    Que dicir de Heredeiros da Crus? A banda do Barbanza leva máis de trinta anos presentando auténticos himnos, coñecidos por todos e todas. Hai catro anos publicaron o seu último disco, Derretidos, que soará o sábado no Revenidas

  9. 09

    SKA-P: El Chupacabras

    O prato estrela da xornada do sábado son os vallecanos SKA-P, que tamén suman case tres décadas de éxito na música e innumerables himnos, dende "Cannabis" ao "Vals del Obrero".

  10. 10

    Lamatumbá: Watercumbia

    O sábado será tamén a quenda de Lamatumbá, que se bailará nun licor café na man con cancións como esta, gravada nunha edición das festas de San Froilán.

  11. 11

    Uxía Lambona e a Banda Molona: Isto báilase así

    A xornada do domingo é a máis relaxada do Revenidas. Hai sardiñada popular (de revenidas), unha gala de circo solidaria e música e actividades para a cativada. Destaca o concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona, un auténtico fenómeno entre o público infantil.

  12. 12

    Xosé Lois Romero & Aliboria - Mangüeiro (Olvídame)

    Xosé Lois Romero & Aliboria porán o peche ao festival cun concerto no que probablemente soará este "Mangüeiro", popularizado nos últimos tempos pola celebrada versión publicada por Baiuca