Praza Pública

Unha ducia de Bandas no retorno do SonRías Baixas

Neste 2021, o SonRías Baixas regresa a Bueu con seis noites de música ao vivo, do 3 ao 8 de agosto. Faino dobrando a súa duración habitual, pasando de tres a seis noites que desta volta teñen a forma de ciclo de concertos adaptado ao actual contexto sanitario. O espírito SonRías impregna un ciclo cun cartel diverso nunha cita na que, ademais, poderán explorar as espectaculares paisaxes e praias da contorna, degustar a gastronomía da zona ou mesmo navegar pola ría. Todo isto, ademais, cun horizonte: o formatio festivaleiro SonRías Baixas regresa en 2022. Por Bueu pasarán unha ducia de bandas e artistas, velaquí outros tantos petiscos da súa música.

  1. 01

    Ciudad Jara

    Mércores, 4 de agosto | O novo proxecto de Pablo Sánchez, líder e compositor de La Raíz, chega por primeira vez a Galicia. Ciudad Jara publica no 2020 Donde nace el infarto, un traballo que bebe de múltiples fontes que se reflicten nas letras e na voz de Pablo, que transita entre o rock, a canción de autor e o pop. Tras presentar o disco en Barcelona, Madrid ou Zaragoza, Ciudad Jara chega ao ciclo SonRías para presentar o álbum en formato acústico.

  2. 02

    ISEO & Dodosound

    Xoves, 5 de agosto | O dúo navarro volve ao SonRías Baixas coincidindo coa súa volta ao estudio para lanzar o seu terceiro álbum. Despois longo parón, inician unha xira exclusiva, Inédito Tour. Nesta parada en Bueu, e acompañados polos seus inseparables The MouseHunters ao completo, ISEO & Dodosound revisarán algúns dos seus éxitos e darán a coñecer cortes inéditos do novo disco.

  3. 03

    Kase.O

    Sábado, 7 de agosto | O mítico rapeiro Kase.O, fundador do grupo de hip-hop Violadores del Verso e considerado un dos mellores MCs do rap en español, celebra este 2021 o décimo aniversario do seu proxecto en solitario Jazz Magnetism, un traballo no que o artista se mergulla no mundo do jazz e as súas mesturas co hip-hop. 

  4. 04

    La M.O.D.A.

    Venres, 6 de agosto | Hai dez anos que o panorama musical estatal conta cunha banda singular cuxos directos son inesquecibles. La M.O.D.A., La Maravillosa Orquesta del Alcohol olveeste 2021 ao SonRías Baixas presentar o seu novo álbum, Ninguna ola, un disco autoeditado, inspirado no cambio e ateigado de vida e que produce musicalmente o recoñecido Raül Refree.

  5. 05

    La Pegatina

    Domingo, 8 de agosto | Unha das bandas máis queridas polo público do SonRías volve á casa e actúa por quinta vez en Bueu. Chegan con máis ganas de festa ca nunca nos seus 17 anos de traxectoria para presentar Darle la vuelta, o seu novo disco. Rumba, ska, merengue ou cumbia soarán nun espectáculo enérxico e potente que pechará este ciclo.

  6. 06

    Muerdo

    Domingo, 8 de agosto | Desde a horta murciana para o mundo enteiro, Muerdo é unha das voces máis interesantes vinculadas ás músicas de raíz. O seu último traballo, La sangre del mundo, nace logo dunha inesperada e longa estadía na América do Sur a raíz da pandemia. O seu retiro creativo transformouse nun álbum no que transita entre ritmos mediterráneos, andinos e tropicais e no que colaboran Lido Pimienta, Niño de Elche ou Perotá Chingó.

  7. 07

    Sabela Ramil

    Venres, 6 de agosto | O seu paso pola academia de OT e a reivindicación do idioma galego a revolucionou as redes sociais no 2018, converténdoa nun exemplo para todo o país. Un ano despois, Sabela publica o seu primeiro álbum, Despedida, cuxa xira tivo que ser adiada por mor da COVID. Neste 2021 debuta no cartel do SonRías Baixas, mais non sobre o seu escenario: xunto a La Pegatina entoou, na súa última visita, o éxito Mari Carmen.

  8. 08

    Sés

    Martes, 3 de agosto | A voz, o carisma, o discurso e a actividade creativa dan conta da extensa traxectoria de María Xosé Silvar. No seu último traballo, Liberar as arterias, no que rende homenaxe á poeta Luz Fandiño, Sés canta á loita e á reacción desde o activismo cotiá e lonxe da submisión. Nun directo crú e contundente, a cantareira chama a afrontar a inxustiza e a realidade desde a valentía e o empoderamento.

  9. 09

    SonDaRúa

    Sábado, 7 de agosto | Hugo Guezeta e Álex Arnoso ás voces, e That Bass como DJ, conforman unha das agrupacións con maior proxección do panorama galego. SonDaRúa bebe da retranca e da tradición oral galega para combinalas, con moito atino, co hip hop máis reivindicativo, de crítica social e política. Eterno Combate é o seu primeiro LP, e con el que aterran directos no SonRías Baixas para abrir e remover as mentes do público.

  10. 10

    TéCanela

    Martes, 3 de agosto | Enerxía, optimismo, ironía e crítica social son os elementos fundamentais que conflúen na proposta de TéCanela, o dúo conformado por Ariadna Rubio e Jano Fernández que, desde a súa creación no 2016, se sitúa como unha das bandas de referencia no marco da nova canción de autor grazas ao seu Las dos caras del hilo. No SonRías darán a coñecer o seu novo traballo, do que xa se coñece o avance La pena.

  11. 11

    Travis Birds

    Xoves, 5 de agosto | Unha das artistas máis prometedoras do panorama musical estatal chega por vez primeira ao SonRías Baixas. Travis Birds irrumpiu nas nosas vidas co single Coyotes, que se converteu na cabeceira da serie El embarcadero, e cunha celebrada versión do 19 días y 500 noches de Sabina. Tras un interesante Año X, este 2021 presenta o seu segundo álbum, La costa de los mosquitos.

  12. 12

    Tu otra bonita

    Mércores, 4 de agosto | No verán de 2017, os temas canallas desta banda madrileña chegaron a todos os ouvidos. Desde aquela, a súa fusión e mestura exquisita de estilos, desde o indie até a rumba, fan de Tu Otra Bonita unha desas bandas imprescindibles nunha cita enérxica e festiva como SonRías Baixas. Ao ciclo chegan para dar a coñecer o seu cuarto disco, Crema, no que colaboran Macaco, La Pegatina ou Juanito Makandé.