Unha ducia de bandeiras galegas
Hai 125 anos, o 10 de setembro de 1898, publicouse no xornal bonaerense El Eco de Galicia a primeira descrición da actual bandeira de Galicia, un estandarte que con esta forma (fondo brando cunha banda azul) levaba uns anos sendo promovido por sectores rexionalistas e galeguistas e que acabou por consolidarse nas primeiras décadas do século XX da man das Irmandades da Fala. Repasamos aquí a súa historia e tamén os outros deseños que nalgún momento representaron a Galicia.
-
01
Primeira descrición da bandeira galega
O 10 de setembro de 1898, hai hoxe125 anos, publicouse no número 248 do xornal bonaerense El Eco de Galicia a primeira descrición coñecida da bandeira galega, un texto anónimo que vira a luz orixinalmente nun xornal compostelán (probablemente a Gaceta de Galicia) nese mesmo ano.
O artigo, como explica a RAG, laiábase da ausencia da bandeira galega en celebracións públicas e por este motivo consideraba oportuno difundir a súa descrición para dala a coñecer. Detallaba que a bandeira contaba con fondo branco e unha franxa azul atravesando o centro desde o ángulo superior esquerdo ata o inferior dereito. Engadía ademais que no centro debía incluír o escudo composto de cáliz, coroa e cruces.
-
02
Unha bandeira empregada, cando menos, dende 1891
Este deseño, polo tanto, levaba tempo empregándose, tanto en Galicia coma entre as comunidades de emigrantes na diáspora americana. O propio autor do artigo de El Eco de Galicia daba conta de que a bandeira se usara na translación do corpo de Rosalía de Castro desde Iria Flavia ao mausoleo da igrexa de San Domingos de Bonaval en Compostela en 1891.
Dese tempo procede ademais a primeira imaxe coñecida da bandeira, que fora empregada na carroza do Centro Galego da Habana que desfilou pola capital cubana o 15 de novembro de 1892.
-
03
Popularización da actual bandeira
Nos anos posteriores este deseño popularizouse con rapidez grazas ao impulso das entidades políticas, sociais e culturais do rexionalismo, o galeguismo e o nacionalismo, dende a Liga Gallega ás Irmandades da Fala e o Partido Galeguista pasando pola propia Real Academia Galega.
De 1906 procede este cartón postal da Liga Gallega na Cruña, grupo que presidía Manuel Murguía, un dos grandes promotores desta bandeira.
-
04
Bandeira das Irmandades da Fala de Betanzos
Hai uns anos a mostra Galicia100. Obxectos para contar unha cultura do Consello da Cultura Galega incluíu entre a súa escolma de cen elementos esta bandeira das Irmandades da Fala de Betanzos datada no ano 1918. Trátase da única bandeira empregada polas Irmandades da Fala neses anos que se conserva, aloxada concretamente no betanceiro Museo das Mariñas.
-
05
Máis de 100 anos dende o primeiro izado da bandeira nunha institución pública
A Coruña foi nas primeiras décadas do século XX o principal núcleo de irradiación do galeguismo e do nacionalismo galego e, en consecuencia, a popularización da bandeira galega está moi unida á urbe herculina.
O 25 de xullo de 1921 a casa consistorial da Coruña converteuse na primeira sede dunha institución pública na que ondeou a bandeira galega. Tratouse dunha iniciativa de Lois Peña Novo, primeiro edil electo por unha candidatura nacionalista galega, que respondía a un chamamento lanzado polas Irmandades da Fala a todos os concellos galegos para celebrar o Día de Galicia, pero que só tivo resposta no da Coruña.
Hai dous anos o Concello coruñés celebrou cunha exposición o centenario daquel fito. A mostra, encabezada por esta ilustración, incluía unha serie de reelaboracións da bandeira elaboradas por artistas da plataforma Coruña Gráfica.
-
06
A bandeira naval: fondo branco, con cruces e cáliz
En 1647 o rei Felipe IV estableceu que a armada do Reino de Galicia empregaría unha bandeira branca coas armas de Galicia: un cáliz cuberto de ouro sen remate crucífero e acompañado con tres cruces a cada lado, normalmente vermellas e ocasionalmente douradas. Así figura en multitude de mapas e documentos entre os séculos XVII e XIX, como este catálogo das bandeiras marítimas do mundo publicado en 1737.
De feito, cando o galeguismo avogou nos últimos anos do século XIX polo uso da bandeira branca cunha banda azul, dende sectores máis conservadores apelouse á tradición histórica para defender que a bandeira naval debía ser o deseño escollido.
-
07
Pendón vermello de Santiago
Pero houbo previamente outros símbolos que se empregaron para representar o Reino de Galicia. Entre eles destaca o pendón de Santiago, marcado pola súa cor vermella e a inclusión da propia figura do apóstolo, e do que hai referencias dende o século XII, como esta do Cálice Calixtino.
-
08
Estandarte de Ramiro I coa cruz de Santiago
Tamén se pode engadir nesta relación o uso dunha bandeira branca con cruz vermella, relativa tamén ao apóstolo Santiago. O estandarte aparece tamén nunha representación da lendaria Batalla de Clavijo que se atopa tombos da Catedral de Santiago e na que esta bandeira preside a tenda do rei Ramiro I.
De aí deriva a posterior Cruz de Santiago, empregada pola Orde de Santiago, e que tamén se usou entre os colectivos de emigrantes galegos en América.
-
09
Estandarte do Reino de Galicia con fondo azul
Tamén hai referencias documentais do uso doutros estandartes en representación do Reino de Galicia. En concreto, do uso dun pavillón con fondo azul e cálices dourados.
Este deseño data, cando menos, do século XIII, e aparece en dúas obras do século XVI: o Carro triunfal de Maximiliano de Durero do ano 1515 e a Pompas fúnebres do emperador Carlos V do neerlandés Joannes Doetecum do 1559.
-
10
Bandeira do antigo Reino de Galicia
Este deseño foi recuperado nos últimos anos nesta proposta de bandeira do antigo Reino de Galicia, que recolle as características dos estandartes que aparecen na obra Pompas fúnebres do emperador Carlos V.
-
11
Recreación do estandarte da dinastía real sueva
Outra recreación é ben máis orixinal e parte dos símbolos empregados pola dinastía real sueva do Reino de Gallaecia (410-585). A creación parte dun documento de 1669 que foi recuperado en 1927 polo historiador Pérez Constanti no que se recolle a descrición do dragón verde e o león vermello.
-
12
Bandeira galega nun edificio oficial
A lei 5/1984 de símbolos de Galicia aprobada o 29 de maio dese ano, hai case catro décadas, recolle por primeira vez de xeito oficial e legal o deseño da bandeira galega e os seus usos, seguindo o establecido no Estatuto de Autonomía. "A bandeira de Galicia, de acordo co preceptuado no artigo 6 do Estatuto, é branca cunha banda diagonal de cor azul que a atravesa desde o ángulo superior esquerdo ó inferior dereito", dise no artigo 2 desta norma.
-
13
A estreleira
Se a comezos do século XX houbo unha seria disputa sobre cales debían ser as características da bandeira galega, hoxe o carácter oficial do pavillón branco e azul non se pon en cuestión. Porén, isto non quere dicir que o símbolo oficial do país non comparta protagonismo con outros deseños.
O máis importante de todos é, por suposto, a estreleira, a bandeira galega coa estrela vermella de cinco puntas no centro. Un símbolo do que hai mesmo referencias do seu uso na Guerra Civil e que foi popularizado dende os anos 60 por entidades nacionalistas como a UPG, a ANPG e o BNG, entre moitas outras.
-
14
A bandeira da serea
Nesta relación debe aparece tamén a bandeira que inclúe o deseño de escudo realizado por Castelao e que apareceu publicado na revista Nova Galiza no ano 1937. Nel, unha serea sostén un estandarte no que se le a frase "denantes mortos que escravos" e que inclúe unha fouce e unha estrela vermella.
-
15
A bandeira da vaca
Unha das bandeiras que acadaron maior popularidade nos últimos anos foi este deseño de Antón Lezcano, que naceu como contraparte ás bandeiras de España co touro de Osborne e que adquiriu un gran impulso o 6 de marzo de 2002 no partido que enfrontou ao Dépor e ao Real Madrid no Santiago Bernabeu (o Centenariazo) e no que o equipo herculino gañou a súa segunda Copa do Rei. A bandeira de Nicetrip pódese adquirir exclusivamente na web de Orgullo Galego.
-
16
A bandeira de Nunca Máis
Apenas uns meses despois da xesta acadada polo Dépor no Bernabeu, o Prestige afundiu fronte ás costas galegas, dando lugar ao movemento Nunca Máis, que dende as súas primeiras mobilizacións empregou como símbolo unha bandeira galega tinxida de negro, un deseño de Xosé María Torné que se estendeu por todo o país.