Unha ducia de BDs galegas na semana do Viñetas
Este luns 7 de agosto comeza na Coruña unha nova edición do festival Viñetas desde o Atlántico, que se desenvolverá ata o domingo 13. Nun ano convulso, coa renuncia do seu director, Miguelanxo Prado, o maior evento da banda deseñada en Galicia segue adiante na súa edición número 26. Aproveitando a súa celebración Manu Barreiro escolma unha ducia de títulos do cómic galego das últimas décadas.
-
01
O home que falaba vegliota - Reimundo Patiño (1972)
Patiño foi un excepcional artista plástico e un dos pioneiros da banda deseñada galega moderna. Esta peculiar obra é un cómic formado por doce serigrafías de un metro por un metro cunha intención reivindicativa sobre a situación da nos lingua.
O artista, e familiar de Reimundo, Antón Patiño resumiu nun artigo o argumento como unha "contundente crónica satírica na que ata o Papa e o Pentágono perseguían o último falante de vegliota para exterminalo. Ata que o Gran Asasino Mundial Pepiño Manteiga acabou co último falante". É unha obra fundacional da BD galega moderna.
-
02
2 viaxes - Reimundo Patiño e Xaquín Marín (1975)
Foi o primeiro libro de BD editado en galego. Son dúas historias independentes de estilos moi diferentes. Patiño, máis experimental, cun estilo cheo de enerxía; Marín, máis clásico cun sentido marabilloso da composición da páxina e da rotulación. Ambas son relatos de ciencia ficción, avanzadas no aspecto gráfico e cuns argumentos cos que, a través de mundos imaxinarios fan unha critica evidente á ditadura esmorecente.
-
03
Cita na Habana - Fran Jaraba (2000)
Este número inicia a Triloxía de Cuba (Cita na Habana, 2000; Campos de Cuba, 2004 e Terra Libre, 2008). Tendo como base unha coidada ambientación histórica narra as aventuras de Maxi Torres, un galego que se alista no exercito por unha cuestión de amor e que remata na Guerra da Independencia de Cuba. Unha triloxía magnífica e entretida que segue os postulados clásicos dos álbumes de aventuras da bd francobelga, un xénero que non é moi habitual na nosa bd mais que Jaraba manexa con mestría.
-
04
A mansión dos Pampín - Miguel Anxo Prado (2004)
Unha obra ben curiosa que foi unha encarga do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
A herdanza dunha casa na aldea levará á familia Pampín a entrar en contacto con notarios, construtores, veciños, alcaldes... nunha sucesión de situacións tan absurdas como reais. A Mansión dos Pampín é unha historieta que aborda os temas dos usos urbanísticos e a ocupación do territorio. A pesar de ter xa máis de vinte anos segue a ser unha obra de grande actualidade.
-
05
Punto de fuga - Miguel Cuba (2011)
Un retrato dunhaxeración moi preparada pero que non atopa o seu espazo laboral. A ironía e o humor tecen unha historia de fermoso debuxo e interesante guión, ambientada en boa parte en Compostela. Publicada grazas a unhas axudas á creación de BD que, nalgún momento, existiron neste país. En palabras de Miguelanxo Prado, «unha achegamadura, necesaria e importante á BD galega».
-
06
Efectiviwonder – Dani Xove (2012)
Magna obra de Xove, un autor sen medo a experimentar e transitar camiños novos ou pouco coñecidos. O máis semellante que se pode atopar a unha viaxe psicodélica plasmada en papel, un libro preñado de retranca e espírito punk con historias delirantes e unha panoplia de reflexións e relatos nunca exentos de crítica social e homenaxes á BD underground. O compostelán é, ademais, tan amante como bo coñecedor da novena arte e iso faise presente. Deixamos as palabras que Manel Cráneo escribe no proemio «Volverás ao teu libreiro cando remates e halo saudar como se fose o teu camelo pedíndolle outra dose de Dani Xove».
-
07
Canción para afundir flores no mar - Oliver Añón (2018)
Unha obra fermosa e delicada que está construída sobre unha trama principal na que se entrelazan pequenas historias con personaxes particulares. Unha mostra da nosa BD incursionando no poético e nas narracións máis conceptuais, cun apartado gráfico excelente e dunha delicadeza abraiante que cativará ao lector.
Outra obra saída desa canteira excepcional que é o Premio Castelao de BD da que o xurado valorou que é “graficamente impecable, moi ben debuxada, coherente, con bo uso do branco e negro”.
-
08
Nós seis - Julia Lago (2019)
Primeira obra longa de BD da coruñesa Julia Lago coa que gañou a decimo sexta edición do Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña.
Merche, unha rapaza de Ferrol (a avoa de Julia) é internada nun estrito colexio de monxas en Valladolid na posguerra, malia a dura vixilancia das relixiosas, Merche forma un grupo de amigas co que facer comunidade para eludir o control, a soidade e a rixidez dun entorno opresivo e represivo.
O xurado destacou no fallo que a decisión foi tomada por unanimidade e que estimou o estilo directo e sinxelo de Julia mais tamén que a obra: «é unha reflexión sobre a represión durante a ditadura que supón un exercicio moi necesario de memoria histórica, baseado nunha historia real».
-
09
Elisa e Marcela - Xulia Vicente (2020)
Xulia Vicente parte dos feitos históricos –aínda que ficciona algunhas partes– nesta obra editada polo Consello da Cultura Galega para contar a historia de Elisa e Marcela, dúas mulleres que casaron na Coruña a principios do século XX.
Esta banda deseñada ten a intención de divulgar e visibilizar a vida destas mulleres e foi editada para celebrar o Día do orgullo LGTBI+ 2020. Mágoa que o CCG non continuara con esta iniciativa. Pódese descargar de balde na web do Consello da Cultura Galega.
-
10
Adeus amigos, Begoña García Alén (2021)
Unha BD que flutúa entre ese carácter experimental e vangardista que destila toda a súa obra e un certo achegamento a unha narrativa máis convencional.
Conta o estraño caso da desaparición en 1975 do artista Bas Jan Ader. O artista embarcouse nun pequeno bote coa intención de cruzar o Atlántico e logo de tres semanas perdeuse a comunicación con el. O bote atopouno (e trasladouno a Ferrol) un pesqueiro galego. Nin o artista nin o seu corpo apareceron nunca.
Begoña é unha autora cun estilo propio, que soborda os camiños máis usuais e transitados do cómic e busca dos límites da linguaxe. Reduce o texto ao imprescindíbel e obriga ao lector ou lectora a completar, a participar, a ser activo. Sempre cunha capacidade xenial no manexo das formas, das liñas e das cores e, sempre, en evolución.
Foi a gañadora do XV Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña.
-
11
Aldara. A lenda do cervo branco - Inés Vázquez (2021)
Esta BD, dirixida a público xuvenil, ten unha protagonista afouta que é quen de decidir o seu destino e pilota a súa vida sen agardar príncipes. A Inés conta unha lenda popular, ambientada nun rural que ficou no pasado e que como ben di a prologuista do libro, a actriz Neves Rodríguez, lémbranos o realismo máxico e a obra de Chano Piñeiro. Un guión que ten un bo ritmo e un debuxo fermoso con influencias moi evidentes do manga, que tanto éxito ten entre as xeracións novas. Destaca a cor desta obra, saborosa e cunha paleta fermosa, dinámica e moderna que transmite tan ben esa luz tan fermosa e delicada da nosa natureza.
-
12
Balada para Sophie - Juan Cavia e Filipe Melo (2021)
Obra dunha delicadeza e fermosura total desta parella creativa. Balada para Sophie cóntanos a vida dun celebrado e exitoso pianista, xa no final da súa vida, que mantivo unha relación de rivalidade e admiración con outro pianista e que un día recibe a visita dunha xornalista para entrevistalo.
Un guión simplemente magnífico e fermoso para un libro que a nivel gráfico non queda atrás, cun estilo rico e agradábel, que está ben equilibrado entre o realismo e a idealización, o descritivo e o ornamental.
Unha BD moi recomendábel para a que o Filipe Melo mesmo escribiu a partitura da Balada.