Unha ducia de bens e lugares de Galicia que xa son Patrimonio da Humanidade ou poden selo nos vindeiros anos
Varios espazos do país contan xa co recoñecemento da Unesco como Patrimonio da Humanidade, dende o Casco Histórico de Compostela e os Camiños de Santiago ata a Muralla de Lugo ou a Torre de Hércules. O centro de Ferrol, as Illas Cíes, a Ribeira Sacra e mesmo a Capela de San Miguel de Celanova son candidatas a acadar esta distinción
-
01
O Casco Histórico de Compostela
O Casco Histórico de Compostela converteuse en 1985 no primeiro ben ou espazo galego considerado pola UNESCO 'Patrimonio da Humanidade'
-
02
Camiño de Santiago
En 1993 a UNESCO declarou Patrimonio da Humanidade o Camiño de Santiago, incluíndo toto o percorrido dende os Pireneos ata Santiago. Foi a primeira vez que un itinerario recibía esta distinción, á que ata o momento só accederan cidades ou monumentos. No ano 1998 a UNESCO ampliou o recoñecemento a todas as rutas que viñan dende Francia: Camiño de Santiago de Le Puy, Limoges, Tours e Toulouse.
-
03
Muralla de Lugo
No ano 2000 a Muralla de Lugo sumouse ao casco histórico compostelán, recoñecendo a UNESCO o valor da fortificacións defensiva romana mellor conservada, con case vinte séculos de historia
-
04
Torre de Hércules
En 2009 foi a quenda da Torre de Hércules, o faro romano que tamén rolda os dous mil anos de historia e que se mantén como o máis antigo aínda en funcionamento e o primeiro faro que acadaba esta distinción.
-
05
Camiños do Norte a Compostela
No ano 2015 a UNESCO actualizou a súa lista, incorporando os Camiños do Norte a Santiago dentro dos lugares recoñecidos como Patrimonio da Humanidade, que dende o 1993 xa incluía o Camiño Francés. A distinción abranguía catro rutas, dúas delas dentro de Galicia: o propio Camiño do Norte e o Camiño Primitivo.
-
06
Catedrais de Mondoñedo e Lugo e Mosteiro de Sobrado dos Monxes
A incorporación dos Camiños do Norte no ano 2015 supuxo tamén o recoñecemento como patrimonio da humanidade de tres espazos polos que pasan estes itinerarios: as catedrais de Mondoñedo e Lugo e mosteiro de Sobrado dos Monxes
-
07
Construción coa técnica de pedra seca
A ata o momento última incorporación galega á lista da UNESCO foi a técnica de construción de pedra seca, recoñecido polo organismo como Patrimonio Cultural Inmaterial no ano 2018. Iso si, a distinción está compartida con outros territorios do Estado e con con outros sete países: Croacia, Chipre, Francia, Grecia, Italia, Eslovenia e Suiza.
-
08
Ribeira Sacra
Neste 2023 e nos anos seguintes tres candidaturas galegas optarán a ingresar na lista do patrimonio mundial da UNESCO. A primeira delas é a Ribeira Sacra, candidata dende o 2019 e inscrita na Lista Indicativa dende 1996. Dela destácase o feito de ser "unha paisaxe cultural de Valor Universal Excepcional que representa o único exemplo conservado no occidente europeo do monacato ascético á imaxe do oriente cristián nun territorio de acollida".
Porén, no ano 2021, a análise da candidatura elaborada polos dous comités asesores da UNESCO atopou numerosas eivas que afectaban á protección do espazo e ameazas como canteiras, encoros, especies invasoras ou perda de valores orixinais. Todo iso adiou a posibilidade de que este espazo se puidese incorporar á lista de espazos Patrimonio da Humanidade e segue a ser un dos grandes obstáculos para conseguilo.
-
09
O Ferrol da Ilustración
A candidatura “Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración” forma parte da Lista Indicativa da UNESCO a Patrimonio Mundial dende 2007. Gonzalo Torrente Ballester escribiu que Ferrol é “unha cidade lóxica encravada nunha terra máxica" e iso é o Barrio da Madalena, un dos mellores exemplos de urbanismo racionalista e planificado, construído a carón dunha das máis fermosas e máis inexpugnables rías do país, aquela que xustificou que o británico William Pitt afirmase: "se Inglaterra tivese un porto coma o de Ferrol, rodearíao de murallas de prata".
A candidatura inclúe distintos espazos e bens que xa contan con protección BIC, coma o Barrio da Magdalena, declarado en 1984, ou os castelos de San Felipe e da Nosa Señora da Palma, xunto ás Baterías de San Cristovo, San Carlos e As Viñas e o Arsenal Militar, declarados en 1994.
-
10
Illas Cíes
Finalmente, a candidatura das Illas Cíes destaca "a beleza natural dos areais bañados polas augas transparentes e turquesas da vertente dianteira, e os escarpados rochedos e acantilados da vertente traseira, que emerxen con potencia en medio do océano e que dotan de gran singularidade e forza á paisaxe do arquipélago". Ademais, subliña que as illas dan refuxio e sustento a unha gran diversidade de organismos, como especies endémicas e importantes colonias de aves ameazadas a nivel mundial ou concentracións excepcionais.
-
11
Os Ancares
Na Lista Indicativa da Unesco, na que figuran todas as candidaturas aspirantes, figura o espazo de Ancares-Somiedo, que abrangue sobre todo territorios en Asturias, León pero tamén en Galicia e na que se destacan non só a súas paisaxes, elementos naturais e de biodiversidade, senón tamén patrimonio cultural, etnográfico e antropolóxico, comezando polas Pallozas do Piornedo.
-
12
Capela de San Miguel de Celanova
A Capela de San Miguel de Celanova tamén aspira a formar parte da lista do patrimonio mundial como parte dunha candidatura conxunta do mozárabe no Estado español