David Reinero

Unha ducia de bispados itinerantes de Galicia

A pasada fin de semana Mondoñedo celebrou os 800 anos do inicio da construción da súa catedral, sé dun bispado que puido acabar en Braga, A Pastoriza, Foz ou Ribadeo. Repasamos unha ducia de bispados itinerantes da historia de Galicia.

  1. 01

    Dume

    Veciña de Braga, tras a caída de Roma foi unha importante localidade do reino suevo convertida en sé dun bispado grazas a san Martiño de Dumio, ou Dume, considerado o conversor da Gallaecia sueva do arrianismo ao catolicismo. É unha das orixes do actual bispado de Mondoñedo.

  2. 02

    Bretoña

    A parroquia de Bretoña, na Pastoriza, é habitualmente identificada como a sé do bispado que crearon no norte de Galicia as poboacións cristiás romano-británicas que emigraron coa chegada ás illas británicas dos pobos xermánicos.

  3. 03

    San Martiño de Mondoñedo, en Foz

    Tras diversas invasións, os bispados de Dumio e Bretoña refuxiáronse na basílica de San Martiño de Mondoñedo, en Foz.

  4. 04

    Val de Brea

    A comezos do século XII a sé de San Martiño de Mondoñedo foi trasladada da actual Foz cara ao interior, ao Val de Brea ou Bría, o emprazamento actual que acabaría herdando o nome do anterior mosteiro.

  5. 05

    Ribadeo

    Antes de comezar a construírse a actual catedral, o bispado de Mondoñedo chegou a ter a súa sé durante unha breve etapa en Ribadeo.

  6. 06

    Mondoñedo

    Hai agora 800 anos comezou a construírse a actual catedral de Mondoñedo que consolidou a importancia comercial que xa tiña a vila ata convertela nunha das sete capitais de provincia do antigo Reino de Galicia. Durante varios séculos os seus bispos seguiron a ter o título de Episcopus Dumiensis.

  7. 07

    Ferrol

    O ascenso da cidade de Ferrol e o declive da de Mondoñedo fixo que en 1959 o bispado pasase a ter o seu actual nome composto e unha concatedral.

  8. 08

    Braga

    Ao igual que o bispado de Dumio se refuxiou en Mondoñedo, o de Braga fixo o mesmo en Lugo tras a invasión musulmá da península.

  9. 09

    Tui

    En Tui hai sé episcopal desde época romana, pero coa invasión musulmá os seus bispos, como fixeron os de Braga e Dumio, refuxiáronse noutros lugares, neste caso en Iria Flavia.

  10. 10

    Vigo

    Ao igual que ocorreu coa de Mondoñedo-Ferrol, en 1959 a diocese de Tui tamén foi renomeada engadindo o nome da cidade de Vigo, na que tamén hai unha concatedral.

  11. 11

    Iria Flavia

    Sé dun bispado en época romana, no século IX foi trasladado a Compostela tras o achado dos supostos restos do apóstolo Santiago. Hoxe é unha parroquia de Padrón.

  12. 12

    Compostela

    Despois de que o bispo Teodomiro de Iria Flavia dese a coñecer este campo, moito creceu ata converterse hoxe nunha das principais arquidioceses católicas do mundo.