Unha ducia de carteis a prol do uso da lingua galega
No último medio século son moitas as campañas publicitarias lanzadas para promocionar o uso e a normalización da lingua galega, tanto dende a Xunta como dende concellos ou entidades culturais, lingüísticas e formacións políticas. Repasamos aquí algunhas delas, dende as reivindicacións a prol da oficialidade da lingua galega na Transición ás máis recentes apelacións a consumir produtos etiquetados en galego
-
01
Fálalle galego (1984)
Un dos carteis institucionais máis icónicos dedicados á lingua galega foi o da campaña "Fálalle galego" da Xunta, de 1984, que buscaba animar os pais e nais a comunicarse cos seus fillos e fillas en galego, rachando os prexuízos que comprometrían a transmisión interxeracional da lingua.
A partir dunha fotografía de Manuel Janeiro, Francisco Mantecón realizou un deseño moi sobrio que acompañou a realización de espectáculos musicais en varias localidades con grupos galego e intervencións de distintos persoeiros da cultura galega.
-
02
Polo uso público e oficialización da lingua galega (1977)
Os debuxos de Xaquín Marín ilustraron este cartel de 1977 que reclamaba o "uso público" e a "oficialización" da lingua galega.
-
03
Día das Letras Galegas: por un ensino galego e popular, pola oficialización do noso idioma galego (1977)
De 1977 é este cartel que no Día das Letras Galegas reivindicaba "un ensino galego e popular" e a oficialización do idioma galego
-
04
Idioma galego, idioma oficial: non ó bilingüismo (1979)
En 1979 a AN-PG lanzou no Día das Letras Galegas este cartel contra o bilingüísmo, acompañado dun cadriño de Castelao
-
05
Polo uso irrenunciábel do noso idioma. Contra o decreto de bilingüismo (1980)
O decreto de bilingüismo aprobado pola Xunta en 1979 provocou grandes críticas en determinados sectores e deron pé a unha campaña a prol do "uso irrenunciábel do noso idioma" e "contra o decreto de bilingüismo". Este foi un dos carteis que denunciaba aquel texto normativo
-
06
Oficializa o teu idioma: Escrebe galego (1981)
Os colectivos culturais de Esquerda Galega lanzaron en 1981 este cartel que chamaba a "escribir galego" empregando o vocabulario propio en cada ámbito.
-
07
2ª curso de verao de língua galega (1983)
Cartel de 1983 da segunda edición do curso de verán de lingua galega, organizado pola Asociaçom Galega da Lingua no local da Agrupación Cultural O Facho da Coruña.
-
08
Día das Letras Galegas 1984
Entre os moitos carteis institucionais do Día das Letras Galegas publicados ao longo dos anos polos distintos concellos galegos, podemos destacar este de 1984 realizado por Ventura Cores para o Concello de Santiago. Pepe Barro dedicoulle este texto ao artista nacido en Cee en 1931 e finado en 2015 e autor, entre outras obras, do logo da Asociación Cultural O Galo. "Achegounos á modernidade sabendo que o pasado debía formar parte do futuro, sempre do lado dos que practican a liberdade e procuran a dignidade da xente do seu país", escribiu Barro.
-
09
Día das Letras Galegas 1988
Podemos destacar estoutro da autoría de Uqui Permuy, realizado tamén para o Concello de Santiago, neste caso catro anos despois, no Día das Letras de 1988
-
10
Que nesta aula se escriba en galego depende de tí (1988)
No ano 1988 a Mesa pola Normalización Lingüística desenvolveu esta campaña, con carteis coas mensaxes "Que nesta aula se escriba en galego depende de ti" ou "Que nesta aula se escriba en galego depende de ti", impulsada por sindicatos, asociacións de docentes e entidades pedagóxicas.
No ano 1987 o Goberno central esixira á Xunta que retirase o esencial da orde pola que se incorporaba o galego como lingua vehicular do ensino. A Mesa levara a cabo entón a campaña “Aprender en galego non é un delito”, que rematara nunha gran manifestación.
-
11
2º Congreso de Escritores en Língua galega
En 1989 Xaquín Marín realizou este cartel para o 2º Congreso de Escritores en Língua galega, celebrado en Lugo baixo o lema de ¡Pola unión!
-
12
En galego, o que ti queiras (1991)
Son moitas as campañas insitucionais de fomento da lingua galega lanzadas pola Xunta nos máis de 40 anos de autogoberno. En 1991, a Dirección Xeral de Política Lingüística, a USC e A Mesa lanzaron esta, co lema "En galego, o que ti queiras"
-
13
Campaña E logo! (2007)
No ano 2007 a Secretaría Xeral de Política Lingüística levou a cabo a campaña 'E logo', que en cada un dos seus carteis engadía un título diferente, como "En galego tes todo un futuro por inventar"
-
14
Consumo gusto (2012)
Chegamos ao ano 2012, momento en que o Foro Peinador e a Irmandade Galega de Adegueiros impulsaron co apoio da Xunta a campaña Consumo gusto Etiquetados en Galego, que contamos así nos primeiros meses de Praza Pública. A campaña foi apoiada por persoeiros coma Antón Reixa, Alba Nogueira, Rubén Riós, Antonio Durán Morris, Uxía, Farruco Bernal, Ernesto Chao, Rosa Álvarez, Julia Otero ou Amancio Prada
-
15
Nós feiramos de 2ª a 6ª (2018)
A Mesa pola Normalización Lingüística, o PGL e a Associaçom Galega da Língua (AGAL), xunto coa Fundación Vía Galego, desenvolveron no ano 2018 unha campaña para promover a denominación dos días da semana como "domingo, segunda feira, terza feira, cuarta feira, quinta feira, sexta feira e sábado".