Unha ducia de carteis das mobilizacións de Nunca Máis
O 19 de novembro o Prestige afundiu fronte á costa galega. O afundimento provocou unha marea negra de fuel que chegou ao litoral, unha marea branca de solidariedade e unha marea de mobilizacións que denunciaban a xestión política da catástrofe que estaban a realizar os gobernos galego e español. Repasamos aquí algunhas desas protestas e os seus carteis, convocatorias lanzadas principalmente pola Plataforma Nunca Máis e a asociación Burla Negra.
-
01
Primeira manifestación de Nunca Máis (1 de decembro de 2002)
A Plataforma Nunca Máis foi creada o 21 de novembro de 2002 e dende o seu inicio xuntou a máis de 200 entidades de todo tipo, dende políticas a sindicais ou veciñais. O domingo 1 de decembro convocou en Compostela a súa primeira manifestación, á que asistiron baixo a chuvia ao redor de 200.000 persoas, que encheron varias veces a Praza do Obradoiro.
-
02
Marea Negra Gaiteira (6 de decembro de 2002)
As accións de protesta continuaron nos días seguintes e moitas delas combinaron a manifestación coa festa e a acción, unhas mani-festa-accións que crearon todo un imaxinario propio ao seu redor. O 6 de decembro convocouse en Santiago unha concentración "de gaitas e percusións contra a burla negra" á que asistiron centos de gaiteiros e gaiteiras e ao redor de 20.000 persoas.Entre os participantes estiveron Manu Chao, Budiño, Mercedes Peón, Susana Seivane e integrantes Leilía, Milladoiro ou Luar na Lubre.
-
03
Manifestacións en todas as cidades galegas (11 de decembro de 2002)
Dez días despois da manifestación que encheu varias veces a Praza do Obradoiro, Nunca Máis convocou marchas nas cidades e vilas galegas. O mércores 11 de decembro máis de 150.000 persoas manifestáronse en Vigo, 40.000 en Pontevedra, 15.000 en Ourense, 15.000 en Compostela, 5.000 na Coruña, 5.000 en Lugo, e 3.000 en Vilagarcía. Varios miles máis fixérono en Ferrol, Ribeira, Viveiro, O Carballiño, Ribadeo, Vilalba, Carballo, Ribadavia...
-
04
Día dos Santos Inocentes (28 de decembro de 2002)
Un dos temas recorrentes nas protestas contra a xestión do Prestige foron as acusacións de "engano", "mentira" ou "burla" por parte dos Gobernos galego e español e a propia Burla Negra facía parte desa denuncia. Non foi estraño, polo tanto, que o 28 de decembro, Día dos Inocentes, se quixese subliñar a crítica entendida como unha "mala broma". Ese día, ademais, máis 10.000 persoas manifestáronse na Coruña no Velorio do Mar, no que Manuel Lourenzo oficiou o "Vía Crucis das Mentiras", no que tamén interviron Pepe Galán, Miguel de Lira, Lino Braxe ou Manuel Rivas.
-
05
Protesta contra a visita de José María Aznar a Galicia (24 de xaneiro de 2003)
O 24 de xaneiro, José María Aznar visitou Galicia. Na Coruña, convidado por Francisco Vázquez, celebrou un Consello de Ministros que aprobou o Plan Galicia e concedeu a Medalla de Galicia a Francisco Álvarez-Cascos. Nunca Máis organizou protestas contra a visita gobernamental, aínda as forzas de seguridade tiveron moito coidado de que as mobilizacións non se achegasen ao mandatario
-
06
Cazolada contra a xestión da crise do Prestige (1 de febreiro de 2003)
Ademais das grandes manifestacións, durante os meses que seguiron ao afundimento do petroleiro, houbo moitas convocatorias máis pequenas e locais. Por exemplo, concentracións ou cazoladas, como esta que se convocou en Ourense o 1 de febreiro.
-
07
Manifestación das maletas (9 de febreiro de 2003)
Unha das marcha máis lembradas foi a chamada Manifestación das Maletas, que o 9 de febreiro reuniu na Coruña a máis de cen mil persoas. Moitas delas levaban unha maleta, en referencia á emigración á que podía obrigar a destrución da costa. "Salvemos o mar ou só nos queda a maleta" era o lema da marcha, que despois de facer paradas ante a sede do PP e a Delegación do Goberno, rematou na Praza de María Pita
-
08
Manifestación de Nunca Máis en Madrid (23 de febreiro de 2003)
Xunto coa primeira marcha do 1 de decembro, a outra gran manifestación de Nunca Máis foi a organizada en Madrid o 23 de febreiro. O obxectivo era manter a presión ante o Goberno central, levando a protesta ás portas das institucións estatais. Decenas de miles de persoas viaxaron en autobuses, tres e coches dende Galicia e en total ao redor dun cuarto de millón de manifestantes participaron na marcha, que finalizou na Porta do Sol
-
09
Entroido (4 de marzo de 2003)
O Entroido sempre foi un momento de crítica ao poder. No 2003 serviu novamente como escenario para subliñar a "burla" dos Gobernos á sociedade e os disfraces que facían referencia ao Prestige, aos hilillos de plastilina, aos líderes políticos (por exemplo Manuel Fraga vestido de cazador) ou os propios traxes de protección dos voluntarios e voluntarias foron protagonistas das celebracións.
-
10
Volta a Galiza (22 de abril de 2003)
En abril e maio de 2003 Nunca Máis organizou unha "Volta a Galicia" na que convidaba a realizar grandes percorridos polo país en bicicleta, cabalo, parapente ou correndo, todo co obxectivo de manter viva a denuncia da xestión da catástrofe e as reivindicacións da Plataforma para evitar novos desastres.
-
11
Marcha en defensa do mar en Malpica (8 de xuño de 2003)
A Costa da Morte foi un dos escenarios principais das mobilizacións nos meses seguintes ao afundimento do Prestige. É moi lembrada a cadea humana organizada o 22 de xaneiro entre Laxe e Muxía pola Coordenadora de Ensino Area Negra, na que participaron uns 50.000 alumnos e alumnas. Pero tamén o 8 de xuño Malpica acolleu unha Marcha en Defensa do Mar
-
12
Primeiro aniversario (16 de novembro de 2003)
No primeiro aniversario da catástrofe do Prestige, a plataforma Nunca Máis reuniu máis de 40.000 persoas na Praza do Obradoiro para "manter viva a memoria" do sucedido e denunciar a "incompetencia" dos Gobernos galego e español. Seis meses antes, unhas 45.000 persoas mobilizáranse en Compostela baixo o lema "non esquecemos". As manifestacións de Nunca Máis no aniversario do afundimento do petroleiro mantivéronse nos seguintes anos, e tamén no 2013, coincidindo ademais coa celebración do xuízo