Miguel Pardo

Unha ducia de casos de corrupción

O último gran caso de corrupción no Estado salpica a Luis Bárcenas, ex tesoureiro do PP, pero hai moitos máis que seguen abertos e que aínda están sendo investigados. En España, pero tamén en Galicia, son numerosos os políticos e cargos públicos implicados. Pokemon, Palau, Pallerols, Campéon, Mercasevilla, Brugal, Orquesta, Nóos, Palma Arena, Gürtel... Nomes que xa nos son ben coñecidos.

  1. 01

    A trama Gürtel

    A denuncia dun concelleiro do PP en Majadahonda destapou o que se considera unha ampla rede que subornaba políticos do PP a cambio de adxudicacións e contratos públicos. O líder da trama sería Francisco Correa, pero estarían implicados numerosos ex deputados e ex cargos públicos populares. A investigación deste caso descubriu outras presuntas tramas corruptas, como a de Luis Bárcenas ou a que salpica a Francisco Camps.

  2. 02

    Os traxes de Camps

    Sería a versión valenciana da Gürtel. Investigouse a partir dos agasallos das empresas de Correa (entre eles traxes) ao presidente da Generalitat, Francisco Camps, e a outros altos cargos deste goberno. A recompensa volverían ser adxudicacións públicas na autonomía. Acabaron imputados o propio Camps, que dimitiu, o ex secretario xeral do PP rexional, Ricardo Costa, e outros importantes cargos. Camps e Costa foron absoltos por un xurado popular e o PSOE recorreu o arquivo da causa ante o Tribunal Supremo.

  3. 03

    O Palma Arena... e vinte casos máis

    O ex presidente de Baleares, Jaume Matas, foi condenado hai case un ano a seis anos de prisión por pagar con cartos públicos a un xornalista para que falase ben del. É só a primeira das 26 causas abertas polo Palma Arena, un velódromo sobre o que se investiga o seu sobrecusto e que implica unha morea de políticos e cargos públicos nas Illas. O tamén ex ministro depositou unha fianza de 2,5 millóns para non ir á cadea, pero segue acusado de malversación de fondos públicos, prevaricación ou tráfico de influencias. Nas Baleares investíganse actualmente 20 casos de corrupción, a maioría vinculados ao PP e a Unió Mallorquina.

  4. 04

    O caso Nóos e a imputación de Urdangarín

    É unha peza incluída no caso Palma Arena, pero cobrou relevancia logo da imputación do Duque de Palma, Iñaki Urdangarín, que tería apañado millóns de euros de cartos públicos a través da Fundación Nóos, que operaba sobre todo cos gobernos do PP de Baleares e Valencia.

  5. 05

    A operación Orquesta na Costa da Morte

    Son case 30 as persoas que seguen imputadas na operación Orquesta, unha trama de corrupción destapada por casualidade hai dous anos. Cargos públicos, funcionarios, empregados municipais e construtores estarían implicados nun caso que salpica os alcaldes de Fisterra, Corcubión, Cee e Mazaricos. Investíganse adxudicacións irregulares de obras a empresas como a de Daniel Ogando, que tería subornado a varios rexedores da Costa da Morte.

  6. 06

    O caso Brugal

    Outra trama corrupta na Comunitat Valenciana: o caso Brugal. Neste caso, empresarios alacantinos do sector de recollida do lixo e ligados á construción terían subornado a varios cargos políticos do PP a cambio de favores, entre eles adxudicacións públicas. O líder popular na cidade e a que era alcaldesa tamén estiveron implicados.

  7. 07

    Mercasevilla e os ERE

    O caso que preocupa no PSOE. Dous empresarios denunciaron que dirixentes de Mercasevilla lles esixiron un suborno, o que destapou varios casos de fraude arredor da Junta de Andalucía. Entre eles, a polémica dos ERE, segundo o cal o Goberno autonómico daría subvencións para sufragar parte dos expedientes de regulación de emprego e axudar a empresas en dificultades. Francisco Javier Guerrero, ex director xeral de Emprego, é o principal imputado como responsable de que os 650 milllóns de euros manexados pola Junta nestes conceptos non tivesen o destino axeitado.

  8. 08

    O caso Campeón en Galicia

    A detención do empresario Jorge Dorribo, acusado de ser o líder dunha trama de fraude en subvencións públicas, acabou por salpicar a varios cargos públicos e políticos no caso Campeón. O ex ministro José Blanco está imputado na peza separado do Supremo nunha investigación na que tamén foron implicados o ex conselleiro do BNG, Fernando Blanco, o ex deputado Pablo Cobián (PP) e o alcalde de Lugo, Xosé López Orozco.

  9. 09

    Pallerols e o financiamento ilegal de Unió

    Foi en 1997 cando se destapou a presunta operación de financiamento ilegal de Unió Democràtica a través do desvío de subvencións recibidas polas empresas controladas por Fidel Pallerols e a súa espola para realizar cursos de formación laboral. Anos despois de investigacións, o partido admitiu terse financiado ilegalmente e aceptou pagar a indemnización. O seu secretario xeral, Duran i Lleida, non dimitiu malia afirmar que si o faría se se demostraban as acusacións.

  10. 10

    O desfalco do Palau

    O caso Millet, ou caso Palau, atribúese ao desfalco do Palau de la Música catalán realizado por Fèlix Millet, presidente do padroado da Fundació Orfeó Català. O propio protagonista recoñeceu ter realizado un desfalco de máis de 3 millóns de euros durante a primeira década do século XXI.  O escándalo foi enorme entre a sociedade catalá, que asistiu tamén sorprendida ás implicacións que tivo o caso, tras demostrarse que varios partidos políticos foron financiados por Millet de maneira directa ou indirecta.

     

  11. 11

    O Pokemon galego

    Arredor de vinte empresarios, funcionarios e políticos de todos os partidos -aínda que a distintos niveis- están involucrados nesta suposta trama de corrupción arredor de diversas contratas municipais que investiga o xulgado de Instrución número 1 de Lugo. O alcalde de Lugo, López Orozco e o de Santiago, Ángel Currás, son dous dos imputados. Tamén o foi o de Ourense, Francisco Rodríguez, que xa dimitiu.

  12. 12

    Bárcenas, o último (e maiúsculo) escándalo

    O que fora tesoureiro do PP, Luis Bárcenas, é o último protagonista dun novo escándalo de corrupción. Logo de anos de sospeitas sobre el, e a raíz do caso Gürtel, novas informacións atribúenlle contas con máis de 20 millóns de euros en Suíza e o seu avogado asegura que regularizou diñeiro negro coa última amnistía fiscal. O diario El Mundo asegura que Bárcenas pagou a parte da cúpula dos populares con cartos en B durante vinte anos. O partido négao, pero el segue mantendo despacho en Génova malia estar fóra do partido.