Unha ducia de cousas que dan alerxia
A primavera é tempo de alerxias, máis aínda cando a chuvia lle deixa paso ao sol. Nestes días nos que o tempo semella que vai acompañar para andar ao aire libre, repasamos algunhas cousas que provocan alerxia por mor da climatoloxía e outras que llela provocan sempre a segundo que persoas.
-
01
O po
Unha das clásicas. Os culpables desta alerxia son os ácaros, uns arácnidos minúsculos con gran capacidade para molestar o común dos mortais.
-
02
O pole
O protagonista das alerxias primaverais. Os procedentes das gramíneas son os máis abondosos.
-
03
Os gatos
Estas adorables criaturas pódense convertir nun serio problema para quen lles ten alerxia. Está garantido que non pasa cos protagonistas dos vídeos e montaxes fotográficas de internet.
-
04
O sol
Desagradables erupcións cutáneas son os síntomas máis habituais da alerxia ao sol, esa cousa que saíu no ceo hai pouco tempo tras os meses de invernía.
-
05
Dimitir
Os seus síntomas son múltiples e adoita cursar con referencias á presunción de inocencia, á necesidade de esperar a tempos mellores ou ao veciño, que presenta síntomas de maior entidade.
-
06
O galego
En pequenos círculos pode provocar síntomas que indiquen, erroneamente, que se trata dunha enfermidade maior. Adoita ir acompañada de dificultades para comprender que existe máis dun idioma no mundo.
-
07
Algúns medicamentos
Nos quilométricos prospectos están as claves nas que unha persoa hipocondríaca non debe reparar en exceso se non quere sufrilas todas. O que alí está escrito acontece escasas veces, pero acontece.
-
08
As preguntas
Un dos focos principais desta alerxia atopouse nos últimos tempos na contorna do Palacio de La Moncloa, en Madrid, aínda que agroma con suma facilidade en latitudes e situacións diversas.
-
09
As picaduras
Os insectos poden ser molestos, moi molestos ou realmente preocupantes no caso de terlles alerxia. Moito ollo, agora que o tempo permite saír fóra sen chuvia.
-
10
A humidade
Parece mentira, pero é. Os fungos que medran con soltura en lugares húmidos poden provocar bágoas, conxestión nasal ou conxuntivite, entre outros síntomas.
-
11
Madrugar
A sintomatoloxía é variada e pode durar unhas horas, un día ou a vida enteira. Hai a quen lle gusta.
-
12
O Parlamento
Non son poucos os cargos que teñen manifestado esta alerxia, acudindo só á sede do lexislativo cando non lles queda máis remedio.