David Lombao

Unha ducia de cousas que facer ao saír o sol

Vimos de saír dunha xeira de chuvia e temporais como non se lembraba. En cidades como Compostela, Ourense ou Pontevedra xaneiro e febreiro foron os meses máis chuviosos dende que hai rexistros e no último mes só houbo un día sen alertas meteorolóxicas no país. Esta fin de semana é a primeira con sol no que vai de 2014, momento perfecto para retomar esas tarefas que fomos adiando para cando parase o diluvio.

  1. 01

    Poñelo nas redes sociais

    Vivimos nun tempo no que poucas cousas pasan se non saen polo Twitter ou o Facebook. Así que, se non o fixeches xa -cousa pouco probable-, tíralle unha foto ao ceo e súbea de inmediato. Pode ir acompañada de frases como "que ven os meus ollos?", unicamente da palabra "sol" ou fórmulas semellantes.

  2. 02

    Lavar o coche (se tes)

    Se na túa casa hai un coche é posible que botes man del nesta fin de semana. Nese caso, non é descartable que o vehículo teña sobre a súa chapa parte (ou todos) os efectos da sucesión de chuvias e temporais. Antes de ir a ningures era bo darlle unha auguiña. 

  3. 03

    Limpar os cristais

    Se os automóbiles teñen po aumulado, que non imos dicir dos cristais das casas? A combinación de chuvia e vento provocou que fosen opacando nestes meses de inverno. Aproveita o sol para aplicarlles unha lei de transparencia de auga e xabrón. 

  4. 04

    Poñer lavadoras

    E facelo sen taxa nin mesura. Se non dispós de secadora seguro que levas meses utilizando a lavadora con toda a cautela do mundo, tendo en conta que a roupa tarda un mundo en secar. A aproveitar o sol como secadora natural.

  5. 05

    Estrear as terrazas

    Por que están aí non só para fumadores e fumadoras, senón tamén para sentar con calma e ver a vida pasar, lembrades? Nalgunhas delas estes días non van ser necesarias nin as estufas.

  6. 06

    Ir mirar como quedou a costa

    Se es das persoas prudentes que durante as infinitas alertas optaron por non achegarse ao mar, disque estes días se poderá facer sen risco. Un bo momento para comprobar se o que contaban os alarmados telexornais era ou non certo.

  7. 07

    Pintar

    Pensabas en darlle unha man de pintura a esa parede que perdeu a partida coa humidade? Tes un moble agardando por unha nova imaxe ata que escampe? Chegou o momento. Sorte...

  8. 08

    Gardar o paraugas

    No caso de que sobrevivise. Senón, aproveita para ir mercar outro.

  9. 09

    Retirar capas de roupa

    Só con poder prescindir do abrigo ou do chubasqueiro un anaco xa terás a sensación de estar máis preto da primavera. Proba, verás.

  10. 10

    Secar os pés

    Cantas molladuras levas no que vai de 2014? Ata dentro duns días non hai perigo, ou iso din.

  11. 11

    Curar o catarro (ou coller outro)

    A falta de humidade é propicia para soltar o catarro. Agora ben, as correntes, o sol excesivo a quen non ten falta de costume e, como din os e as maiores, "os meses con erre", son ben propicios para apañar outro.

  12. 12

    Botar en falta a chuvia

    Falta moi pouco para que comecemos a dicir que "xa cómpre algo de auga" porque tanto sol "non é normal". Veredes.