Praza Pública

Unha ducia de cousas que facer no Revenidas

Este venres comeza o Revenidas en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa). Tres días de concertos, pero tamén circo, de gastronomía, de feira... Unha experiencia popular galega ao redor dunha grande comida familiar, a Gran Sardiñada Popular que deu orixe ao festival. O tamén coñecido coma o Festival das Linguas converteuse nunha referencia no noso país pola súa aposta na música feita en galego xunto coa presenza de grandes bandas destacadas internacionalmente

  1. 01

    Un festival para todos os sentidos

    O tamén coñecido coma o Festival das Linguas converteuse nunha referencia no noso país pola súa aposta na música feita en galego xunto coa presenza de grandes bandas destacadas internacionalmente dende o seu nacemento no 2003 sempre cunha idea e un propósito claro: o compromiso do festival co país, coa nosa cultura e coas persoas que fan que exista. Dende este venres e ata o domingo, tres días de concertos, de praia, de feira, de gastronomía, de sardiñadas, de festa! Máis información, horarios e entradas na web do festival.

  2. 02

    Concertos a Bordo

    Nesta edición poderedes vivir unha experiencia marítima única en familia pola Ría de Arousa a bordo do Chasula, unha embarcación tradicional na que gozaredes de música ao vivo e dunha exclusiva degustación gastronómica de produtos 100% galegos. Xurxo Souto, Ugía Pedreira e Pierrot Rougier,Lydia Botana, O Leo i Arremecághona e NajlaShami porán a música.

  3. 03

    La Pegatina

    Comezamos a debullar os concertos. Ademais de ser o grupo catalán máis internacional, La Pegatina tamén é o máis políglota, xa que cantan en máis de sete linguas e son capaces de pasar do merengue á rumba ou ao ska cunha facilidade que acaba toleando á xente. Coa súa nova xira están recorrendo países como: Alemania, Austria, Chile, Argentina, México, Bélgica, Países Bajos, Australia, Reino Unido e farán parada no Revenidas para que o público poida cantar cancións como “Maricarmen”, “Lloverá y yoveré” ou “Heridas de guerra” no seu directo máis potente e explosivo ata o de agora.

  4. 04

    Riot Propaganda

    Da fusión de Los Chikos del Maíz e Habeas Corpus nace Riot Propaganda, unha banda que continúa a liña profundamente crítica da música de ambos. As letras das súas cancións abordan diferentes temas de relevancia polícia, econónica e en contra dun sistema que causa miseria e desigualdade. Tamén toman posicións en contra do fascismo, o machismo, a represión policial… sempre aludindo á conciencia obreira

  5. 05

    Bohemian Betyars

    Os húngaros Bohemian Betyars son unha das bandas máis tolas do seu país. Para obter os seus extraordinarios sons mesturan o violín e o pasado folclórico do baixista co estilo do resto da banda, á que agregaron o dinamismo do punk e o ska condimentados coas melodías da conca dos Cárpatos.

  6. 06

    Skindred

    Skindred aglutina influencias do nu metal, o punk e o reggae, definindo o seu estilo como “ragga metal”. A banda de Newport, que celebrará o próximo ano o vixésimo aniversario do nacemento da formación, combina todo tipo de elementos musicais. Segundo a propia banda, os grupos que máis influíron neles son Specials, ThePolice e Clash, e por iso se autodenominan como “os netos desas grandes bandas británicas”, coa diferenza de que, que en lugar de mesturar o ska e o rock, utilizan ritmos do Raggamuffin xamaicano xunto a metal punk da escena heavy.

  7. 07

    Dakidarría

    Dakidarría é unha das bandas que máis está dando que falar dentro do novo panorama musical estatal. Os oito integrantes da banda son expertos en fusionar ska, reggae e punk-rock apostando sempre pola enerxía e a festa. Chegarán ao #Revenidas17 co seu último taraballo, “Lume”, por bandeira e seguro que non deixarán indiferente a ninguén!

  8. 08

    Sardiñada popular

    Un dos momentos máis agardados do festival é a sardiñada popular, que se leva a cabo durante o sábado do festival. A asociación Repichoca organiza o xantar, composto por 1.000 quilos de sardiñas revenidas e empanada, para recadar fondos cos que soster o festival. O parque de Dona Concha, ao carón do porto de Vilaxoán, é o lugar escollido para poder asistir o de balde, en familia e con amigos, a unha Sardiñada Popular Revenidas.

  9. 09

    Gala de circo solidaria

    De Atenas á Coruña pasando por Melilla e Calais, Idomeni e Palestina, e agora chegando a Vilaxoán. Pallas@s en Rebeldía acolle coa maxia do circo a miles de homes e mulleres que foxen da guerra, mentres denuncia as políticas xenocidas da UE. "Flores contra o esquecemento" son dúas horas de música, festa, circo rebelde, maxia e compromiso, da man de Caracoles, Kanbahiota, PeterPunk, o Mago Teto, Ricky Tenis, Zirkusfrak e Júlia Farrero

  10. 10

    A praia

    O festival contará, por segundo ano consecutivo, cun recuncho nun lugar moi especial do entorno do Porto de Vilaxoán. Un lugar para o lecer e para o deleite auditivo. Na Praia do Preguntoiro o recuncho DUB estará sonorizado polo potente soundsystem de King Sativa Sound.

  11. 11

    A feira

    O talento, a creatividade, a innovación, as figuras emerxentes no mundo das artes, moda, xogo, cultura… cítanse ao longo de tres días no parque dona Concha de Vilaxoán para encontrarse cun público convocado para gozar deste mercado alternativo

  12. 12

    ...e moitos concertos máis

    O cartel do #Revenidas17 componse de case unha trintena de concertos de bandas procedentes de Galiza, Asturies, Madrid, Valencia, Cataluña, Euskadi, Navarra, Madrid, Arxentina, Hungría ou Reino Unido. Unha combinación de sotaques e estilos musicais como o balkan, ska, punk, rock, pop, garage, rap, hiphop, funk, dubstep, trap, reggae, folque ou electrónica. Grupos e artistas como Txarango, De Vacas, Sara Hebe, Terbutalina, Auxili, EsneBeltza, Desakato, Voodoo, Vendetta..., completan a programación