David Lombao

Unha ducia de cousas que facíamos antes de ter móbil

A tecnoloxía é marabillosa. Permite, por exemplo, que poidas ler estas liñas ou que teñas, nun instante, acceso a máis información que todos os teus antergos xuntos. No entanto, levar un trebello poderoso no peto está a extinguir prácticas sociais e maneiras de facer que tiñan o seu aquel. Estas son algunhas.

  1. 01

    Usar espertador

    Eses trebellos do demo cun timbre que facía imposible volver conciliar o sono foron sendo substituídos, aos poucos, polas melodías dos nosos terminais móbiles, máis harmoniosas pero igualmente aborrecibles.

  2. 02

    Usar reloxo

    Intimamente vinculado co anterior. Cada vez máis xente deixa de levar un reloxo no pulso, de corda ou cunha pila que lle dura máis dnu ano. Pola contra, agora moitas persoas miran a hora no móbil e expóñense a ficar nun baleiro espazo-temporal se quedan sen batería. Todo un avance.

  3. 03

    Preguntar por unha rúa

    Nin pensalo! Preguntar agora por unha rúa convértese na ratificación da derrota non só da túa orientación, senón da derrota da tecnoloxía de Google ou Apple!

  4. 04

    Falar nun bar

    "E se quedamos nun bar para mirarmos os móbiles?". Hai uns días alguén resumiu nun chío de Twitter esta práctica aborrecible na que moitas e moitos caemos en máis dunha ocasión. Disque lle chaman phubbing e consiste en mudar a conversa polo smart-tuzarismo.

  5. 05

    Levar unha cámara de fotos

    Levámola enriba todo o tempo, pero poucas veces como aparello independente, porque xa está no móbil. Deixando á marxe as persoas que se dedican á fotografía profesionalmente as cámaras van desaparecendo das nosas vidas cotiás. Tamén está quen leva unha carísima cámara sen ter moito xeito para empregala, pero ese é outro conto.

  6. 06

    Rexeitar as fotos de pés

    Cunha cámara analóxica unha foto duns pés adoitaba equivaler a un erro ou a un disparo fotográfico involuntario. Agora son un xénero en si mesmo, como ben contou El Mundo Today

  7. 07

    Contar as vacacións nun relato único e despois do seu remate

    Antes era temible o momento en que alguén ofrecía a posibilidade de quedar contigo para contarche "que tal" foran as vacacións. No mellor dos casos, enfrontábase a un relato máis ou menos detallado do ben ou mal que se comía en tal sitio e do agradable ou desagradable que era aquela praia. No peor, a contada ía acompañada de fotos ou mesmo vídeo. Agora, as retransmisións son practicamente en tempo real.

  8. 08

    Chegar á hora a unha cita

    Na actualidade sempre temos o recurso de "chego en 5 min" ou cousa semellante. Antes, a tardanza cumpría asumila con todas as súas consecuencias.

  9. 09

    Quedar con antelación

    Ata hai ben pouco, cando xa había móbiles pero cada comunicación custaba cartos individualmente, era habitual fixar as citas con antelación. Agora sempre fica o recurso de "imos falando".

  10. 10

    Lembrar números de teléfono

    Lembras cando os lembrabas? E agora, cantos lembras?

  11. 11

    Desaparecer uns días

    Como vos contamos hai pouco tempo, deixar de estar plenamente localizado ou localizada é agora un chisco máis complexo que hai uns anos...

  12. 12

    Nada

    Esperar por alguén que chega tarde, agardar polo bus, estar nunha ringleira para mercar ou facer un trámite... Eran espazos perfectos para non facer, para facer nada. Eran.