Unha ducia de cousas que non son culpa do bipartito
Máis de media década despois da súa saída da Xunta, o Goberno de coalición de PSdeG e BNG segue sendo un actor político en Galicia para adxudicarlle todo tipo de responsabilidades. Nunha humilde vocación de servizo público recompilamos algunhas cousas desagradables nas que, ata onde sabemos, o bipartito non tivo nada que ver.
-
01
A raia de po do recolledor
Pasas a vasoira e queda unha molesta raia de po xusto a carón do recolledor. Retrocedes un pouco e aínda fica un pouquiño. E así, ata o infinito. Unha cousa ben mala na que, ata onde sabemos, o bipartito non tivo nada que ver.
-
02
Os cambios de temperatura en primavera
Saes pola mañá da casa e xéaste co frío, ás doce súas como un pitiño e ás seis da tarde volves presentar unha candidatura ao catarro. O bipartito non fixo nada para evitalo, ben é certo, pero tampouco hai constancia de que promovese tal oscilación térmica.
-
03
Perder o mando a distancia no sofá
Algunha misteriosa forza da natureza extravía os mandos do televisor, do reprodutor de DVD ou de calquera outro trebello ao máis fondo do sofá da casa. Entre 2005 e 2009 non houbo ningunha medida gobernamental específica para que isto acontecese.
-
04
Os coches que chapuzan cando chove
Hai condutores e condutoras que, por despiste ou por maldade, pasan a toda velocidade por riba das pozas causando prescindibles molladuras peonís. Aí o bipartito tampouco tivo nada que ver.
-
05
A derradeira pipa podre
Hai bastantes posibilidades de que a derradeira pipa da bolsa estea podre e che deixe mal sabor de boca, pero cómpre descartar responsabilidades políticas no caso.
-
06
Os pantallazos de Windows
Un clásico básico do programa estrela de Microsoft, do que a Xunta non se deu desprendido nin co bipartito nin sen el. Non obstante, múltiples testemuños dan conta de que este sistema operativo xa daba problemas nas súas múltiples versións antes do 19 de xuño de 2005.
-
07
Os convites a xogos do Facebook
Neste caso está claro: Facebook naceu no 2004, un ano antes de que chegase o bipartito á Xunta. Así que a responsabilidade deses molestos convites correspóndelle de xeito intransferible a quen os envía.
-
08
Esquecer as chaves na porta
Ese simpático caso no que bloqueas o acceso á túa propia casa por unha simpática combinación de esquecemento e tecnoloxía ferralleira. Socialistas e nacionalistas rexeitan calquera implicación.
-
09
O reaggeton
Este é un tema especialmente controvertido, toda vez que un dos dous líderes daquela coalición se valeu deste estilo musical para pedir o voto en 2009. Se ben isto é certo, non o é menos que o reaggeton naceu contra finais do século XX en América Latina e cruzou o Atlántico antes do cambio de Goberno en Galicia. Así que tampouco foi cousa deles.
-
10
As leas por pagar
Un costume ancestral do pobo galego que, evidentemente, non se inaugurou hai apenas unha década.
-
11
A vibración pantasma do móbil
"Vou mirar o móbil, que vibrou". E resulta que non vibrou. Isto leva pasando dende que os móbiles vibran, é molesto pero alleo á Xunta.
-
12
O de Esperanza Aguirre coa policía
Alén das teorías que poidan xurdir en determinados ámbitos político-mediáticos, a priori semella difícil que Touriño e Quintana rematen por ser culpados no incidente da líder do PP de Madrid cos axentes de mobilidade da capital española.