Unha ducia de imaxes da despedida de Beiras
O venres 9 de outubro viviuse en Santiago, na zona de Bonaval, un momento histórico. A despedida de Xosé Manuel Beiras organizada pola súa familia no auditorio do Museo do Pobo Galego rebordou con milleiros de persoas ocupando as rúas próximas. Foi unha xornada que deixou imaxes para a lembranza.
- CRÓNICA | Beiras, como Castelao, xa é patrimonio do pobo
- CRÓNICA | Adeus a un bo e xeneroso
-
01O cadaleito ante o Panteón
A imaxe máis icónica produciuse contra o final da xornada, á saída do cadaleito de Beiras do Museo do Pobo Galego, pasando por diante do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, facendo un recorrido contrario ao que fixo en 1984 o cadaleito de Castelao ao entrar nese mesmo lugar noutro momento tamén histórico para Galicia. [HEMEROTECA: Unha ducia de momentos do regreso dos restos de Castelao a Galicia en 1984]
-
02A despedida
A xornada comezou ás 12 do mediodía, coa apertura ao público do auditorio do Museo do Pobo Galego no que estivo exposto o cadaleito de Beiras, cuberto cunha bandeira de Galicia co deseño de Castelao co lema "Denantes mortos que escravos", co seu sombreiro e cun ramo de cravos vermellos. Ao lado, unha coroa de rosas brancas co texto "Bo e xeneroso".
-
03Flores e máis flores
Unha das paredes do auditorio e a entrada ao mesmo desde o claustro do antigo mosteiro estaban ateigadas de ramos e coroas de flores chegados de todo tipo de entidades do país e de fóra.
-
04As condolencias
Ás portas do auditorio do museo habilitáronse dous libros de condolencias nos que centos de persoas deixaron textos de lembranza de Beiras.
-
05As despedidas individuais
Durante as catro horas que a sala de despedida permaneceu aberta ao público foron pasando por ela persoas coñecidas e cidadanía en xeral para amosar o seu respecto.
-
06O acto
Ás catro da tarde comezou un acto cunha decena de breves intervencións en lembranza de Beiras. A sala e todo o museo quedaron pequenos.
-
07O claustro ateigado
O claustro do museo ateigouse de xente e a multitude acabou ocupando tamén o exterior do edificio, onde aguantou ao sol.
-
08A familia
Ricardo Beiras, un dos dous fillos, xunto con Daniel, foi o encargado de falar pola familia. O seu pai, dixo, "xa non vai pertencer a siglas" porque "Beiras pasa a ser patrimonio do pobo galego".
-
09O himno
O acto rematou co himno galego, cantado por boa parte dos presentes co puño en alto.
-
10A saída
O cadaleito foi levado polos dous fillos, dous netos e Martiño Noriega e Antón Sánchez.
-
11Os aplausos
No claustro do museo as persoas alí congregadas foron abrindo un corredor polo que pasaron os restos de Beiras entre un aplauso que se prolongou no exterior durante bastantes minutos.
-
12O clamor
O corpo de Beiras partiu contra as seis e media da tarde cara ao cemiterio de Boisaca despedido con berros multitudinarios de "Galiza ceibe, poder popular".