Unha ducia de cousas que se fan no nome dos santos
Son días de Semana Santa; fin de semana longa para algunhas persoas, xornadas de devoción para outras. Alén das crenzas de cadaquén, ao longo do ano non son poucas as ocasións nas que os santos levan a culpa ou serven de escusa para as máis diversas actividades. Velaquí van algunhas.
-
01Comer polbo
O San Froilán de Lugo é un dos múltiples exemplos nos que un santo serve como escusa perfecta para renderlle tributo ao cefalópodo.
-
02Comer unllas de porco
San Lázaro é neste caso o 'culpable' da paparota que cada mes de abril se reproduce no barrio compostelán ao que lle dá nome.
-
03Saltar cacharelas
Aínda que o solsticio de verán é algo moito máis antigo que os propios santos, a festa que se celebra na noite do 23 ao 24 de xuño está ligada a San Xoán.
-
04Compartir responsabilidades políticas
Dúas veces ao ano, o 25 de xullo e o 30 de decembro, a Casa Real española comparte responsabilidades polítícas co Apóstolo Santiago a través dalgunha autoridade, xeralmente galega.
-
05Promover incentivos fiscais
A conmemoración da suposta peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela -a historiografía non acredita que se producise- foi declarada acontecemento de especial interese público polo Goberno central a instancias da Xunta, o que implica substanciosos beneficios fiscais para quen patrocine o evento.
-
06Outorgar condecoracións
Santa Teresa de Jesús e a propia Virxe María son obxecto de especial atención por parte do actual Ministerio do Interior.
-
07Ofrendas municipais
Non son poucos os eventos que, ao longo do ano, mesturan municipalismo e santidade, caso por exemplo das ofrendas a San Roque, a quen se lle atribúe librar da peste a varias cidades, como Santiago e Lugo.
-
08Sacar o exército á rúa
Ofrendas, procesións e a propia Semana Santa son datas elixidas polas autoridades para sacar os militares á rúa, aínda que a priori armas e santidade non teñan excesivas ligazóns.
-
09Contratar á Panorama
Ou á Paris de Noia, ou á Olympus, ou a tantas outras. Exaltación dos santos e orquestras vai da man en innumerables lugares do país.
-
10Non traballar
Para ben ou para mal, segundo quen o mire, o certo é que boa parte dos días de festa no almanaque van ligados aos santos.
-
11Beber de máis
A romaría de San Fins do Castro, en Bergantiños, é un dos exemplos nos que o santo é o pretexto para o etanol.
-
12Política
E con moita intensidade.