Unha ducia de datos curiosos das eleccións municipais do 26M
As eleccións do pasado domingo deixaron xa un bo feixe de comentarios, análises e declaracións. E moitos datos, algúns agochados entre liñas, que afectan a localidades pequenas ou a pequenos partidos. Deixámosvos aquí algúns deles
-
01
O concello con máis votos en branco e nulos
Vilarmaior (A Coruña) tiña unha particularidade xa antes dos comicios: era a única localidade na que só se presentaba unha lista, a do PP. Sen oposición, os populares fixéronse cos cinco concelleiros en xogo e obtiveron un 87,59% dos votos válidos. En relación co 2015 (cando o BNG presentara lista e obtivera un edil), a participación caeu lixeiramente e disparáronse os votos en branco (pasaron do 2,5% ao 12,4%) e os nulos (do 2,7% ao 8,8%). En total, brancos e nulos superaron o 21%.
-
02
O concello cunha vitoria máis axustada
En Monterroso (Lugo) non é que a vitoria se decidise por uns poucos sufraxios, senón que as dúas primeiras forzas -Independentes por Monterroso e PSOE- acadaron un empate a 798 votos, co PP moi preto, 695 votos. De forma provisional, ese empate saldouse en beneficio da lista independente, polo criterio de ter obtido a vitoria en máis mesas, o que ademais lles outorga un edil máis (4), por 3 do PsdeG. Porén, os socialistas xa recorreron un voto dado inicialmente como nulo por ter sido introducido incorrectamente na urna das eleccións europeas. En 2011 unha situación semellante en Os Blancos (Ourense) resolveuse cun sorteo, que lle deu a alcaldía ao PP fronte a Alternativa Popular Galega.
-
03
Maiorías absolutas no fío da navalla
Son varios os concellos nos que unha lista acadou a maioría absoluta por uns poucos votos ou, de igual xeito, perdeuna por eses escasos sufraxios. Negreira e Santa Comba, localidades moi próximas, son dous bos exemplos. En Negreira o PSdeG-PSOE acadou a maioría absoluta por apenas dous votos (1.787 fronte os 1.785 do PP), ficando as restantes listas sen representación. Pola contra, en Santa Comba os populares quedaron a tan só 5 de obtela: a formación ficou en 2.662 votos, cando o límite para facerse co seu sexto edil estaba nos 2.667.
-
04
O concello máis fragmentado
No anterior mandato municipal Tui destacou pola fragmentación da súa corporación: os seus 17 concelleiros repartíronse entre 8 forzas políticas. As eleccións do domingo simplificaron este escenario, deixando 'tan só' seis partidos con representación e, ademais, outorgándolle ao PsdeG-PSOE a maioría absoluta. Nesta ocasión Cambre tómalle o relevo, cun total de 7 candidaturas con edís, todas as que se presentaron, agás unha que quedou fóra. Gobernará Unión por Cambre, que pasou de 5 a 8 concelleiros.
-
05
O alcalde máis lonxevo
Senén Pousa poderá seguir gobernando Beade, como o leva facendo dende 1974. O rexedor do PP, coñecido pola súas declaracións en favor da ditadura franquista, suma 45 anos no cargo e poderá chegar a 49. Os populares obtiveron o triunfo máis axustado da historia desta localidade, obtendo 4 concelleiros (por 3 do PSdeG-PSOE) e un 53,79% dos votos, fronte ao 63% de 2015.
-
06
Cambio en Taboadela
Senén Pousa pasou a ser o alcalde con máis anos no cargo despois de que Manuel Gallego Vila, rexedor de Taboadela dende 1972, decidise non presentarse á reelección, despois de 47 anos como alcalde e 52 como concelleiro. O PP, que en 2015 obtivera xa unha axustada maioría (5 de 9 concelleiros) foi superado polo PSdeG-PSOE, que gañou as eleccións, con 4 edís. Os socialistas poderán gobernar se reciben o apoio da Candidatura Veciñal de Taboadela, que obtivo un concelleiro. O PP caeu ata o 28,8%.
-
07
Concellos sen PP
O PP foi o único partido que presentou lista en todos os concellos. E a pesar do seu descenso xeral, a formación conservadora obtivo representación en case todos eles. Pero non en todos. En Vilar de Santos, por exemplo, os populares volveron quedar fóra da corporación, obtendo só un 11% dos votos. O mesmo sucedeu en Negueira de Muñiz, onde o Parido Popular non terá voz nos plenos: 3 para o PsdeG e 2 para Negueira Viva. Pola contra, tamén atopamos exemplos coma o de Quintela de Leirado ou Beariz (ademais do xa comentado de Vilarmaior), onde o PP fixo pleno: 7 de 7.
-
08
Maior triunfo do PP
Beariz (89% dos votos), Vilarmaior (88%) e Quintela de Leirado (88%) son os tres concellos nos que o PP acadou unha vitoria máis ampla. Esgos, Friol, Cualedro, Baltar, Muíños, Sarreaus ou A Veiga os populares roldan igualmente o 80%.
-
09
Maior vitoria do PSdeG-PSOE
Os triunfos socialistas son algo menos esmagadores, pero atopamos localidades nas que as listas do PSdeG-PSOE superaron o 85%, como Ribeira de Piquín. En Ourol (82%), Dumbría (81%), Pedrafita (79%), Trabada (79%), Calvos de Randín (77%), Petín (74%) ou Cerdido (74%) os socialistas conseguen uns resultados igualmente espectaculares. Mesmo por riba do dato de Vigo (68%)
-
10
O dominio máis claro do BNG
Os nacionalistas afianzaron o seus gobernos locais en prazas fortes como Moeche (68%), Allariz (62%), San Sadurniño (57%) ou A Mezquita (65%), onde conseguen cómodas maiorías absolutas.
-
11
Candidaturas provinciais con máis ou menos éxito
Había varias candidaturas que se presentaban nun certo número de concellos no ámbito dunha provincia ou dunha comarca, co obxectivo nalgúns casos de acadar ou mellorar a súa representación nos plenos das deputacións provinciais. Algunhas tiveron un éxito claro, e outras, algo menos. Na Coruña, Alternativa dos Veciños mantivo a súa maioría absoluta en Oleiros e foi a forza máis votada en Carral, obtendo ademais edís en Arteixo, Cambre e Sada.
Máis cativo foi o resultado do Espazo Común de Pachi Vázquez, que acadou 3 edís no Carballiño e Piñor e 1 en Amoeiro e Carballeda de Valdeorras, ficando fóra das corporacións dos outros catro concellos nos que se presentaba. Galicia Sempre, a candidatura de Manuel Martínez, repetiu vitoria en Becerreá e obtivo representación en Sarria e Meira, pero ficou no 1% na cidade de Lugo. Finalmente, Democracia Ourensana só acadou representación en 2 dos 10 concellos nos que se presentaba fóra da cidade de Ourense: Barbadás e Pereiro de Aguiar.
-
12
Nigrán e Vilalba encabezan o asalto da esquerda ás vilas
O PP pode quedar sen a única cidade que gobernaba e o 26M tampouco recuperou terreo nas vilas. Entre os concellos máis poboados de Galicia, os populares só controlarán Arteixo, Ribeira, Marín, Lalín, Sanxenxo, Mos, Noia e Ordes. O resto da Galicia vilega será gobernado por forzas progresistas, con triunfos tan simbólicos para o PSdeG coma o de Vilalba ou tan destacados coma o de Nigrán, onde os socialistas case duplicaron os seus votos, acadando 13 dos 17 concelleiros.
-
13
Caballero 63- Feijóo 17
Non é o resultado dun mal partido de baloncesto, senón a diferenza entre o PsdeG-PSOE e o PP na mesa electoral na que vota o presidente da Xunta. Aínda que Abel Caballero acadou nesta céntrica mesa do Colexio Niño Jesús de Praga un resultado algo inferior ao 67% do conxunto da cidade e que o PP superou o seu pobre 14%, a marxe entre os dous partidos foi "extraordinaria, espectacular"